Mostrar mensagens com a etiqueta Santiagosiete. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Santiagosiete. Mostrar todas as mensagens

sexta-feira, 16 de abril de 2010

Un maior esplendor para Vite

Construiranse 174 novas vivendas e un hotel que engrandecerán o barrio e darán continuidade á estructura viaria


AO BARRIO DE VITE chegoulle a hora de ser rematado e de conseguir un maior esplendor cun proxecto, o do SUD-7 de Vite de Arriba, co que se prevé a construción de preto de duascentas novas vivendas e un hotel.

Foi a finais do mes de marzo cando a Xunta de Goberno local aprobou inicialmente ou Plan parcial de ordenación deste territorio situado entre os núcleos tradicionais do barrio, o SUNP-7 de Avío e o polígono de Vite. Esta nova proposta basease no criterio de mantemento de urbe continua, resolvendo o remate e a transición entre estes núcleos, anexionándoos á cidade e dando continuidade á estrutura viaria e aos espazos públicos do contorno.

Libres e de protección
En virtude deste plan, construiranse 174 vivendas, das que 134 serán libres e o resto de protección oficial. Entre elas, haberá vivendas plurifamiliares e unifamiliares encostadas e illadas. Trátase dun proxecto dos arquitectos Ángel Alonso e Xerardo Estévez, do que a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, quixo destacar o respectuoso que é dentro dunha topografía delicada. "Ten unha gran calidade, tanto polo trazado urbano como no aspecto arquitectónico", sinalou a edil na rolda de prensa de presentación.

Zonas verdes e comerciais
A superficie do ámbito alcanza os 60.216 metros cadrados, dos que 24.086 serán de superficie construída. Os espazos públicos ocuparán un lugar privilexiado, xa sexa incorporando elementos do espazo natural contiguo integrándoos na cidade, ou de nova concepción, pensados como pezas urbanas con actividade. Así, máis de 11.000 metros cadrados reservaranse para zonas verdes e libres. Tamén están previstos 3.550 metros cadrados para uso comercial e dúas pezas para construír un hotel. Cabe destacar, que o deseño deste uso hostaleiro permitirá o tránsito peonil por baixo del. En canto ao trazado viario, este servirá para conectar o ámbito coa zona de equipamentos de Vite.

Pendentes de informes sectoriais
Para poder pór en marcha este proxecto foi necesario realizar unha modificación parcial da PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal) que permitise resolver da mellor maneira as conexións da zona norte da cidade.

Esta modificación está pendente unicamente dos informes sectoriais para ser sometida á aprobación provisional polo Pleno municipal, tras o que se solicitará a aprobación definitiva da Xunta.

Este será o seu aspecto final
Durante a presentación do SUD-7 de Vite de Arriba mostráronse algúns planos da zona e unha infografía de como será a nova zona residencial. Nela aprecianse os edificios, así como o trazado viario, as zonas verdes e o tránsito peonil, nun deseño ordeado e moi respetuoso co ámbito.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

sexta-feira, 26 de março de 2010

Preto de 200 familias máis poderán vivir en Vite de Arriba

Urbanismo • Deuse o visto bo para a construcción de 174 pisos na zona • Haberá vivendas plurifamiliares libres e de protección e unifamiliares adosadas e illadas

ESTA SEMANA aprobouse inicialmente o Plan parcial de ordenación do SUD 7 de Vite de Arriba, onde se prevé a construcción dun máximo de 174 novas vivendas, das que 134 serán libres e o resto de protección oficial.

Serán vivendas plurifamiliares libres e de protección e unifamiliares adosadas e illadas, que se situarán nunha superficie que supera os 60.000 metros cadrados (24.000 serán de superficie construída). Alí tamén se reservarán uns 11.000 metros cadrados para zonas verdes e libres.

Ademais, están previstos máis de 3.500 metros cadrados para uso comercial e contémplanse dúas pezas de uso hostaleiro que, polo seu deseño, permitirán o tránsito peonil por baixo delas. A respeito do trazado viario, a edil de Urbanismo e Vivenda, Mercedes Rosón, destacou que conectará perfectamente o ámbito coa zona de equipamentos de Vite. A concelleira lembrou, ademais, que este Plan parcial obrigou a unha modificación parcial do Plan Xeral de Ordenación Municipal para resolver da mellor maneira as conexións da zona norte. Esta modificación está unicamente pendente dos informes sectoriais para ser sometida á aprobación provisional polo Pleno municipal, tras o cal se solicitará a aprobación definitiva pola Xunta de Galicia.

