A Escola de Idiomas bate a súa marca este curso con 3.655 estudantes presenciais
A Escola de Idiomas de Santiago ten matriculados este curso 3.655 estudantes que acudirán a clases presenciais. Ademais, hai outros 65 que estudarán inglés a distancia, e falta o alumnado libre e o de cursos monográficos, polo que prevé superar os 4.000.
O crecemento de demanda foi espectacular, explica a directora, Esperanza Moreiras. A maioría do alumnado presencial, 2.318, estudarán nas instalacións de Vite; e 728 nas instalacións do IES de Sar, onde se imparte inglés polas tardes. Hai que sumarlles 226 que se matricularon na extensión do centro en Noia, 167 en Ordes e 151 en Ribeira.
Esta presión de alumnado provoca que as dependencias se quedaron aínda máis escasas: «Na Secretaría xa non nos caben os expedientes, e para o profesorado falta espazo, dispoñen como dunha lata de sardiñas en que apenas se poden remexer», sostén Moreiras. O Consello Escolar reunirase a final de mes e de novo abordará a reivindicación de novas instalacións, porque o actual centro quedouse moi escaso.
Alumnado novo e adulto
Mentres o novo centro non prospera, o actual e a extensión existente en Sar deben atender unha demanda crecente e que aínda pode aumentar máis nos próximos días. Porque aínda falta por pechar o curso de español para estranxeiros, no que se admiten novas inscricións. Para captar alumnado difundiuse este ensino, que empeza este curso xunto con italiano, en centros universitarios e en establecementos de chineses e de persoas doutras nacionalidades onde podería haber candidatos interesados en aprender. A publicidade en centros da USC orientábase sobre todo ao alumnado que veña a estudar a través do programa Erasmus, que aínda está en fase de incorporación, e que se anota progresivamente, indica Esperanza Moreiras.
Este estudiantado é novo . Pero tamén hai actividade orientada a máis adultos, como os cursos monográficos en certas disciplinas que se ofertan en galego e inglés; ou neses dous idiomas e en portugués, alemán e francés do centro para docentes non universitarios, que os tramitan a través do centro de formación de profesorado da cidade.
O centro organiza actividades, como unha sesión de curtametraxes de Quebec, en francés e mudos, prevista para hoxe.
Enviar um comentário