terça-feira, 27 de julho de 2010

Raxoi reservará máis de 2.000 aparcadoiros para vehículos de residentes

Repartiranse en dez barrios con poucos estacionamentos e moita demanda//Empezarán nun prazo de nove meses

Nun prazo de entre nove e doce meses dez barrios de Santiago contarán con zonas de aparcadoiro reservadas para os vehículos dos residentes, tal e como adiantou xa o ano pasado este xornal.

O obxectivo, explicou a concelleira de Tráfico, Marta Álvarez-Santullano, é solucionar o problema que se expón aos veciños destas zonas.

A característica común é que se trata en xeral de construcións antigas que carecen de garaxe, e que, ademais están en áreas "que se ven sometidas diariamente a unha forte presión de aparcadoiro".

Trátase dos barrios máis próximos a infraestruturas como hospitais, dependencias administrativas ou centros de transporte, que atraen a moitos vehículos de fóra da cidade. É o caso de San Caetano e Vite, Santa Marta, San Pedro, Pelamios, Vista Alegre ou San Lourenzo.

Nestes puntos delimitaranse espazos que xa eran aparcadoiros libres, non sometidos á regulación da ORA, e procederase a pintalos e colocar sinais de forma que só poidan estacionar os vehículos dos residentes censados e que teñan ao día os impostos.

A partir do mes de setembro comezarase a informar os veciños dos trámites para poder acceder a unha destas máis de dous mil prazas, a través de campañas nos medios de comunicación e de buzoneo nos barrios afectados pola medida.

Serán de dous tipos, unhas que se poderán utilizar durante as 24 horas do día, que serán máis de dous milleiros, e outras que só estarán reservadas durante a noite, que suman unhas catrocentas máis.

O Concello modificou a ordenanza de tráfico para facilitar a creación destas zonas. Uns espazos que, ademais, se acordaron coas respectivas asociacións de veciños, explicou a concelleira.

A proposta exporase este xoves na comisión informativa de servizos, e posteriormente someterase a votación na xunta de goberno. Trátase dunha primeira fase, que posteriormente se irá ampliando a outros barrios.

Distribución proporcional pensada en función das necesidades de cada unha das zonas

Santiago. Pontepedriña é o primeiro dos barrios que contará con prazas reservadas, 307 en total, que os residentes poderán utilizar durante todo o día. En Vite-Guadalupe, unha zona con escaseza de aparcadoiros, crearanse 460 durante todo o día e 143 máis pola noite. A continuación está San Pedro, onde haberá 328 máis outras 88 libres durante o día e reservadas pola noite. Na Almáciga, os residentes disporán de 384 estacionamentos, e na zona de Ultreia haberá 54 e 52 nocturnas, respectivamente. Polo que se refire ao barrio de Sar, os aparcadoiros serán 102 de 24 horas, e 41 nocturnas. San Lourenzo, afectado pola proximidade do Campus Vida, contará con 53 e 64, e Pelamios, 161 durante día e noite. Por último, en Vista Alegre haberá 152, e en Santa Marta, nas proximidades do hospital Clínico, resevaranse dez nocturnas e 171 durante todo o día. A repartición do número de prazas calculouse en función das posibilidades e das necesidades concretas de cada un dos barrios, explicou a concelleira de Tráfico, e sempre de acordo coas peticións da asociación de veciños correspondente "como exemplo de participación cidadá", destacou Marta Álvarez-Santullano, na súa intervención onte no pazo de Raxoi

Para ler as novas no seu lugar de orixe, preme aquí e aquí

Raxoi reserva 2.600 prazas para os veciños en dez zonas da cidade

A inmensa maioría poden ser ocupadas mediante cartón as 24 horas, pero hai 400 só para uso nocturno

As dez zonas reservadas na primeira fase para o aparcadoiro gratuíto de residentes ofertarán un total de 2.570 prazas. A maior parte delas son para a súa goce ao longo de todo o día, un total de 2.172, e as restantes (398) só durante a noite. Pontepedriña e Vite-Guadalupe serán as dúas primeiras zonas nas que se aplicará a nova regulamentación, aprobada no mes de xaneiro para permitir que os residentes de determinadas áreas da cidade dispoñan (en réxime excepcional) de espazos para os seus vehículos.

