segunda-feira, 19 de abril de 2010

Unha explosión de gas destroza a cociña dunha vivenda en Vite

O suceso tivo lugar ás doce do mediodía, e aínda se están analizando as causas // Unha muller foi trasladada ao Clínico por problemas de ansiedade

Algúns veciños pensaron que se trataba de foguetes festivos como os que se estaban tirando na cidade, pero realmente era unha explosión de gas que provocou grandes danos materiais, e obrigou a trasladar ao Clínico a unha muller cun ataque de angustia.

O suceso tivo lugar ao redor das doce do mediodía nunha vivenda situada na rúa de Celso Emilio Ferreiro, no barrio de Guadalupe, onde unha explosión provocou importantes desfeitas na cociña dun dos pisos, desprazando todos os mobles e rompendo cristais.

Até o lugar desprazáronse os Bombeiros, así como membros da Policía Nacional e Local, que procederon a controlar a contorna do edificio número dous, onde tivera lugar a explosión, concretamente, no baixo C do citado inmoble.

Pouco tempo despois, unha ambulancia do 061 dirixiuse tamén a este punto, para trasladar á muller até o hospital Clínico. Segundo explicaron os Bombeiros, ademais dos problemas de nervios, xa que se atopaba na cociña no momento no que se produciu o estalido, tamén presentaba problemas de tensión, polo que se considerou máis seguro que fose sometida a un recoñecemento a fondo no centro sanitario.

O suceso provocou unha gran expectación na zona, e boa parte dos residentes na casa déronse cita na rúa mentres os membros do corpo de Bombeiros procedían a ventilar e inspeccionar a cociña da vivenda.

A orixe do problema aínda se está investigando por parte da compañía do gas, segundo explicaron os Bombeiros, xa que en principio non se detectou ningunha fuga. A vivenda comparte un depósito de propano con varios edificios próximos.

Unha das hipóteses é unha posible fuga relacionada cunha obra que se realizou no inmoble fará uns dez días, pero aínda se está investigando por parte dos técnicos.

Por fortuna, sinalaron, a onda expansiva rompeu as xanelas da cociña e saíu cara ao patio, evitando así danos maiores.

Non foi a única intervención que tiveron que facer onte os Bombeiros, xa que media hora antes foron requiridos tamén os seus servizos, aínda que para un labor moi distinto.

Neste caso tratábase de rescatar a unhas persoas que se quedaron atrapadas no interior dun ascensor no número vinte da rúa Santiago de Chile, no Ensanche

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

Unha pequena explosión de gas causa danos nunha cociña de Vite

As probas técnicas evidenciaron despois do sinistro que a instalación da vivenda era correcta

Unha muller, que facía a comida, foi trasladada ao Clínico e dada de alta sen feridas ás poucas horas

Unha pequena explosión de gas ocorrida ao mediodía de onte causou danos na cociña do número 2 da rúa Celso Emilio Ferreiro, no barrio de Vite. A presenza dos bombeiros e unha ambulancia no lugar ocasionou certa alarma nos primeiros instantes, aínda que non houbo que lamentar danos persoais.

Os bombeiros recibiron aviso do suceso ás 12.07 horas e desprazáronse ao lugar. Atoparon a unha muller, que preparaba a comida do mediodía na cociña, cunha crise de ansiedade, ademais de serias desfeitas. Unha ambulancia trasladou á muller ao Clínico, onde recibiu asistencia en urxencias, e á primeira hora da tarde foi dada de alta. Desde o primeiro momento sospeitábase que a súa situación non era grave, pois aparentemente non se observaban mazaduras, cortes nin outras feridas.

Na vivenda onde ocorreu a explosión realizáronse obras, e sospeitábase que algún elemento da instalación puidese quedar con deficiencias e que esa fose a explicación do escape de gas que motivou o sinistro. Con todo, un técnico, que se desprazou ao lugar, comprobou que a instalación de gas estaba en principio correcta. Agora faranse novas probas para tratar de determinar a causa exacta do accidente e tratar de solucionala para que non se repita.

