sexta-feira, 26 de novembro de 2010

O Arcebispo Xelmírez II celebra o seu primeiro cuarto de século de actividade

A orixe do centro está no Instituto Masculino, en San Caetano

Santiago. O conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad, asistiu onte pola tarde a clausura dos actos cos que o instituto Arcebispo Xelmírez II celebraba o vinte e cinco aniversario da súa inauguración. O centro construíase a raíz do traslado do Instituto Masculino, que se situaba no que hoxe é a sede da Xunta en San Caetano. Cando se decidiu dedicar este edificio -antes tamén centro de xordomudos, hospital militar e cuartel de infantaría durante a Guerra Civil- a sede das institucións do goberno autonómico construíuse un primeiro centro no Campus Sur, o Xelmírez I, e aos poucos meses púñase en marcha o Xelmírez II, nas inmediacións da feira de gando de Salgueiriños.

En todos estes anos o centro coñeceu momentos de esplendor nos que chegou a contar cun milleiro de alumnos. Hoxe acolle trescentos corenta, algo menos de douscentos da ESO e 150 de Bacharelato, e conta cun persoal de 53 profesores. O centro estivo moi implicado todos estes anos na vida do barrio e da cidade, segundo explica o seu director, José Luís Martín, o sexto docente que se fixo cargo destas funcións en vinte e cinco anos de historia do instituto.

O Xelmírez II cumple 25 anos

No instituto Xelmírez II celebrouse o acto central do seu vinte e cinco aniversario. Este IES naceu no curso 1984-85 a partir do primeiro instituto masculino que houbo na cidade, o Arcebispo Xelmírez, e como consecuencia do cambio de uso do edificio no que estaba, o antigo colexio de xordos e cuartel de San Caetano, que pasou a ocupar a Xunta de Galicia. Daquel centro naceron dous, o Xelmírez I, nos arredores do campus universitario, e un ano despois o Xelmírez II, en Salgueiriños. O conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, descubriu unha placa conmemorativa no vestíbulo e presidiu a celebración destes cinco lustros xunto ao actual director do centro, José Luis Martín, o quinto neste cuarto de século. Os primeiros, e por moi pouco tempo ambos, foron Hortensia Blanco e César Pazos. Despois, e durante 18 anos, dirixiuno José Luis Hospido, ao que lle deu a substitución Antonio López. Asistiron a maioría dos 53 profesores e algúns dos preto de 80 que impartiron docencia nestes anos, a maioría deles xubilados. O alumno de segundo de bacharelato Cristian Delgado Herbello amenizou o acto interpretando algunhas pezas ao piano.

sábado, 13 de novembro de 2010

Monte de Deus terá un gran miradoiro de 375 metros de altura sobre o centro histórico

Estará situado na parte superior dun novo parque, xunto a Vite de Arriba//As obras durarán dous meses


A segunda fase de acondicionamento do Monte de Deus, en Vite de Arriba, iniciarase en breve, abarcando unha parcela de 24.000 metros cadrados. Os traballos, que teñen un prazo de execución de dous meses, inclúen a construción dun miradoiro na parte alta do monte, que alcanza os 375 metros. O proxecto forma parte de Urbana Norte.

A concelleira de Medio Ambiente, a nacionalista Elvira Cienfuegos, explicou que ademais tamén se procederá a substituír as actuais especies arbóreas, fundamentalmente piñeiros, eucaliptos e outra vexetación intrusiva, por especies frondosas, como carballos, castiñeiros, faias ou cerdeiras.

Tamén se aproveitarán as oquedades abertas pola extracción de pedras para crear humidais. Ademais, abrirase un carreiro en zigzag de 700 metros de lonxitude, que cruzará todo o parque até chegar ao miradoiro, desde o que se contemplará unha magnífica vista de toda a zona monumental.

O monte de Deus recuperarase totalmente no principio do ano

O Urbana Norte asume o acondicionamento dos 24.000 metros restantes


A concellaría de Medio Ambiente abordará en breve o acondicionamento total do monte de Deus, en Vite de Arriba, despois da execución da primeira fase o pasado ano, o que supuxo a apertura dun espazo verde de 6.000 metros cadrados. A segunda fase estenderase sobre outros 24.000 metros cadrados dunha parcela pública que suma un total de 30.000 e na que se habilitará un miradoiro na cima, a 375 metros de altitude, cunhas magníficas vistas sobre a cidade, segundo indicou onte a concelleira de Medio Ambiente, a nacionalista Elvira Cienfuegos.

Os traballos terán un prazo de execución de dous meses, «se as condicións ambientais non o impiden», e teñen por obxecto incrementar o valor ambiental e social deste espazo natural, recuperándoo para usos comúns dos residentes da zona e da cidadanía en xeral coa posta en valor do seu potencial ambiental e paisaxístico, para incrementar a súa biodiversidade.

Esta nova fase custará 86.438 euros, ademais do IVE, e realizarase con cargo ao plan Urbana Santiago Norte. Ademais da nova vexetación, na actuación aproveitaranse as depresións do terreo producidas pola extracción de pedra para conformar zonas húmidas, con vexetación propia, e farase un camiño en zig zag cun percorrido duns 700 metros que chegará ata a cima.

quarta-feira, 10 de novembro de 2010

Un veciño de Vite leva dúas semanas agardando 'a luz'

DENUNCIA. Un veciño da zona de Vite de Arriba denuncia que lle cortaron a luz, por estar varios meses fóra da cidade sen pagar, e agora leva máis de dúas semanas agardando a que lla repoñan, tras pagar de novo a conexión o día 21 de outubro. Aínda que lle aseguraron que todo estaría resolto en 24-72 horas, este veciño está desesperado reclamando que lle poñan en funcionamento o servizo canto antes.

(NOTA INFORMATIVA. A partir de agora se premes no título da noticia poderás acceder ao lugar de onde foi tirada.)

Asociación Veciñal "Polígono de Vite"

Asociación Veciñal Polígono de Vite

Proxecto "Urbana Santiago norte"

proxecto URBANA SANTIAGO NORTE

Centro socio-cultural "José Saramago"

Centro socio-cultural José Saramago

Estades controlados

Auditorio de Galicia

Auditorio de Galicia

Snap Shots

Get Free Shots from Snap.com

Novas Vitenses © 2008. Template by Dicas Blogger.

TOPO