Os detalles deste proxecto residencial foron presentados pola concelleira de Urbanismo, quen resaltou o deseño deste Plan, obra dos arquitectos Anxo Alonso e Xerardo Estévez, por ser "moi respectuoso", dentro da "topografía delicada" deste ámbito.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

sábado, 16 de janeiro de 2010

"Con este partido homenaxe quítome un peso de enriba"

DESPOIS DE QUINCE ANOS no Autos Lobelle, o club decidiu prescindir del para esta tempada. Este sábado, o que fora o seu capitán durante tanto tempo poderá despedirse da súa afección como se merece: cun partido homenaxe entre os homes de Tomás de Dios e un combinado de amigos de Manu.

Con esta homenaxe, quítaste unha espiña?
Unha espiña e un peso de encima porque con toda a repercusión que tivo a miña familia pasouno mal. Hai moita xente que fala, unha sabendo e outra sen saber, e a verdade é que estou cansado de tanta polémica. Estou contento porque me vou poder despedir da xente e tamén porque dalgunha maneira queda todo resolto e cada un pode proseguir o seu camiño.

Que esperas do partido?
O que máis me importa é que salga todo ben e que non haxa ningún problema organizativo. Non vai ser unha competición nin moito menos. Quero que sexa unha festa para o público, os xogadores do Autos Lobelle e todo o fútbol sala santiagués.

O resultado é o de menos...
Si, o que tentamos foi facer un equipo o máis competitivo posible, que non fose unha pachanga. Queriamos buscar a alguén que representase a cada época na que estiven no Lobelle. Esperamos que haxa moitos goles, xogadas bonitas, que o xente góceo, que non haxa ningún caño...

Agora que pasou un tempo desde a túa marcha, como te sentes?
Téñoo moito máis asimilado. Aínda que nestas datas teño os dentes longos porque vendo competir á equipa na Supercopa, ao nivel en que estaba, como estaba o pavillón... Iso é algo que a todo xogador gústalle.

Alemao dixo que che dedicaría o título se gañaban?
É un detalle pola súa banda que é de agradecer e que di moito de todo o que vivín con el. É unha pena que non gañasen. Eu estívenos vendo e sorprendeume moito o nivel do equipo. Tamén me acolloou un pouco porque como se poñan a correr así o sábado o partido dura dous minutos!

Velos con opcións para a Copa?

Vendo o nivel que teñen, creo que poden facer algo importante. Gañala é complicado. Despois dun mes con tanto nivel e con tanta esixencia física, imaxínome que terán que ter algún tipo de baixón.

Que é o que máis botas de menos de xogar no Lobelle?
O que máis, este tipo de competicións e o que menos, as viaxes!

Tras a túa marcha, a afección volcouse contigo. Esperábalo?
Sabía que a xente me tiña un certo aprecio pero quedei gratamente sorprendido. Paseino mal porque non me esperaba esa saída do club e o apoio de toda a xente axudoume moito. Sentínme moi arroupado.

Cando te fuches, rexeitaches a oportunidade de seguir no corpo técnico. Arrepínteste?
Non. Sei que deixei escapar unha boa oportunidade porque ía aprender moito do traballo diario, de como preparar adestramentos, partidos... Pero non me arrepinto porque agora mesmo non teño mentalidade de porme a adestrar. Eu síntome xogador.

Estás contento no Noia?
É outro mundo e un cambio moi grande, pero teño a sorte de que contamos cun grupo moi bo, teño moitos amigos e deportivamente vainos ben. A verdade é que estou moi contento.

Que plans tes para 2010?
Laboralmente espero poder canalizar a miña vida o mellor posible e deportivamente primeiro que me respecten as lesións, que xa se me nota un pouco a idade, e que co Noia podamos ascender, que sería un éxito moi grande para nós.

E a pesar de todo o que pasou mantés o agarimo polo Lobelle?
Si, son moitos anos. É media vida miña e toda a miña vida deportiva. Independentemente de todo, ao Lobelle lévoo no corazón. Deséxolle os mellores éxitos e que siga crecendo, do mesmo xeito que a todo o deporte santiagués.

