sexta-feira, 31 de julho de 2009

En Vite teñen que andar "a labazadas" cos bichos

Os veciños de Vite, especialmente os que residen na Avenida de Castelao, están fartos "de ver como as pólas das árbores entran polas fiestras de casa". E é que segundo algúns afectados "non podemos ventilar as vivendas. Temos que telo todo pechado porque entran bichos. Pasámonos a noite a labazadas con eles". Unha señora conta ademais que "son alérgica a estes animaliños e xa levo oito días a tratamento médico". Por todos estes motivos, os veciños piden ao Concello "que veñan a podar estas árbores". Engaden que "soltan un líquido apegañento".

Desde Raxoi, a edil de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, explica que "si se podaron, pero este ano os tilos creceron máis que nunca polas choivas". E polo auga que caeu "enfermaron. Teñen fumagina", explica. "Son fungos que traen cochinillas e pulgóns e que producen un líquido azucrado. Estámoslle dando un tratamento ás árbores, e están respondendo". De todos os xeitos, "se molesta algunha póla, que nos avisen", conclúe.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

quarta-feira, 29 de julho de 2009

'Lavaráselle a cara' ao Auditorio con nova cuberta e acesos

O teito plano de cobre está deteriorado polo efecto das gaivotas ·· Tamén se reformará o aparcamento, de acordo co Plan Director

A pesar de que fai só vinte anos que se levantou, o Auditorio de Galicia conta con algúns desperfectos provocados, entre outras razóns, pola presenza de gaivotas sobre as súas cubertas. As planchas de cobre que cobren a sala Ángel Brage están deterioradas e con risco de producir filtracións de auga, polo que a súa renovación é unha das actuacións prioritarias que contempla o Plan Director do edificio. A xunta de goberno municipal acordou onte sacar a concurso a obra de renovación da cuberta, cun orzamento de 121.593 euros e un prazo de execución de dous meses.

Outra das actuacións programadas para os próximos meses no Auditorio é a reforma do aparcamento subterráneo e os seus acesos, unha actuación que, cun orzamento de 258.620 euros, deberá estar completada en noventa días.

O goberno local tamén lle deu o visto bo onte ao proxecto e o inicio do expediente de contratación da reurbanización de Rosalía de Castro, desde a rotonda de enlace con Romeu Donallo até o periférico. O tipo de licitación neste caso ascende a 3,4 millóns de euros e súmase ás actuacións en Vista Alegre e a Avenida de Castelao, que se iniciarán nos próximos meses.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

sexta-feira, 24 de julho de 2009

O barrio de Vite recupera unha das nosas mellores vistas


Natureza • A rexeneración do Monte de Deus mellora as zonas verdes do barrio

SABÍAS QUE DESDE o máis alto do barrio de Vite podes desfrutar dunha das vistas panorámicas máis privilexiadas da nosa cidade, chegando a divisar até o concello de A Estrada? Se a resposta é que non, probabelmente é porque aínda non coñezas o Monte de Deus, un espazo natural recentemente recuperado, polo que esta mesma semana fixemos un pequeno percorrido.

Trátase dunha zona na que, como nos comenta o xefe do servizo de Parques e Xardíns do Concello, José Antonio Mosquera, “os veciños pedían desde hai anos que se recuperase, porque querían poder desfrutar dela e facer actos sociais ao aire libre".

Vistas privilexiadas
É por iso polo que se melloraron agora os acesos que permiten subir a pé comodamente e desfrutar moito mellor das vistas “porque cunha simple visual pódese ver toda a cidade e incluso outras zonas próximas, como Rois ou A Estrada”, explícanos Mosquera.

Puidemos comprobalo no alto do miradoiro, onde se colocou unha inmensa fotografía panorámica de tres metros de longo que indica os nomes de cada lugar que desde alí podemos divisar.

