quarta-feira, 29 de outubro de 2008

O centro de saúde de Vite ensina aos maiores como chegar a ser centenarios


Comeza un programa de prevención da dependencia e envellecemento activo e saudábel

Para alcanzar os 100 anos con boa saúde é necesario respectar este decálogo: facer comidas caseiras elaboradas con produtos naturais e comer con tranquilidade, estar ao aire libre, practicar exercicio físico, exercitar a mente, ter sempre unha actitude aberta e positiva, buscar solucións e superar as dificultades, estar a gusto cun mesmo e ter polo menos unha ilusión, coidar as relacións cos demais, gozar das pequenas grandes cousas para «engancharse» á vida, e facer todo con moderación. Este é un das mensaxes que o centro de saúde de Vite ofrece ás persoas con idades entre 55 e 75 anos, e a coidadores de enfermos, nun programa de prevención da dependencia e envellecemento activo e saudable, que comezou onte e finaliza no 2010.

A traballadora social do centro, Isabel Redondo, destaca o interese con que foi acollida esta oferta, pois as 15 prazas iniciais quedaron escasas, e parte das inscricións atenderanse a partir de xaneiro.

As actividades son os martes e xoves pola tarde, e onte inauguráronse coa presenza de Jorge Rubén Sampedro, subdirector do Maior da Vicepresidencia da Xunta; e Bernardo Seoane, xefe de servizo de estilos de vida saudábel da Dirección Xeral de Saúde Pública.

Tamén acudiron representacións da Coordinadora de Vite e do centro sociocultural do barrio, e outros profesionais da sanidade pública.

Aprender a coidar

O primeiro obradoiro tratou sobre como coidar a un enfermo sen enfermar, e dirixiuse sobre todo a coidadores. Impartiuno Agostiña Portabales, traballadora social. Mañá será sobre musicoterapia e estará a cargo doutra traballadora social, Ana Pazos.

O obxectivo, indica Isabel Redondo, é que se vexa o centro de saúde non só como un lugar onde tratar a enfermidade, senón que se preveña a súa aparición con actividades preventivas e de promoción do benestar físico e mental, orientadas tamén a persoas sas para que se coiden e teñan unha boa calidade de vida nos aspectos físicos e emocionais.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aqui

quinta-feira, 23 de outubro de 2008

Mil 'vips' abarrotan hoxe a gran festa dos "Gallegos del Año"


Emilio Pérez Touriño, Anxo Quintana e sete conselleiros presidirán, xunto a outras autoridades, unha gala que congregará ás máis altas representacións de todos os ámbitos sociais ·· Máis dun milleiro de persoas daranse cita, ás 19.30, no Auditorio de Galicia ·· Especial

Ás sete e media da tarde de hoxe e no compostelano Auditorio de Galicia, no Campus Norte, iniciarase coa recepción de autoridades, galardonados e invitados, a décimo novena gala dos Galegos do Ano, premios instituidos polo Grupo Correo Galego e que co transcorrer das súas edicións fóronse afianzando en estima e recoñecemento públicos, até o punto de constituír un dos eventos sociais de maior relevancia en Galicia.

O titular da Xunta, Emilio Pérez Touriño; o vicepresidente, Anxo Quintana, e sete conselleiros presidirán un acto que congregará a máis dun milleiro de persoas dos máis variados ámbitos sociais, políticos, económicos e culturais e na súa máxima representación, para aplaudir a José Manuel Otero Alonso, presidente do grupo Pontes, como Galego de 2008, e a outras personalidades e institucións que cada trinta días foron designados como Galegos do Mes polas redaccións dos medios que integran o grupo de comunicación da capital de Galicia.

De igual xeito, o Parlamento e as administracións central, xudicial e militar estarán representadas polos seus máximos dirixentes nesta comunidade, no que constitúe un rango protocolario sen precedentes.

A presentación, a través dun coidado despregue audiovisual, do perfil de quen foron distinguidos como Galegos do Mes abrirá o acto para, a continuación, procederse á entrega das estatuillas e diplomas acreditativos.

Seguidamente, procederase á lectura do acta do xurado outorgadora do Galego do Ano, e seguidamente o profesor da Universidade de Santiago Xosé Luís Barreiro Rivas lerá a laudatio do homenaxeado.

Trala entrega da medalla conmemorativa e o correspondente premio en metálico, será José Manuel Otero quen pronuncie unhas palabras.