XOGARÁN ESTE SÁBADO EN SANTA ISABEL
O partido de homenaxe a Manu entre o Xacobeo Lobelle e un combinado de amigos do xogador compostelán disputarase este sábado, 16 de xaneiro, ás 20:00 horas no pavillón de Santa Isabel. Os xogadores convocados para este encontro son Toni, Marimón e José Antonio, como porteiros; Giustozzi, César e Juancar, como peches; Javi Santos, Miguel, Saúl, David e Manu, como ás; e Betao, Marquitos e Cameselle, como pivotes. Pulpis exercerá como técnico e Pitu como segundo adestrador. Ademais, Juanma Veigas será o preparador físico e José Antonio Quintáns, o delegado. Podería haber ademais algunha incorporación de última hora. Todos eles lucirán unha camiseta co rostro do homenaxeado que foi creada para a ocasión. A entrada será libre.

Na rolda de prensa de presentación do partido, Manu afirmou que é de agradecer "o esforzo que fixo o club para organizar este partido". O actual xogador do Noia sinalou tamén que espera que todo o mundo achéguese a Santa Isabel "porque nolo imos a pasar moi ben. Vai ser un día moi especial para min e gustaríame que todo o mundo estivese na miña despedida"

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

sábado, 9 de janeiro de 2010

"Algúns non sabemos ben o que van facer con estas obras"

VECIÑOS • A avenida Castelao cambiará de cara e pasará a ser unha vía totalmente urbana • Os seus habitantes cren que o barrio mellorou ultimamente, pero reclaman unha reforma integral de toda a zona
A REURBANIZACIÓN DA avenida Castelao no compostelán barrio de Vite trouxo cola nas últimas semanas. E é que os veciños foron informados deste proxecto unha vez que as obras xa estaban iniciadas, o que motivou a súa protesta unha vez que recibiron a visita do alcalde e o concelleiro de Obras e Infraestruturas.

E que suporán estes traballos, que durarán preto dun ano, para os veciños de Vite? Andrés, que vive no barrio desde hai 27 anos, recoñece que algúns veciños “non sabemos moi ben o que van facer”, pero as obras contemplan unhas beirarrúas máis anchas, mellor iluminación, menos prazas de aparcamento e máis paradas de autobús. Ademais, habilitarase un carril central de subida para os coches que queiran xirar á esquerda na avenida.

Iso si, algúns reclaman algúns trocos no proxecto. É o caso de Alfredo Santomil, presidente da Asociación de Veciños Polígono de Vite, que explica que a futura ubicación dos pasos de peóns podería mellorarse, e que coa eliminación de entre trinta e corenta prazas de aparcamento se acentuará un problema anterior, posto que o seu número xa era escaso.

Sen ascensores nin garaxes
Respecto á situación actual do barrio, en xeral os veciños están satisfeitos. “É tranquilo, e hai bastantes zonas verdes”, di Daniel, que vive en Vite desde hai dous anos. Andrés engade que “hai menos gamberrismo que antes, estamos bastante ben”.

Iso si, tamén hai espazo para a crítica. Luis di que “o vecindario non é respetuoso, moitos aparcan enriba da rúa”. Daniel fai mención a un dos problemas importantes do polígono, e é que “os edificios xa están vellos”. Ademais, Andrés explica que “a penas hai locais de comercios, e non temos ascensores nin garaxes nos edificios”.

É necesario arranxar o barrio
Alfredo Santomil explica ademais que faría falla unha reforma integral de todo o barrio, especialmente en canto ás beirarrúas, os sumidoiros ou as instalacións de auga e luz. “Isto fíxose a comezos dos anos setenta e segue como estaba entón”, di Santomil. Por iso reclama que “habería que facer en todo o barrio unha obra parecida á da avenida Castelao”.

UN POLÍGONO DE VIVENDAS CONSTRUÍDO NOS ANOS 60
  • Poboación: Actualmente viven en Vite máis de 5.000 veciños, repartidos nunhas 1.100 vivendas sociais. Estas comezaron a construírse a finais dos anos sesenta, co obxectivo de dar cabida á crecente demanda de vivenda durante aqueles anos.
  • Festas: Vite encóntrase entre dúas parroquias: San Xoán e San Caetano. Celebran A Nosa Señora de Belén o segundo domingo de setembro e a Virxe de Guadalupe o 8 do mesmo mes, respectivamente.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

sexta-feira, 18 de dezembro de 2009

O lavado de cara do Barrio de vite durará polo menos 1 ano

Urbanismo • As obras de reurbanización da avenida Castelao suporán a creación de nove pasos peonís, melloras na iluminación e beirarrúas moito máis anchas

A AVENIDA CASTELAO, no barrio de Vite, xa está lista para cambiar de cara. E é que esta mesma semana presentouse o plano de reurbanización da zona, que transformará durante os próximos 12 meses esta travesía en toda unha avenida urbana.