Vexetación autóctona
Para a recuperación do Monte de Deus tívose moi en conta tamén a vexetación da zona, xa que se repoboou con especies autóctonas, "plantando loureiros, acevos e bidueiros”, apunta o xefe do servizo de Parques e Xardíns.

Pero o cambio de ‘look’ do monte parece que non terminará aquí. E é que, como nos explican no departamento que dirixe a edil Elvira Cienfuegos, con todas estas actuacións acabouse a primeira fase da recuperación deste ámbito, que se completará actuando sobre a parte máis alta do monte, onde “faremos un tratamento un pouco distinto”, din.

Un lago con especies propias
E é que alí está previsto eliminar a maioría das coníferas e crear un pequeno lago con especies acuáticas, que, segundo as previsións, podería estar listo para todos os composteláns a primavera próxima. Polo momento, e unha vez acabada xa esta primeira fase, neste primeiro mes foron moitos os veciños que xa fixeron uso deste novo espazo natural, pero desde Parques e Xardíns animan a que sexan máis os que se acerquen, “e os Fogos do Apóstolo vense aquí como en ningún lado”, explican.
  • Até alí chega a liña 5 do urbano
Aínda que moitos composteláns o descoñezan chegar até o Monte de Deus é moi sinxelo. A liña 5 do autobús urbano ten unha parada próxima á ladeira do monte e tamén podes ir a pé ou en coche. No barrio de Vite, tras a Escola de Idiomas e subindo pola rúa Vite de Arriba encontrarás o Monte.
  • A denuncia desestimouse
Fai unhas semanas, Santiagosiete entrevistaba a unha traballadora do servizo de Parques e Xardíns que dicía sufrir acoso laboral. Finalmente, unha vez celebrado o xuízo a sentenza do Contencioso Administrativo desestimou a denuncia. A traballadora di que recurrirá.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

quinta-feira, 23 de julho de 2009

A intensa chuvia provoca incidentes sen relevancia en Compostela e comarcas próximas

A grande cantidade de chuvia rexistrada onte en Santiago e comarcas próximas, así como o vento, provocaron varios incidentes. En Santiago, os bombeiros dixeron que tiveron que retirar da calzada unhas tellas caídas na Avenida de Castelao. Ademais, na praza de España tívose que cortar a póla dunha árbore a punto de caer, e no polígono do Tambre e San Lázaro foi necesario levantar sumidoiros polo exceso de auga. En Teo, ademais, houbo que sanear algunhas vivendas, e en Padrón taláronse algunhas pólas que poderían caer á estrada.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

Perto de 40 empresas optan a reformar a avenida Castelao [...]

A obra, que comezará a partir de setembro, saiu a licitación por 3,2 millóns

Perto de corenta empresas optan a executar o proxecto de reforma da Avenida de Castelao, a primeira das catro actuacións do plano de travesías que saiu a licitación. Trátase dun número elevado de aspirantes, un factor no que máis que seguro que ten que ver a crise do sector, pero tamén o importe da actuación, orzamentada en 3,2 millóns de euros. De feito, o promedio en Galicia para a licitación de obra pública en proxectos que alcanzan ou superan os dous millóns acostuma concitar unha trintena de ofertas, segundo o concelleiro de Infraestruturas, Bernardino Rama.

O prazo de presentación de plicas concluiu o pasado sábado, e agora aínda hai que reunir á mesa de contratación para iniciar o proceso de apertura das ofertas para a súa posterior avaliación por parte dos técnicos municipais. A selección resolverase en agosto e as obras comezarían en setembro, ao tempo practicamente que a reforma de Galeras e a rúa Vista Alegre, desde o cruce do Pombal até a confluencia precisamente coa Avenida de Castelao.

A contratación dos traballos para a reforma deste último vial está tamén en proceso de licitación agora mesmo. Neste caso, a inversión alcanzará os cinco millóns de euros, salvo que as ofertas rebaixen esa cantidade. Será a actuación máis custosa do plano de travesías, que cofinanciarán a Xunta e o Concello con 14 millóns de euros. A Administración autonómica aportará dez, e o resto, a municipal.