O titular da Xunta, Emilio Pérez Touriño, será o encargado de poñer fin á entrega de premios cunha breve intervención glosando a significación dos recoñecementos e dos premiados. O grupo de música antiga Meendinho ofrecerá a continuación unha breve e coidada selección de cantigas de amigo para concluír cun cóctel para todos os asistentes.

Como se sinalaba, a gala concede especial protagonismo ás máis novedosas técnicas de son e imaxe na presentación dos galardoados e nos efectos de luz no esceario e será presentada polas xornalistas do Grupo Correo Olga Vilar e Susana López. Tanto Radio Obradoiro como Correo Televisión realizarán un amplo despregue de medios técnicos e humanos para ofrecer a retransmisión do acto en directo e para realizar reportaxes e entrevistas que encherán a parrilla de programación de ambos medios en días sucesivos.

Hai que sinalar, para rematar, que as inmediacións do Auditorio de Galicia, lugar do acto, estarán controladas por axentes da Policía Local de Santiago nun despregue especial que permita facilitar a circulación pola zona así como o acceso ao máis dun milleiro de persoas invitadas á celebración.

  • PRATA E OURO

Medalla conmemorativa

A medalla conmemorativa do Premio Galego do Ano reproduce no anverso a efixie do galardonado, José Manuel Otero, e no seu reverso o anagrama do Grupo Correo Galego e o título da distinción. Foi realizada en ouro e prata polo renomeado orfebre santiagués Antonio González, que rexenta a casa Orfebre R. González, no número 2 da compostelana praza Feixoo.

  • CANTIGAS DE AMIGO

Meendinho pechará a gala

Concluída a entrega de premios, o grupo de música antiga Meendinho poñerá o broche musical, coa interpretación de cinco breves cantigas de amigo da época medieval galega e da autoría de Pero de Veer, Pero Meogo, Martín de Ginzo e Pai Gomez Carinho. O grupo que pechará a gala está integrado pola cantante Paulina Ceremuzynska, que dirixe a formación, e os instrumentistas Fernando Reis -cítola e laúd medieval- e Carlos Castro, na percusión.

  • VALORACIÓN

Unanimidade ao eloxiar os premios

Tanto premiados como as autoridades que nos 18 anos precedentes presidiron a gala foron unánimes á hora de ensalzar a significación dos galardóns e do grupo de comunicación que os fixo posíbeis. Se para Manuel Fraga "a alma do CORREO está na cidadanía de Galicia", Touriño sinalou que os galardóns converten os méritos dos individuos "en valores para o conxunto da sociedade", Mariano Rajoy destacou que "priman á persoa por encima de todo" e Paco Vázquez apuntou que "todos os galegos podémonos ver reflectidos con orgullo no CORREO GALEGO". Finalmente, resumindo a esencia dos mesmos, Feliciano Barreira argumentou que os premios defenden "aos que buscan lugares de encontro fronte a quen apostan pola confrontación".

Para ler a nova no seu lugar de orixe preme aqui

Bibliotecas escolares para aprender máis culturas e igualdade


A USC desenvolve un novo proxecto nos colexios de Vite e Raíña Fabiola

As bibliotecas escolares poden ser un medio privilexiado para ensinar ao alumnado a diversidade e igualdade das linguas e culturas do mundo. Con esa idea desenvolveuse en febreiro e marzo, nos colexios públicos Raíña Fabiola e Vite, o novo proxecto de cooperación cultural «As bibliotecas de centro como espazos para a interculturalidade», do que onte expuxeron as conclusións iniciais unha representación do profesorado e alumnado das facultades de Filoloxía e Ciencias de Educación que o deseñou e o levou a cabo.

Participaron 22 escolares de quinto curso de primaria do Raíña Fabiola, e 35 de quinto e sexto de Vite. Ensináronselles os diferentes idiomas que se falan no mundo, desde os máis coñecidos para eles por estudalos na escola, a outros minoritarios que descoñecían. Tamén lles mostraron os diferentes xeitos de escritura e os distintos alfabetos que se utilizan. E tiveron ocasión de escoitar idiomas que descoñecían e até de poder expresarse brevemente nalgún.