A explosión ocasionou bastantes desfeitas na cociña. Arrincou de raíz mobles da zona baixa e provocou a rotura de cristais que daban para o patio.

A presenza dos bombeiros no lugar demorouse durante unhas dúas horas, ata aproximadamente as 14.00 horas, e a continuación realizábanse na zona accidentada labores de limpeza e acondicionamento da cociña.

Rescate e accidente

Os bombeiros acudiran pouco antes, sobre as 11.25 horas, ao número 20 da rúa Santiago de Chile, para rescatar a un matrimonio que quedara atrapado nun ascensor.

Suponse que este incidente se debeu a unha avaría do aparello, pois non faltou a luz nin ocorreron outros incidentes que puidesen explicar o ocorrido.

Por outra banda, ás 20.45 dous vehículos chocaron frontalmente en Xoán XXIII. Unha persoa foi trasladada ao Clínico con feridas leves, e os automóbiles tiveron importantes desfeitas.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

sexta-feira, 16 de abril de 2010

Un maior esplendor para Vite

Construiranse 174 novas vivendas e un hotel que engrandecerán o barrio e darán continuidade á estructura viaria


AO BARRIO DE VITE chegoulle a hora de ser rematado e de conseguir un maior esplendor cun proxecto, o do SUD-7 de Vite de Arriba, co que se prevé a construción de preto de duascentas novas vivendas e un hotel.

Foi a finais do mes de marzo cando a Xunta de Goberno local aprobou inicialmente ou Plan parcial de ordenación deste territorio situado entre os núcleos tradicionais do barrio, o SUNP-7 de Avío e o polígono de Vite. Esta nova proposta basease no criterio de mantemento de urbe continua, resolvendo o remate e a transición entre estes núcleos, anexionándoos á cidade e dando continuidade á estrutura viaria e aos espazos públicos do contorno.

Libres e de protección
En virtude deste plan, construiranse 174 vivendas, das que 134 serán libres e o resto de protección oficial. Entre elas, haberá vivendas plurifamiliares e unifamiliares encostadas e illadas. Trátase dun proxecto dos arquitectos Ángel Alonso e Xerardo Estévez, do que a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, quixo destacar o respectuoso que é dentro dunha topografía delicada. "Ten unha gran calidade, tanto polo trazado urbano como no aspecto arquitectónico", sinalou a edil na rolda de prensa de presentación.

Zonas verdes e comerciais
A superficie do ámbito alcanza os 60.216 metros cadrados, dos que 24.086 serán de superficie construída. Os espazos públicos ocuparán un lugar privilexiado, xa sexa incorporando elementos do espazo natural contiguo integrándoos na cidade, ou de nova concepción, pensados como pezas urbanas con actividade. Así, máis de 11.000 metros cadrados reservaranse para zonas verdes e libres. Tamén están previstos 3.550 metros cadrados para uso comercial e dúas pezas para construír un hotel. Cabe destacar, que o deseño deste uso hostaleiro permitirá o tránsito peonil por baixo del. En canto ao trazado viario, este servirá para conectar o ámbito coa zona de equipamentos de Vite.

Pendentes de informes sectoriais
Para poder pór en marcha este proxecto foi necesario realizar unha modificación parcial da PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal) que permitise resolver da mellor maneira as conexións da zona norte da cidade.

Esta modificación está pendente unicamente dos informes sectoriais para ser sometida á aprobación provisional polo Pleno municipal, tras o que se solicitará a aprobación definitiva da Xunta.

Este será o seu aspecto final
Durante a presentación do SUD-7 de Vite de Arriba mostráronse algúns planos da zona e unha infografía de como será a nova zona residencial. Nela aprecianse os edificios, así como o trazado viario, as zonas verdes e o tránsito peonil, nun deseño ordeado e moi respetuoso co ámbito.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

quinta-feira, 15 de abril de 2010

A feira de cada un contada por todos para coñecer a lingua

Estudantes do Xelmírez II aprenden o galego vivo nos mercados da cidade

Conta o proverbio que cada quen fala da feira segundo lle vai nela. E o alumnado de cuarto de secundaria do Xelmírez II ben que o comprobou onte no mercado de Amio, onde entrevistaron tratantes, e os outros feirantes, para recoñecer as diferentes variedades da lingua e coñecer as actividades deste importante acontecemento gandeiro.