Este paquete de reformas viarias alcanzará tamén ao vial de Santa Comba, desde o cruce da Avenida de Castelao até a ponte do Romaño, aínda que esa será unha actuación que non terá encaixe xa este ano, ao igual que a remodelación da saída cara Pontevedra, entre o cruce de Rosalía de Castro e a rotonda da Rocha. Neste caso optouse claramente por evitar calquera intervención no vial mentres non conclúa a construción do túnel da Galuresa, para non entorpecer uns metros máis arriba as comunicacións da saída e entrada sur da cidade.

O plano de travesías completarase cunha obra de moita menor entidade, e por tanto tamén en cuantía. Trátase da mellora da urbanización da avenida do Camiño Francés, que precisa neste caso menos atención que as outras.

[...]

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

quarta-feira, 15 de julho de 2009

'Mulleres en plural' pódese visitar no Auditorio de Galicia

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

quinta-feira, 18 de junho de 2009

Un verquido tinxe de vermello o lago do Auditorio

Cienfuegos confirmou que se trata dun óxido de ferro procedente dunha empresa xa identificada

Un verquido de cor vermella dunha substancia descoñecida no regato que atravesa Pelamios causou onte unha grande alarma entre os composteláns. Este rotativo recibiu numerosas chamadas de veciños moi alertados pola cor vermella intensa da auga deste regato, que ademais é co que se abastece o lago do Auditorio de Galicia, que tamén se veu afectado pola fuga. Testemuñas indicaron que os efectos do verquido comezaron a ser visíbeis sobre as 15.30 horas á altura da Ponte Mantible, detras do Xelmírez II. Os veciños avisaron á Garda Civil, aínda que finalmente foi a Policía Autonómica a que tomou mostras e realizou fotos. A concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, acudiu ao lugar e indicou que as análises realizadas polos técnicos confirmaron "que o verquido non é tóxico, pero que dependendo da cantidade podería afectar fisicamente a algún animal. Sabemos que se trata dun óxido de ferro (usado en construción), cun poder de coloración do 95%, polo que o vermello da auga é chamativo". Tamén asegurou que non houbo alteracións do PH na auga, e que se abrirá un expediente informativo á empresa responsábel do verquido, que está identificada.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

terça-feira, 16 de junho de 2009

En Vite reclaman un pediatra máis para o centro de saúde

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

Queixa dos veciños de Vite pola falta de pediatra no ambulatorio

Nais e pais encontráronse onte sen este servizo, ao estar a única especialista do centro de vacacións ·· Reclaman ao menos outro médico, xa que o cupo é de 1.300 nenos ·· "Dixéronme que o leve ao de cabeceira"

"Levo unha semana pedindo cita co pediatra, e cando por fin ma dan encóntrome con que non está a doutora porque está de vacacións e non hai substituto", denunciou onte, ante as cámaras de TVG, unha nai, tras acudir ao seu centro de saúde de Vite. A estas críticas uníronse as doutros pais que se queixan de que "só hai un médico infantil para un cupo de 1.300 nenos, e cando se vai a que tenemos, como agora, para desfrutar duns días ou se está de baixa, non se cubre a súa praza con ouro facultativo".

Outra das voces de protesta proviu dunha nai que asegurou que "en vacacións de verán, un mes, non hai un substituto". Así, os pais e nais que levan aos seus fillos ao centro de saúde de Vite pregúntanse a onde teñen que acudir cando os seus fillos están mal e non está a pediatra.

En resposta a isto, outra das denunciantes censurou que "cando lles dixen que o meu fillo estaba mal, no ambulatorio dixeronme que o levase ao meu médico de cabeceira. Incríbel".