Entre outras medidas, esta reurbanización suporá a creación de nove pasos peonís e un segundo carril de subida no tramo final da rúa, en dirección San Caetano, que facilitará o acceso ás calles da esquerda sen necesidade de entorpecer o tráfico de subida.

Nova rotonda
Ademais, crearase unha nova rotonda no cruce da avenida coas rúas Gumersindo Busto Villanueva e o Burgo das Nacións (xunto á Escola de Idiomas). Ademais, os veciños poderán dicir adeus a coller o autobús case sobre a propia estrada, xa que se crearán 9 paradas.

Estas obras suporán, ademais, a creación de máis de 9.000 metros cadrados de beirarrúas, que chegarán a ter até 4 metros de ancho nas zonas máis amplas. Os composteláns que pasen por elas encontraranse cunha iluminación parecida á que se puxo na Rúa Berlín e Londres, no barrio de Fontiñas, con farois máis altos para a estrada e máis baixos para as beirarrúas, onde se pasará aos cerca de 100 puntos de luz.

Segundo os plans do Concello, os traballos durarán un ano, xa que se realizarán en dúas fases. Para evitar que haxa máis caos de tráfico, traballarase primeiro sobre un dos lados da avenida, para continuar despois co outro. Desta maneira sempre estará habilitado un carril e permitirase o acceso a algunhas das rúas ás que só se pode acceder desde a avenida Castelao.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

quinta-feira, 1 de outubro de 2009

Interminábeis colas en Vite

Caos • Na Escola Oficial de Idiomas fixeron garda para conseguir unha praza

Numerosas persoas que querían facerse cunha praza nalgún dos cursos da Escola Oficial de Idiomas (EOI), congregáronse esta semana ás portas do centro, no barrio de Vite, para conseguir matricularse.

Aínda que as colas son habituais cada ano, segundo denuncian desde a Asemblea do Profesorado da EOI de Santiago, "este ano a situación é aínda peor". E é que, foron moitos os que estaban na cola, que empezou a formarse o mércores cara ao mediodía e que continuaba ao día seguinte, "e a ringleira deu a volta a todo ou edificio", explica o profesorado.

Por iso, non foron poucos os profesores que se achegaron ás portas da EOI para solidarizarse coa fila de alumnos para repartirlles café quente e pastas. Como explican, "a pesar das afirmacións da Consellería de Educación de que ningún alumno quedará sen praza na EOI de Galicia, "a ringleira que se crea en Santiago é cada ano maior", denuncian.

Por iso, esixen á Xunta a retirada da circular, que "disminúe a calidade do ensino eliminando profesorado". Os profesores din que o Plan da Xunta provoca que "se reduzan os grupos nas bandas horarias máis demandadas facendo inútil ou esforzo por matricularse", din.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

sexta-feira, 18 de setembro de 2009

Manu, ex do Lobelle, o noso mellor deportista

ASÍ O DECIDIRON os leitores de Santiagosiete que responderon á pregunta de quén é o noso mellor deportista. Tamén obtiveron moitos votos o xogador de squash Borja Golán e o futbolista do Deportivo, Iván Pérez.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí (Ver páxina 18)

sexta-feira, 24 de julho de 2009

O barrio de Vite recupera unha das nosas mellores vistas


Natureza • A rexeneración do Monte de Deus mellora as zonas verdes do barrio

SABÍAS QUE DESDE o máis alto do barrio de Vite podes desfrutar dunha das vistas panorámicas máis privilexiadas da nosa cidade, chegando a divisar até o concello de A Estrada? Se a resposta é que non, probabelmente é porque aínda non coñezas o Monte de Deus, un espazo natural recentemente recuperado, polo que esta mesma semana fixemos un pequeno percorrido.

Trátase dunha zona na que, como nos comenta o xefe do servizo de Parques e Xardíns do Concello, José Antonio Mosquera, “os veciños pedían desde hai anos que se recuperase, porque querían poder desfrutar dela e facer actos sociais ao aire libre".

Vistas privilexiadas
É por iso polo que se melloraron agora os acesos que permiten subir a pé comodamente e desfrutar moito mellor das vistas “porque cunha simple visual pódese ver toda a cidade e incluso outras zonas próximas, como Rois ou A Estrada”, explícanos Mosquera.