Foi unha visita de estudos e serviu para que moitos alumnos e alumnas acudisen por vez primeira a Amio. «Tomaron contacto directo cunha das actividades máis tradicionais da nosa economía, a gandaría. Preguntaron sobre a forma de traballar xa nas granxas xa no mercado, sobre a aprendizaxe deste oficio, sobre a oscilación dos prezos, sobre o traballo cos animais ou como afecta a crise económica a este sector», explica Felicia Estévez, a docente de lingua que os acompañou na singular aventura.

Agora, «coas respostas gravadas realizarán un traballo para recoñecer o lugar de procedencia da persoa entrevistada», acrecenta a profesora. Deberán identificar a gheada, o seseo, as diferentes formas do plural, e outros fenómenos que se dan na realización viva do noso idioma.

Praza de Abastos

Estiveron unha hora en Amio, e utilizaron diversos métodos para facer as gravacións, mesmo aparellos de telefonía celular. No camiño de volta para o centro, o alumnado comentaba as súas conclusións, como que é unha profesión moi ligada á herdanza familiar, que se vai pasando de pais a fillos. Non faltaron as apreciacións de xénero: son homes maioritariamente os que acoden á feira cos animais, aínda que as mulleres participen no traballo da granxa. E tamén comprobaron como a produción de alimentos se trata dun traballo bastante duro.

A próxima semana o centro organiza unha actividade semellante, aínda que para receptores diferentes: será para o alumnado de segundo curso da secundaria, que acudirá ao mercado de abastos para ver o seu funcionamento. «É curioso que sendo rapaces e raparigas de barrios de Santiago boa parte non coñezan ese mercado, que é un dos lugares da nosa cidade máis visitado por turistas», indica Felicia Estévez.

Son dúas maneiras diferentes de aprender, a través do contacto directo e o traballo posterior: «Este tipo de actividades resulta máis atractivo que a rutina da aula», afirma a profesora.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

quarta-feira, 14 de abril de 2010

O Xelmírez II une a nove entidades para convivir mellor no instituto

A prevención de expulsións ou a mediación en conflitos experiméntanse con éxito

Nove entidades e institucións unen os seus esforzos para conseguir un mellor clima de convivencia no Instituto Xelmírez II. A iniciativa púxose en marcha este curso e os seus resultados son positivos, segundo valoran Felicia Estévez e Aurora Pérez, profesora e orientadora do centro; e Rosa Álvarez, psicóloga do Plan Sociocomunitario de Vite. No proxecto colaboran docentes e orientadora do instituto; a traballadora social do Centro de Saúde de Vite; a orientadora do colexio de infantil e primaria de Vite; persoal de Servizos Sociais do Concello, da Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes e da Unidade Municipal de Atención Familiar, o Plan Sociocomunitario de Vite, a Fundación Secretariado Xitano e a entidade de apoio a poboación inmigrante Galicia Acole.

Representantes das nove organizacións reúnense periodicamente para tratar de previr conflitos. As actuacións comprenden desde coñecer características de alumnado que vai incorporarse ao instituto, para ver que necesidades pode ter ás que deba buscar resposta o instituto; á intervención directa con estudantes con ameaza de expulsión polo seu mal comportamento na aula para tratar de evitalo.

En seis ocasións, estudantes con expulsión temporal -de 3 días a un mes- recibiron atención directa de persoal do Plan Sociocomunitario, o que nalgúns casos foi unha axuda para as súas familias.

Felicia Estévez explica que o Regulamento de Réxime Interno prevé que o alumnado preste certos servizos en beneficio do centro: «por exemplo, de ser sorprendido alguén pintando paredes ou mesas, ven unha tarde ao instituto para pintar algo de interese común; ou se se encontra alguén fumando, ven recoller restos de cigarro e limpar».