Ademais destas denuncias, os afectados sinalan que "cando antes pedías unha cita para o pediatra dábancha para o día seguinte. Agora tardan dous ou tres días en darcha".

Ante esta situación, este xornal púxose en contacto con Sanidade para obter unha resposta ás queixas. Porén, fontes da Consellaría sinalaron que "agora non temos a quen preguntar sobre este tema porque estamos pendentes do nomeamento do novo xerente de Atención Primaria, que non tomou posesión do seu cargo aínda, e a que nestes momentos está en funcións".

O cambio de xerente de Primaria fíxose público o pasado xoves, cando Sanidade anunciou que o novo responsábel en Santiago será o doutor Javier Ventosa Rial, en substitución de Ana Castaño Carou.

Para ler a nova no seu formato orixinal, prema aquí

sábado, 13 de junho de 2009

Os gatos expulsan aos nenos do patio da gardería de Vite

Os bebés non poderán desfrutar da zona exterior de xogos até que se desinfecte e desparasite ·· Os pais dos alumnos levan meses reclamando inutilmente que se tomen medidas para solucionar a situación ·· O luns anúnciase o paso do laceiro municipal


A situación que denuncian pais da escola infantil de Vite plantexa dous problemas. O primeiro deles é que os nenos máis pequenos non poden desfrutar das instalacións situadas no patio, porque é necesario desinfectala e desparasitala.

Ao parecer, desde hai meses gatos da rúa utilizan este espazo para transitar e facer as súas necesidades e, ao tratarse de menores, existe un protocolo de hixiene que vai máis aló da simple limpeza, para evitar calquer posíbel enfermedade.

O segundo problema é que este labor parece estar sometido ás inflexíbeis leis da burocracia. É dicir, que as autoridades pertinentes necesitan que se cumpran toda unha serie de trámites para levar a cabo a faena, e o retraso está saturando xa a paciencia dos proxenitores.

Segundo relataron a este periódico, esixiuselles a presentación dun informe sobre a situación acompañado de fotos dos susoditos felinos, para tomar cartas no asunto. Algo sumamente difícil, porque os gatos non parecían dispostos a pousar voluntariamente.

A titularidade da escola infantil de Vite corresponde á administración autonómica, xunto coa de Santa Susana. O próximo curso incorporaranse tamén dependentes da Xunta, as de San Roque e o polígono industrial do Tambre.

Ademais, están as dependentes do Concello en Conxo, Fontiñas e o parque de Trasparlamento, e proxéctase outra máis no barrio de Salgueiriños.

O Concello de Santiago tamén foi requerido para tratar de solucionar o problema. O concelleiro delegado de Sanidade, Andrés Fariña, sinalou a este xornal que xa se enviou unha vez ao laceiro do refuxio de Bando, e que este luns volverase a pasar pola zona.

Control da poboación

De todas as formas, o concelleiro sinalou que el mesmo pasara polo centro na tarde de onte, e que efectivamente contemplara a un gato paseando polo patio do centro, polo que a próxima semana enviarase tamén ao inspector sanitario do Concello para que analice a situación.

O problema da presenza de gatos afecta sobre todo aos máis pequenos polas posibilidades de que poidan contaxiarlles algún tipo de enfermedade, pero tamén pode causar problemas a calquera outro adulto, xa que, por tratarse de exemplares asilvestrados, non recibiron nunca ningún tipo de vacina.

Por elo, Fariña sinalou que na reunión do patronato do refuxio de animais de Bando aprobouse esta mesma semana un plano para controlar as colonias de gatos da rúa que se detectaron en diferentes zonas da cidade, co fin de desparasitalos e esterilizalos para evitar un crecemento excesivo e a transmisión de enfermedades á poboación.