Puidemos comprobalo no alto do miradoiro, onde se colocou unha inmensa fotografía panorámica de tres metros de longo que indica os nomes de cada lugar que desde alí podemos divisar.

Vexetación autóctona
Para a recuperación do Monte de Deus tívose moi en conta tamén a vexetación da zona, xa que se repoboou con especies autóctonas, "plantando loureiros, acevos e bidueiros”, apunta o xefe do servizo de Parques e Xardíns.

Pero o cambio de ‘look’ do monte parece que non terminará aquí. E é que, como nos explican no departamento que dirixe a edil Elvira Cienfuegos, con todas estas actuacións acabouse a primeira fase da recuperación deste ámbito, que se completará actuando sobre a parte máis alta do monte, onde “faremos un tratamento un pouco distinto”, din.

Un lago con especies propias
E é que alí está previsto eliminar a maioría das coníferas e crear un pequeno lago con especies acuáticas, que, segundo as previsións, podería estar listo para todos os composteláns a primavera próxima. Polo momento, e unha vez acabada xa esta primeira fase, neste primeiro mes foron moitos os veciños que xa fixeron uso deste novo espazo natural, pero desde Parques e Xardíns animan a que sexan máis os que se acerquen, “e os Fogos do Apóstolo vense aquí como en ningún lado”, explican.
  • Até alí chega a liña 5 do urbano
Aínda que moitos composteláns o descoñezan chegar até o Monte de Deus é moi sinxelo. A liña 5 do autobús urbano ten unha parada próxima á ladeira do monte e tamén podes ir a pé ou en coche. No barrio de Vite, tras a Escola de Idiomas e subindo pola rúa Vite de Arriba encontrarás o Monte.
  • A denuncia desestimouse
Fai unhas semanas, Santiagosiete entrevistaba a unha traballadora do servizo de Parques e Xardíns que dicía sufrir acoso laboral. Finalmente, unha vez celebrado o xuízo a sentenza do Contencioso Administrativo desestimou a denuncia. A traballadora di que recurrirá.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

sexta-feira, 11 de abril de 2008

Preto de 4.000 composteláns viven no límite da pobreza


Nos barrios de Conxo, Vite ou Santa Marta hai varias zonas moi castigadas

A pobreza afecta en Compostela e comarca a uns 3.744 veciños. Son datos da enquisa de condicións de vida do Instituto Galego de Estatística (IGE) que, aínda que hai que matizar, revelan que un 7,29% de familias santiaguesas teñen dificultades económicas.
Segundo o IGE, falaríase de pobreza relativa sempre e cando os ingresos medios estean en 467 euros nas vivendas dunha persoa, 660 na de dúas e 809 na de tres. Destes hai moitos casos en Santiago, onde, segundo Cáritas, só o ano pasado preto de 500 familias víronse obrigadas a facer uso da caridade.

Sen chabolismo

Enseres, útiles do fogar, medicamentos, axudas para a alimentación ou para o aluguer foron as súas necesidades fundamentais. Precisamente en materia de vivenda, a concelleira de Benestar Social, Mar Martín, explicaba que, a diferenza doutras cidades galegas nas que aínda se dan casos de chabolismo, esta situación erradicouse en Santiago por completo.
"Aquí non hai asentamentos, e pouco a pouco xa vamos eliminando as infravivendas, ou as casas máis degradadas, das que segundo o noso censo ficarán entre seis e sete", comentaba a edil.
Aínda así, e como lembran desde Cáritas, cada vez é máis habitual que varias familias compartan piso en espazos bastante reducidos. "Sabemos de varios casos nos que hai un verdadeiro amoreamento nas vivendas. Dáse sobre todo con familias de inmigrantes, e non hai que irse até o rural para velo. En pleno Ensanche temos constancia de máis dun caso", explicaban desde Cáritas.

495 fogares da cidade recibiron axuda de Cáritas por vivir unha situación puntual de necesidade. Moitas destas achegas foron para o entorno próximo ao Hospital, Vite ou Santa Marta, lugares onde Cáritas máis axuda.

Asociación Veciñal "Polígono de Vite"

Asociación Veciñal Polígono de Vite

Proxecto "Urbana Santiago norte"

proxecto URBANA SANTIAGO NORTE

Centro socio-cultural "José Saramago"

Centro socio-cultural José Saramago

Estades controlados

Auditorio de Galicia

Auditorio de Galicia

Snap Shots

Get Free Shots from Snap.com

Novas Vitenses © 2008. Template by Dicas Blogger.

TOPO