Coordinar recursos

Hai alumnado que non acepta facilmente as normas, que se resiste reiteradamente, sobre todo nos dous primeiros cursos de secundaria: «a partir de terceiro da ESO ben se nota como descende a conflitividade, porque hai unha maior madurez e son máis capaces de controlárense», indica Aurora Pérez, orientadora do Xelmírez II. «O importante da experiencia que se leva este ano neste instituto é que se coordinan recursos. Porque moitas veces eses recursos existen e a falta de coordinación impide conseguir resultados», sostén Rosa Álvarez.

A vicedirectora do IES encárgase de coordinar este proxecto «para ver como ou instituto inflúe na súa zona e tamén como a zona repercute no centro», agrega Rosa Álvarez. Nas vacacións de Pascua o Plan Sociocomunitario organizou un campamento dunha semana en Arnela (Porto do Son), tamén co obxectivo de previr a conflitividade. «Están formados dous grupos de traballo de alumnado, un, Polos bos tratos, e outro de maioría de etnia xitana», indica Felicia Estévez.

Un centro con menos alumnado pero con moitas máis culturas

O Xelmírez II chegou a escolarizar a 1.060 estudantes, agora ten 400. O envellecemento, e descenso de poboación escolar de Vite, influíu neste cambio. Pero agora ten moitas máis culturas representadas, con estudantes procedentes de dez nacionalidades de Europa do Leste e Iberoamérica, ata unha moza de Estados Unidos. Ademais, desde que hai secundaria obrigatoria, aumentou a presenza de alumnado de etnia xitana, e hai 14 este curso: «antes era difícil ver este alumnado non antigo BUP. Por iso o centro traballa en organizar unha xornada intercultural e outra do Día do Orgullo Xitano», indica Felicia Estévez.

Agora no Xelmírez II, que conmemora este ano o seu 25 aniversario, ten máis peso alumnado de zonas rurais de Santiago, ou de municipios limítrofes como Oroso e Trazo. Ademais de estudantes do colexio de Vite, centro que ten adscrito, tamén recibe matrícula do López Ferreiro, Santiago Apóstolo e Monte dos Postes.

Entre as actividades deste curso incidiuse na prevención das drogodependencias con estudantes de terceiro e cuarto de secundaria. Ofreceu esta actividade persoal do Plan Sociocomunitario de Vite, e proxectouse a película Puzzle, rodada en Vite, unha zona que hai anos presentaba bastante conflitividade asociada ao consumo de sustancias tóxicas.

Con Senegal

Estudantes de primeiro de secundaria iniciaron un proxecto de intercambio de cartas cun centro de Senegal, con quen se comunican en francés.

Para esta actividade é importante a colaboración do profesorado. A orientadora do centro destaca a dispnñibilidade de docentes do instituto para formarse e colaborar en recreos ou dedicando horas libres para a mellora do centro.

A escola de pais tratará de dereitos e deberes dos fillos

O Xelmírez II puxo en marcha este ano unha escola de pais, que pretende consolidar e que continúe en próximos cursos.

A primeira sesión tratou sobre a adolescencia, e na próxima, que será este mes, abordará os dereitos e deberes dos fillos. «É importante que vos pais se coñezan entre se, que discutan e compartan problemas sobre unha etapa difícil e tamén magnífica», afirma Rosa Álvarez.

Para ler as novas no seu lugar de orixe, preme aquí, aquí e aquí

Asociación Veciñal "Polígono de Vite"

Asociación Veciñal Polígono de Vite

Proxecto "Urbana Santiago norte"

proxecto URBANA SANTIAGO NORTE

Centro socio-cultural "José Saramago"

Centro socio-cultural José Saramago

Estades controlados

Auditorio de Galicia

Auditorio de Galicia

Snap Shots

Get Free Shots from Snap.com

Novas Vitenses © 2008. Template by Dicas Blogger.

TOPO