Mentres tanto, e co termómetro subindo varios graos, os máis pequenos seguen sen poder desfrutar dunhas instalacións con mobiliario recentemente colocado, á espera de que as administracións competentes decidan tomar medidas para tratar de solucionar os problemas hixiénicos que existen na zona recreativa exterior do centro educativo.
  • Traslación
Pasar por tres consellerías diferentes

A historia das escolas infantís de titularidade autonómica nos últimos anos é a dun traslado constante cuxo último episodio asinouse aínda esta semana. Da Consellaría de Educación pasou a depender durante o goberno bipartito da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, onde foron bautizadas como Galescolas. Tras as pasadas eleccións, a remodelación do goberno autonómico deu lugar a que estes centros xunto con outros servizos pasasen a depender da Consellaría de Traballo e Benestar Social. Finalmente esta mesma semana o Consello da Xunta acordou que, ao ser centros educativos, volvesen a formar parte da Consellaría de Educación.
  • As claves
Sen comentarios desde o centro

Este xornal púxose en contacto coa escola infantil de Vite para coñecer a opinión dos seus responsábeis, pero desde o centro sinalousenos que non podían facilitar ningún tipo de información sobre a situación, e remitiusenos directamente a Igualdade, responsábeis até esta semana das escolas infantís, para que se nos dese a versión oficial.

Servizo de recollida durante todo o día

O refuxio de Bando, dependente do Concello, dispón dun servizo permanente de laceiro para a recollida de animais abandonados. De feito, nas instalacións unha das naves está destinada en exclusiva á custodia dos gatos que son recollidos en plena rúa, para a súa atención e a súa posterior entrega en adopción.

Pendentes da resposta oficial

Desde a Consellaría de Traballo, que é quen asumiu a responsabilidade destes centros tras a supresión da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, informousenos onte venres que se van realizar as oportunas consultas e que o luns se dará resposta ás medidas que se están adoptando para tratar de solucionar o problema de Vite.

O problema de encontrar alimento

En toda a cidade é habitual que moitos veciños, sobre todo das zonas periféricas, boten alimentos aos gatos da rúa. O animais acostuman tamén buscar os puntos nos que encontrar restos de comida, tanto nos contedores como na proximidade dos comedores como o que ten o centro escolar

A nova está tirada de aquí

quinta-feira, 11 de junho de 2009

A reurbanización da travesía de Vista Alegre, en Santiago, comeza no verán

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

quinta-feira, 21 de maio de 2009

Botellón ás oito no Auditorio

A noite de onte foi unha intensa xornada para os botellóns e a movida. De feito, a festa comezou cedo para moitos. Xa ás oito da tarde podíase ver un gran botellón ao lado do Auditorio de Galicia, unha zona na que está prohibido.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

terça-feira, 12 de maio de 2009

A actriz Mela Casal protagoniza un espectáculo de animación á lectura no Centro Social de Vite

A actriz Mela Casal, protagonista de moitas series de televisión e cofundadora da compañía Pífano Teatro xunto a Gloria Ferreiro, ofrecerá mañán, ás 18.30 horas, no Centro Sociocultural de Vite, un espectáculo titulado Ventos, no marco do programa de animación á lectura Letras Vivas, organizado poa Concellaría de Educación. A entrada é gratuíta.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

segunda-feira, 11 de maio de 2009

'Zeca' Afonso xa ten parque, 37 años despois de actuar en Compostela

O alcalde presidiu a inauguración fronte ao Auditorio ·· Ao acto asistiu a viúva do cantautor portugués

O malogrado cantautor portugués José Zeca Afonso recibiu onte unha sentida homenaxe en Santiago coa inauguración dun parque fronte ao Auditorio de Galicia, e nas proximidades do Burgo das Nacións, onde ofreceu un recital fai agora trinta e sete anos, e onde interpretou por primeira vez a canción Grándola.