Foron só tres sesións, explicou Luz Zas, docente de Ciencias da Educación, pero moi efectivas. «Estas actividades ligadas á diversidade lingüística e cultural foron positivas. O mapa social e lingüístico galego está a experimentar un cambio importante debido aos movementos migratorios, que definen o século XXI, e a escola ten que se comezar tamén a definir como un espazo pluricultural e plurilingüe», afirmou. Con ela coordinaron a actividade Inmaculada Mái, igualmente de Ciencias da Educación; e María Teresa Díaz, de Filoloxía.

Calidade de vida

O vicerreitor de Cultura, Elías Torres, que apoia esta iniciativa, afirmou como obxectivo da Universidade o traballo «en termos de acción social e de beneficio da cualidade de vida das persoas, e iso moitas veces modificando, tendo unha profunda capacidade de innovación e de mudanza como foi o traballo destas profesoras». Resaltou así mesmo o «enriquecemento e beneficio mutuo» que se conseguiron.

Para ler a nova no seu lugar de orixe preme aqui

terça-feira, 21 de outubro de 2008

A Escola de Idiomas bate a súa marca este curso con 3.655 estudantes presenciais


Con alumnado libre, a distancia e de monográficos prevé que superará os 4.000

A Escola de Idiomas de Santiago ten matriculados este curso 3.655 estudantes que acudirán a clases presenciais. Ademais, hai outros 65 que estudarán inglés a distancia, e falta o alumnado libre e o de cursos monográficos, polo que prevé superar os 4.000.

O crecemento de demanda foi espectacular, explica a directora, Esperanza Moreiras. A maioría do alumnado presencial, 2.318, estudarán nas instalacións de Vite; e 728 nas instalacións do IES de Sar, onde se imparte inglés polas tardes. Hai que sumarlles 226 que se matricularon na extensión do centro en Noia, 167 en Ordes e 151 en Ribeira.

Esta presión de alumnado provoca que as dependencias se quedaron aínda máis escasas: «Na Secretaría xa non nos caben os expedientes, e para o profesorado falta espazo, dispoñen como dunha lata de sardiñas en que apenas se poden remexer», sostén Moreiras. O Consello Escolar reunirase a final de mes e de novo abordará a reivindicación de novas instalacións, porque o actual centro quedouse moi escaso.

De momento, «non hai ningunha novidade» sobre esa cuestión, indica a directora. Fai uns días dialogaron co Concello sobre este asunto, e a edila de Educación indicoulles que propuxeron catro terreos diferentes á consellería para edificar un novo centro, polo que están á espera de resposta. A preferencia municipal parece continuar nun solar de Conxo. Pero non hai decidido nada e descoñécese cando poderá polo menos empezar a redactarse o proxecto.

Alumnado novo e adulto

Mentres o novo centro non prospera, o actual e a extensión existente en Sar deben atender unha demanda crecente e que aínda pode aumentar máis nos próximos días. Porque aínda falta por pechar o curso de español para estranxeiros, no que se admiten novas inscricións. Para captar alumnado difundiuse este ensino, que empeza este curso xunto con italiano, en centros universitarios e en establecementos de chineses e de persoas doutras nacionalidades onde podería haber candidatos interesados en aprender. A publicidade en centros da USC orientábase sobre todo ao alumnado que veña a estudar a través do programa Erasmus, que aínda está en fase de incorporación, e que se anota progresivamente, indica Esperanza Moreiras.

Este estudiantado é novo . Pero tamén hai actividade orientada a máis adultos, como os cursos monográficos en certas disciplinas que se ofertan en galego e inglés; ou neses dous idiomas e en portugués, alemán e francés do centro para docentes non universitarios, que os tramitan a través do centro de formación de profesorado da cidade.

O centro organiza actividades, como unha sesión de curtametraxes de Quebec, en francés e mudos, prevista para hoxe.

Para ler a nova no seu lugar de orixe preme aqui

segunda-feira, 20 de outubro de 2008

Clausúrase no NH Obradoiro con gran éxito o 'Show Room' de vodas


Ás nove da noite clausurouse onte no hotel NH Obradoiro o Show Room de vodas, certamen que puxeron en marcha sete empresas compostelanas especializadas en enlaces. Así, Pronovias, Viva Noivos, Joyería Regueira, Peluquería Rosa Gómez, Adolfo Enríquez Fotógrafo, Floristería Fiuncho e Costa Crucero deron a coñecer a moitas parellas cais son as últimas tendencias á hora de casar.