As seguintes zonas serán, por esta orde, San Pedro, Almáciga, Ultreia, Sar, San Lourenzo, Pelamios, Vista Alegre e Santa Marta. Como se pode apreciar, trátase de barrios con vivendas que na súa maioría non dispoñen de prazas de estacionamento. Ademais, sofren a presión dunha serie de institucións ou situacións (Xunta, Hospital, Universidade, centro histórico, Ensanche, etcétera) que invaden os espazos existentes.

A edil Marta Álvarez-Santullano puxo de relevo que a proposta que se pon en marcha nace do consenso coas asociacións de veciños das zonas implicadas: «Foi un traballo minucioso do departamento de Tráfico e un esforzo de consenso coas asociacións veciñais, que coñecen as demandas e a realidade destes barrios».

A primeira fase desta ordenanza será abordada pasadomañá pola Comisión de Servizos e o martes será aprobada pola Xunta de Goberno. A partir de aí, en setembro, iranse establecendo as zonas de residentes coa sinalización vertical e horizontal oportuna e procederase á tramitación dos cartóns.

Ao propio tempo haberá unha campaña informativa para que os veciños coñezan o proxecto e o prazo de presentación de solicitudes. As vías de difusión serán os medios de comunicación, as entidades veciñais e o buzoneo polos barrios. Esta tarefa empezará en setembro para as primeiras zonas de implantación, porque agosto é un mes vacacional no que tería pouco efecto a campaña de información.

Antes de que acabe o ano estarán funcionado as primeiras áreas de residentes, pero a culminación da primeira fase é un proceso que durará entre nove e doce meses.

As prazas con cartón para goce nocturno poderán utilizarse entre as 23.00 horas e as 8.00 do día seguinte. Durante o día serán espazos libres para atender a demanda de centros educativos ou outros servizos situados na zona.

A concelleira de Tráfico resaltou que a implantación deste réxime excepcional de residentes, en convivencia con outros regulados ou non regulados, «é unha vantaxe para os veciños de todos estes barrios». é unha compensación en moitos deles á redución de prazas debido ás reurbanizacións viarias.

Os residentes deberán levar censados polo menos seis meses

O primeiro barrio no que se establecerán áreas específicas de residentes é Pontepedriña, que contará con 307 prazas (as 24 horas do día). Vite-Guadalupe contará con 460 prazas e 143 de uso nocturno; San Pedro disporá de 328 prazas e 88 máis durante a noite; Almáciga, 384 palzas; Ultreia, 54 prazas e 52 nocturnas; Sar, 102 palzas e 41 nocturnas; San Lourenzo, 53 prazas e 64 nocturnas; Pelamios, 161 prazas; Vista Alegre, 152 prazas; e Santa Marta, 171 prazas de vinte e catro horas e 10 para uso de residentes pola noite.

A repartición de prazas varía de acordo á entidade dos barrios beneficiados. A edil de Tráfico mencionou como exemplo a diferenza que media entre San Lourenzo e San Pedro, moito máis amplo este último, á hora de distribuír a oferta de espazos.

O barrio que conta con máis prazas de residentes é Vite-Guadalupe, un dos máis poboados de Santiago. Resaltou Álvarez-Santullano que sobre esta zona existe unha gran presión de aparcadoiros da Xunta (na parte de arriba) e da Universidade (na parte de abaixo).

A mellora da seguridade viaria precisou dunha redución de prazas de aparcadoiro, pero Álvarez-Santullano recalca que eses espazos son superados polos espazos para residentes. Nesa liña, a ordenanza favorece aos veciños dos barrios, pero non a todos. A reserva de lugares vai destinada aos residentes empadroados na zona os anteriores 180 días consecutivos, co coche domiciliado nese sitio, co imposto de circulación abonado e sen ningunha multa pendente con resolución firme pola vía administrativa.

Para ler as novas no seu lugar de orixe, preme aquí e aquí

quarta-feira, 7 de julho de 2010

Aparcamento preferente para residentes en Vite e Santa Marta

A nova ordenanza dálles prioridade na zona ORA // Para elo deberán solicitar unha tarxeta // Raxoi xustifica a supresión de prazas polas obras

Os residentes en Santiago nas zonas nas que existen maior demanda de aparcadoiro terán preferencia á hora de estacionar no seu barrio. A noticia xa a adiantou EL CORREO GALLEGO o ano pasado e agora faise realidade.