O alcalde presidiu o acto, en que xunto a amigos e admiradores de Zeca tamén estivo presente a súa viúva, Zélia, coa que descubriu unha placa conmemorativa. Previamente tivo lugar a proxección no Auditorio do vídeo Na abertura do horizonte sobre a traxectoria do artista luso, producido pola Companhia de Dança de Lisboa.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

Santiago recorda a José Afonso dando o seu nome a un parque

Un emotivo acto ao que asistiu a súa viúva reuniu a amigos e seguidores no Burgo

Xustamente 37 anos logo daquel concerto que dese en Santiago e no que por primeira vez cantase en público o seu Grándola, Vila Morena , José Zeca Afonso converteuse onte no protagonista absoluto da inauguración do pequeno parque da avenida do Burgo que leva o seu nome. Amigos e seguidores o cantautor portugués déronse cita, xunto coa súa viúva, Zelia Afonso, para homenaxealo nunha emotiva xornada que comezou coa proxección dun vídeo no Auditorio producido pola Compañía de Dança de Lisboa.

O acto principal trasladouse máis tarde ás portas mesmas do parque que en diante recordará a José Afonso como un «veciño ilustre de Santiago», segundo Juan Guitián, introductor da homenaxe e un dos promotores da iniciativa para que o Concello dedicase un espazo público a Zeca, unha iniciativa formulada fai tres anos e apoiada polas firmas de tres mil persoas «dúas cinco continentes, que coincidiron connosco en que Santiago conserve cun recanto coma este ou nome de José Afonso».

Con Guitián impulsaron tamén esa petición ao Concello Arturo Reguera e Benedito García, promotor daquel primeiro concerto de Zeca en Santiago e a quen puido a emoción cando o primeiro lle agradeceu o seu «sensibilidade» para que «ou coñecésemos tamén todos nós», con ocasión dunha actuación da que «todos saímos máis ceibes e solidarios».

O compromiso de José Afonso coas liberdades e os máis desfavorecidos foron as características máis destacadas por Guitián de «ese gran amigo de Galicia» ao que non lle quedaron dúbidas sobre se a este lado da fronteira entenderíaselle ben, segundo Arturo Reguera. «Non ou tinga claro ao principio, pero cando rematou aquel concerto sabía que non era necesario traducir nada, que se lle entendía perfectamente neste país».

A homenaxe fíxose coincidir coa mesma data daquela actuación no Burgo, outro 10 de maio, entón o de 1972, en que estreou a canción que dous anos despois, «e sen o sabelo, sería ou símbolo dá revolución do 25 de abril que derrubou a ditadura» en Portugal, recordou Guitián. E a localización do parque, a escasos cen metros de onde Zeca presentouse por primeira vez en Santiago, tampouco foi casual. «Tingamos claro que tinga que ser nesta zona», e a ocasión brindouna a incorporación ao patrimonio público de parte da que fose Leira de Lois, segundo o alcalde. De feito, o parque é unha pequena carballeira daquela leira, que a súa viúva percorreu ao termo dun acto que se pechou co canto de Grándola . Zelia Afonso viviu un «momento noi emocionante, porque representa todo ou esforzo de traxectoria dá vida destes amigos alongados e aquí representados polas persoas que deron vida a este acto».

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

domingo, 3 de maio de 2009

«Utilizo o autobús aínda que teña coche porque nel podo ir sen problemas a calquera parte»

Luís Carnoto García | Usuario do transporte público
A Luís Carnoto García gústalle moito andar e tamén ten un vehículo propio. Isto non significa que non colla nunca un autobús, senón que é un dos usuarios habituais do transporte público compostelán. Utiliza o bus para desprazarse desde o norte da cidade ata o centro, pero tamén a outros lugares de Compostela.

«Utilizo o autobús aínda que teña coche porque nel podo ir sen problemas a calquera parte», explica. Así, as rutas non son un problema e as paradas tampouco. «O transporte público de Santiago está moi ben se o comparo co doutras cidades nas que estiven», argumenta.

As paradas tampouco son un problema, «son suficientes» e aínda que utiliza maioritariamente a liña 5, que une o barrio de Vite co centro da cidade, opina que case todas teñen marquesiña.