Para ler a nova no seu lugar de orixe preme aquí

domingo, 19 de outubro de 2008

Fuxan os Ventos abarrota o Auditorio nas súas dúas noites de 'revival' musical

Un dos grupos míticos do folk galego volve ao esceario tras case vinte anos de ausencia ·· O seu novo espectáculo gravarase en CD e DVD

Un aforo repleto -con todas as entradas vendidas xa con máis de dúas semanas de anticipación- celebrou onte a volta ao escenario de Fuxan os Ventos, un dos grupos míticos do folk galego, que tras case vinte anos volve cun novo espectáculo, Terra de Soños, que se converterá nun traballo en CD e DVD, con gravacións en directo.

Nostálxicos, seguidores empedernidos e novas incoporacións gozaron onte da música dun dos grupos máis comprometidos coa cultura galega, que volverá actuar hoxe, ás nove da noite, no Auditorio de Galicia, unha segunda actuación para a que a venda anticipada de entradas tamén estaba onte esgotada.

Colaboradores de luxo

A volta a escea de Fuxan os Ventos conta, como non podía ser menos, coa colaboración dalgúns dos nomes máis destacados do panorama musical galego, como Xabier Díaz, Guadi Galego, Uxía, Mercés Peón, ou Rodrigo Romaní. Nas súas actuacións contan ademais co acompañamento dunha banda que está dirixida por Xosé Lois Romero.
  • OS DATOS
Tres décadas

Fuxan os Ventos, que volve xuntarse sobre un escenario case vinte anos despois do último concerto, ten detrás un traballo de máis de tres décadas, con oito discos editados.

De sempre

Terra de soños recorre á participación de amigos da banda para volver a vista sobre temas de sempre, como A Carolina ou Sementeira, que volveron soar onte no Auditorio.

Para ler a nova no seu lugar de orixe preme aqui

O NH Obradoiro mostra as últimas tendencias en vodas


O hotel compostelano acolle até hoxe un 'showroom' onde se ofrece asesoramento especializado ·· Hai demostracións de perruquería e maquillaxe

Desde traxes nupciais até demostracións de peiteados e maquillaxe pasando por adornos florais e xoiería, o showroom de vodas que se celebra desde o venres até a noite de hoxe, domingo, no hotel NH Obradoiro, ofrece aos noivos asesoramento especializado para dar o "si, quero" con todo organizado e coas últimas tendencias.

Desde as doce da mañá até as nove da noite, en horario ininterrumpido, o espazo para enlaces nupciais tivo unha gran acollida por parte de numerosas parellas e curiosos. Un dos stands máis visitados foi o dedicado a maquillaxe e barbaría, con demostracións in situ do que se leva esta tempada outono-inverno.

Ademais, os asistentes puideron degustar os pinchos ofrecidos polo restaurante Azabaches como mostra da súa oferta gastronómica para os banquetes.

Ademais dos traxes para a noiva e o noivo, as xoias tamén captaron a atención dos visitantes, sobre todo, os aneis de compromiso, onde seguen arrasando as sortixas con diamante.

O showroom conta cunha decoración moi orixinal e vistosa a cargo da floristería Fiuncho.

Para ler a nova no seu lugar de orixe preme aqui

domingo, 12 de outubro de 2008

A cara máis escura de Compostela


A insuficiencia de puntos de luz converte rúas, prazas e aparcadoiros da cidade en auténticos buracos negros onde a iluminación brilla pola súa ausencia.

O verán xa terminou e as noites de outono iranse facendo máis longas e escuras. A negrura farase máis presente e, nalgúns recunchos da cidade, campará ás súas anchas sen que a débil iluminación poida pór un pouco de luz en tanta escuridade. E é que a deficiencia da iluminación pública nalgunhas partes da cidade regalará un aura sinistra a algunhas rúas de Santiago.

[...]

Na outra punta da cidade, os residentes no Burgo das Nacións atópanse nunha situación moi parecida. Os farois nas inmediacións deste centro non proporcionan suficiente claridade como para que os que camiñan por alí non sentan certa sensación de desasosego pola noite. O aparcadoiro do Auditorio, o parque da Música e a zona de Pelamios gozan, cando cae o sol, dunha escasa contaminación lumínica. Se se mira ao ceo, pódense divisar as estrelas. Pero se se fixa a mirada á fronte, pouco se pode observar. Estefanía Losada, que vive durante o curso na residencia do Burgo, explica que «para ir pola entrada traseira do Burgo, hai que pasar por un tramo de rúa sen ningunha luz».