A medida, que afecta as prazas da ORA, comezarase a aplicar nos barrios de Santa Marta e Vite, dúas zonas nas que a proximidade do Hospital Clínico e da Xunta, respectivamente, fai que escasee o espazo para estacionar.

Desta forma, os residentes censados nestas dúas zonas poderán solicitar do Concello un cartón que lles dará prioridade para utlizar un deteminado número de prazas que estarán reservadas no seu barrio. Hai que estar ao día no pago do imposto de circulación e non ser propietario de ningunha praza nun aparcadoiro público.

Ademais de para o vehículo propio, previa xustificación tamén se poderá solicitar o cartón para os coches de empresa ou os de arrendamento financeiro, é dicir, leasing ou renting. Os beneficiarios destes cartóns, ademais de ter prazas reservadas, tamén poderán estacionar o dobre de tempo que os forasteiros sen necesidade de mover o coche.

Dada a polémica aberta estes días pola supresión de prazas de aparcadoiro nas zonas reurbanizadas, que deu lugar á presentación dunha pregunta ao pleno por parte do PP, o goberno local emitiu onte un comunicado explicativo.

No documento aclárase que o motivo polo que se decidiu acometer esta redución do espazo de estacionamento é "a instalación de servizos, así como a mellora da seguridade viaria". Desta forma, sinalan que a decisión adoptada "redundará en beneficio non só dos veciños destas zonas, senón de todos os composteláns".

Neste sentido, tamén inclúen un informe detallado sobre as remodelacións, no que explican que na avenida de Castelao redúcense polas obras 47 prazas (o 18,8%), "polo que quedan en total 203". Así mesmo, na avenida de Rosalía de Castro suprímense 16 prazas (14,5%), quedando un total de 94, e en Galeras elimínanse 39 (20%), polo que permanecen 151 prazas.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

Vite e Santa Marta terán os primeiros aparcadoiros para residentes

O Concello ten como obxectivo pór en marcha nun ano a ducia de zonas deste tipo previstas

Vite e Santa Marta formarán parte da primeira quenda de áreas de aparcadoiro para residentes que se porán en funcionamento ao amparo da nova Ordenanza Reguladora do Aparcamento aprobada polo Concello en xaneiro. A estas dúas zonas engadirase algunha outra para configurar a proposta que será levada á Xunta de Goberno pola concellaría de Seguridade Cidadá.

O primeiro lote recibirá luz verde seguramente este mesmo mes, segundo indicou a concelleira Marta Álvarez-Santullano, quen non puxo data fixa para a posta en marcha da iniciativa. No entanto, será con probabilidade á volta do verán.

O que si se propuxo o devandito departamento é desenvolver o proxecto no prazo máximo dun ano, de forma que nese período estean a funcionar todas as zonas de aparcadoiro programadas no municipio, unha ducia en total.

O Concello optou por ir implantando progresivamente as áreas, de forma que se vaian compasando aos mecanismos para a súa efectividade. Hai que recordar que para ter o dereito a aparcar nas prazas reservadas aos residentes é necesario dispor dun cartón que emitirá o Concello. O obxectivo de Álvarez-Santullano é que cada mes entre en funcionamento un lote de áreas. As periféricas son as primeiras que ten en conta Raxoi, porque é aí onde hai máis problemas de prazas.

Onte mesmo, veciños da zona de Vite mostraban os seus descontento a este medio pola eliminación de «máis dunha trintena de prazas» de aparcadoiro pola obra de reforma da avenida de Castelao. Así mesmo expresaron o seu temor a que as árbores levanten as baldosas no seu crecemento.

O goberno local sinala que a redución de prazas de aparcadoiro nas áreas nas que hai obras de reurbanización obedece á instalación de servizos e á mellora da seguridade viaria. Deste xeito, na avenida de Castelao suprímense 47 (un 18%), polo que quedan 203. En Rosalía de Castro elimínanse 16 (14,5%) e quedan 94. E en Galeras redúcense 39 (20%) e permanecen 151 prazas. para estacionar o coche.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

Asociación Veciñal "Polígono de Vite"

Asociación Veciñal Polígono de Vite

Proxecto "Urbana Santiago norte"

proxecto URBANA SANTIAGO NORTE

Centro socio-cultural "José Saramago"

Centro socio-cultural José Saramago

Estades controlados

Auditorio de Galicia

Auditorio de Galicia

Snap Shots

Get Free Shots from Snap.com

Novas Vitenses © 2008. Template by Dicas Blogger.

TOPO