O prezo do billete de autobús, que na actualidade rolda os 90 céntimos tampouco lle parece excesivo «en comparación co que hai por aí», afirma, «ao contrario, está moi ben». Claro que esta cantidade de diñeiro non sae do seu peto cada vez que colle o autobús e é que Luís Carnoto está xubilado e por iso o Concello da cidade outorgoulle, por un prezo de seis euros, un cartón coa que pode viaxar gratis sempre que lle apeteza.

Se queres ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

«Teño que levar o lixo no coche para reciclar»

María Ester Moure e Sara Rodríguez | Veciñas de Vite e do Ensanche

Desde fai xa moitos anos, separar os distintos tipos de residuos á hora de tiralos ao lixo é unha tarefa cotiá na vida de María Ester Moure Asorey, para quen a reciclaxe é, sen ningún tipo de dúbida, un importante labor.

Esta compostelá vive na rúa Alexandre Bóveda (Vite) na que o Concello non colocou distintos recolectores de lixo para poder separar os distintos tipos de desfeitos. «Teño que levar o lixo no coche para poder reciclar», afirma e explica que debe cargar as distintas bolsas ata algún lugar no que haxa o colector azul para o papel, o amarelo para os plásticos e o colector do cristal.

Separar os distintos tipos de lixos non supón ningunha molestia. «Só hai que ter distintas bolsas e fixarche no que botas en cada unha de elas» conta.

Saber que hai que botar a cada colector tampouco é un inconveniente para Ester Moure. «Separo sen ningún problema papel, plástico, residuos orgánicos e cristal; non teño ningún problema con ela». E é que, segundo afirma, o único obstáculo para que a xente poida reciclar de xeito normal na cidade, é que non todas as rúas dispoñen dos medios necesarios para iso, o que supón unha verdadeira molestia.

Sara Rodríguez, que vive no Ensanche, sorrí cando se lle pregunta se recicla ao pé dun colector verde. Prefire non saír na foto, o que fai sospeitar que non cumpre a raja tabla os mandamentos da reciclaxe, pero se explica: «Pois non, só o fago co papel, cos xornais e todo iso, porque admito que se se tira co resto do lixo estrágase e xa non vale para reciclar». Pero o resto dos refugallos do seu fogar van parar á mesma bolsa. «Non o separan despois en Sogama? Pois entón...», di convencida.

E pon máis argumentos encima da mesa: «Se quere suba á miña casa e vexa o tamaño da miña cociña, aí si que lle deixo sacar unha foto. Non teño espazo para catro bolsas», di. E acaba: «Os novos edificios deberían pensar máis nestas cousas e ter espazos comúns para botar o lixo».

Se queres ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

quarta-feira, 29 de abril de 2009

Concertos didácticos da soprano galega Laura Alonso

O Auditorio de Galicia acollerá hoxe o segundo dos concertos didácticos da soprano galega Laura Alonso, acompañada por Raquel e MªLuz Rivera ao violín e piano, respectivamente. Os escolares desfrutaron onte dun repertorio variado e ameno, especialmente pensado para fomentar a súa afección á música clásica. Hoxe a actuación será ás once da mañán.

Se queres ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

Concerto de Laura Alonso a prol da loita contra o cancro

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

terça-feira, 28 de abril de 2009

Adxudicados novos proxectos do Fondo de Investimento Local

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

Asociación Veciñal "Polígono de Vite"

Asociación Veciñal Polígono de Vite

Proxecto "Urbana Santiago norte"

proxecto URBANA SANTIAGO NORTE

Centro socio-cultural "José Saramago"

Centro socio-cultural José Saramago

Estades controlados

Auditorio de Galicia

Auditorio de Galicia

Snap Shots

Get Free Shots from Snap.com

Novas Vitenses © 2008. Template by Dicas Blogger.

TOPO