quarta-feira, 14 de abril de 2010

O Xelmírez II une a nove entidades para convivir mellor no instituto

A prevención de expulsións ou a mediación en conflitos experiméntanse con éxito

Nove entidades e institucións unen os seus esforzos para conseguir un mellor clima de convivencia no Instituto Xelmírez II. A iniciativa púxose en marcha este curso e os seus resultados son positivos, segundo valoran Felicia Estévez e Aurora Pérez, profesora e orientadora do centro; e Rosa Álvarez, psicóloga do Plan Sociocomunitario de Vite. No proxecto colaboran docentes e orientadora do instituto; a traballadora social do Centro de Saúde de Vite; a orientadora do colexio de infantil e primaria de Vite; persoal de Servizos Sociais do Concello, da Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes e da Unidade Municipal de Atención Familiar, o Plan Sociocomunitario de Vite, a Fundación Secretariado Xitano e a entidade de apoio a poboación inmigrante Galicia Acole.

Representantes das nove organizacións reúnense periodicamente para tratar de previr conflitos. As actuacións comprenden desde coñecer características de alumnado que vai incorporarse ao instituto, para ver que necesidades pode ter ás que deba buscar resposta o instituto; á intervención directa con estudantes con ameaza de expulsión polo seu mal comportamento na aula para tratar de evitalo.

En seis ocasións, estudantes con expulsión temporal -de 3 días a un mes- recibiron atención directa de persoal do Plan Sociocomunitario, o que nalgúns casos foi unha axuda para as súas familias.

Felicia Estévez explica que o Regulamento de Réxime Interno prevé que o alumnado preste certos servizos en beneficio do centro: «por exemplo, de ser sorprendido alguén pintando paredes ou mesas, ven unha tarde ao instituto para pintar algo de interese común; ou se se encontra alguén fumando, ven recoller restos de cigarro e limpar».

Coordinar recursos

Hai alumnado que non acepta facilmente as normas, que se resiste reiteradamente, sobre todo nos dous primeiros cursos de secundaria: «a partir de terceiro da ESO ben se nota como descende a conflitividade, porque hai unha maior madurez e son máis capaces de controlárense», indica Aurora Pérez, orientadora do Xelmírez II. «O importante da experiencia que se leva este ano neste instituto é que se coordinan recursos. Porque moitas veces eses recursos existen e a falta de coordinación impide conseguir resultados», sostén Rosa Álvarez.

A vicedirectora do IES encárgase de coordinar este proxecto «para ver como ou instituto inflúe na súa zona e tamén como a zona repercute no centro», agrega Rosa Álvarez. Nas vacacións de Pascua o Plan Sociocomunitario organizou un campamento dunha semana en Arnela (Porto do Son), tamén co obxectivo de previr a conflitividade. «Están formados dous grupos de traballo de alumnado, un, Polos bos tratos, e outro de maioría de etnia xitana», indica Felicia Estévez.

Un centro con menos alumnado pero con moitas máis culturas

O Xelmírez II chegou a escolarizar a 1.060 estudantes, agora ten 400. O envellecemento, e descenso de poboación escolar de Vite, influíu neste cambio. Pero agora ten moitas máis culturas representadas, con estudantes procedentes de dez nacionalidades de Europa do Leste e Iberoamérica, ata unha moza de Estados Unidos. Ademais, desde que hai secundaria obrigatoria, aumentou a presenza de alumnado de etnia xitana, e hai 14 este curso: «antes era difícil ver este alumnado non antigo BUP. Por iso o centro traballa en organizar unha xornada intercultural e outra do Día do Orgullo Xitano», indica Felicia Estévez.

Agora no Xelmírez II, que conmemora este ano o seu 25 aniversario, ten máis peso alumnado de zonas rurais de Santiago, ou de municipios limítrofes como Oroso e Trazo. Ademais de estudantes do colexio de Vite, centro que ten adscrito, tamén recibe matrícula do López Ferreiro, Santiago Apóstolo e Monte dos Postes.

Entre as actividades deste curso incidiuse na prevención das drogodependencias con estudantes de terceiro e cuarto de secundaria. Ofreceu esta actividade persoal do Plan Sociocomunitario de Vite, e proxectouse a película Puzzle, rodada en Vite, unha zona que hai anos presentaba bastante conflitividade asociada ao consumo de sustancias tóxicas.

Con Senegal

Estudantes de primeiro de secundaria iniciaron un proxecto de intercambio de cartas cun centro de Senegal, con quen se comunican en francés.

Para esta actividade é importante a colaboración do profesorado. A orientadora do centro destaca a dispnñibilidade de docentes do instituto para formarse e colaborar en recreos ou dedicando horas libres para a mellora do centro.

A escola de pais tratará de dereitos e deberes dos fillos

O Xelmírez II puxo en marcha este ano unha escola de pais, que pretende consolidar e que continúe en próximos cursos.

A primeira sesión tratou sobre a adolescencia, e na próxima, que será este mes, abordará os dereitos e deberes dos fillos. «É importante que vos pais se coñezan entre se, que discutan e compartan problemas sobre unha etapa difícil e tamén magnífica», afirma Rosa Álvarez.

Para ler as novas no seu lugar de orixe, preme aquí, aquí e aquí

Seja o primeiro a comentar

Asociación Veciñal "Polígono de Vite"

Asociación Veciñal Polígono de Vite

Proxecto "Urbana Santiago norte"

proxecto URBANA SANTIAGO NORTE

Centro socio-cultural "José Saramago"

Centro socio-cultural José Saramago

Estades controlados

Auditorio de Galicia

Auditorio de Galicia

Snap Shots

Get Free Shots from Snap.com

Novas Vitenses © 2008. Template by Dicas Blogger.

TOPO