Outras zonas onde a escuridade actúa con premeditación, alevosía e, sobre todo, nocturnidade é na avenida de San Caetano. Os transeúntes atravesan esta avenida entra a penumbra e unicamente hai algo de visibilidade grazas aos focos que iluminan o edificio administrativo de San Caetano. Outras zonas como a Almáciga, Vite ou Conxo viven entre claroscuros pola falta de luz pola noite.

Para ler a nova no seu lugar de orixe preme aqui

quinta-feira, 9 de outubro de 2008

A creación da muller en Galicia a traveso da mirada de 26 artistas


Esta tarde inaugúrase na sala Isaac Díaz do Auditorio de Galicia a exposición Marxes e Mapas. A creación de xénero en Galiza, que reúne a obra de 26 creadoras. Esta colectiva, que se poderá visitar ate o de febreiro do 2009, é unha proposta que conta cun conxunto de miradas arredor dun mapa creativo que toma como referencia contextual a mostra A Arte inexistente. As artistas galegas do século XX , exhibida en 1995. O obxectivo é servir como un lugar para o diálogo e a reflexión sobre a creación da muller en Galicia. Os comisarios desta montaxe expositiva son Chus Martínez e José Manuel Lens, que intervirán hoxe ás 20.00 horas na inauguración xunto coa concelleira de Cultura, Socorro García.

Para ler a nova no seu lugar de orixe preme aqui

Música de concerto sen etiquetas e con opción a tusir


A Real Filharmonía de Galicia abriu por primeira vez ao público un ensaio xeral

Música en estado puro. En mangas de camisa, sen aplausos de cortesía e coa luz da sala acesa. Así foi o ensaio xeral aberto ao público que ofreceu onte por primeira vez a Real Filharmonía de Galicia.

Foi no primeiro dos oito que vai haber ao longo da temporada, unha novidade que ten o propósito de achegarlle aos composteláns o traballo da orquestra, duns mestres da música que mirados sen paxariña nin frac enriba do escenario parecen máis próximos, aínda que a súa capacidade para facer vibrar os instrumentos que tan ben dominan convérteos en especiais, sen dúbida algunha.

Entre as arredor de sesenta persoas que acudiron ao Auditorio de Galicia para o ensaio aberto había dous ou tres grupos familiares, de pais e fillos pequenos. E melómanos que se delataban pola súa necesidade de emular ao director dende a butaca levando o ritmo da orquestra coas súas man discretamente. So podían asistir á segunda parte (porque na primeira intervén un solista e necesita unha maior concentración), do programa que a Real Filharmonía vai interpretar no concerto desta noite, dirixido polo director asociado da orquestra residente no Auditorio, o compostelán Maximino Zumalave, que tamén estivo á fronte da preparación en tempo case real actuación.

Os responsables da Real Filharmonía e do Auditorio, que colabora estreitamente con esta iniciativa, decidiron que estes ensaios coincidan con concertos que inclúen obras do repertorio sinfónico. E onte foi a Sétima Sinfonía de Beethoven. Nos sucesivos encontros abertos as obras van ser de Haydn, Schubert, Mendelssohn, Sibeluis e Ravel entre outros.

O público que se anime a asistir poderá participar, como vén dixo Zamalave nunhas breves palabras previas ao inicio do ensaio, a algo así como a elaboración dunha obra artista que aínda está no taller, no estudio dun pintor ou no obradoiro dun escultor. Claro que non é o mesmo, porque os mestres da RFG o que fixeron onte foi a última posta a punto dos axustes que marca o director, que son distintos segundo de quen se trate. A intención é que ao remate de cada un deste ensaios o público lle faga preguntas ao director. Onte non houbo, se cadra porque non houbo quen iniciara o debate, e iso que na sala estaban algúns bos afeccionados.

Para ler a nova no seu lugar de orixe preme aqui

Asociación Veciñal "Polígono de Vite"

Asociación Veciñal Polígono de Vite

Proxecto "Urbana Santiago norte"

proxecto URBANA SANTIAGO NORTE

Centro socio-cultural "José Saramago"

Centro socio-cultural José Saramago

Estades controlados

Auditorio de Galicia

Auditorio de Galicia

Snap Shots

Get Free Shots from Snap.com

Novas Vitenses © 2008. Template by Dicas Blogger.

TOPO