domingo, 31 de janeiro de 2010

''Sempre fun o riquiño, o típico ao que as amigas lle contaban todos os seus rollos sentimentales e el aí aguantando''

É o favorito da cinta favorita dos Goya, Celda 211, 16 nominacións. Despoxado xa de Malamadre, o personaxe polo que aspira ao galardón como mellor actor, Luis Tosar recoñece que lle gusta facer de malo, porque en realidade é un buenazo. Vese feo, pero recórdase guapo de neno e sen sorte coas mulleres durante a súa adolescencia, algo que cambiou xusto agora, cando ten parella. Con 36 años repletos de premios e recoñecementos afronta, por fin, a súa madurez.

[...]
P. Sabido é que a voz de Malamadre a tomou prestada dun amigo, ten amigos tan macarras, nenooo?

R. Si, cambiámonolas, el quedou coa miña (rise). Este Chino é un cacho de pan, non tene nada que ver con Malamadre, pero criouse no Vite, onde eu vivo agora, que nos anos 70/80 era, iso, o barrio chungo. Creceu entre macarras e non sei por qué quedoulle a voz así: «Baaaah, flipé, chavaaaal, flipé [en auténtico rexistro]».
[...]

Para ler a entrevista no seu lugar de orixe, preme aquí

sexta-feira, 29 de janeiro de 2010

Raxoi elimina máis prazas en rúas sen aparcadoiros públicos nin privados

Durante a execución dos traballos perderanse algunhas zonas en Ultreia, agravando os problemas de espazo

A reforma de rúa Espírito Santo obrigará a numerosos veciños a buscar novo acomodo para os seus coches

O estilo habitual de remodelación das vías públicas do Concello de Santiago vai sempre unido á condición indispensable de gañar espazo para os peóns e iso faise sempre restando zona de aparcadoiro. En barrios como o Ensanche ou Fontiñas, onde a maioría dos edificios contan con aparcadoiros privados e nos que ademais hai aparcadoiros privados ou públicos para atender as necesidades dos non residentes, a medida adoita ir unida a queixas de determinados colectivos. No caso de zonas como Vite e Espírito Santo, as protestas dos veciños son máis fortes e vense apoiadas polo feito de que os inmobles carecen na súa inmensa maioría de garaxes privados e os aparcadoiros subterráneos máis próximos non o están tanto e supoñen un importante desembolso económico para as familias.

O inicio das obras de Espírito Santo reavivou as queixas de hai unhas semanas en Vite. Novamente, as obras minguarán o espazo de aparcadoiro na histórica rúa. Aínda que, neste caso, os veciños utilizan as beirarrúas para deixar os seus coches debido á falta total de espazo na zona. Ao final desta rúa hai unha zona reservada para carga e descarga xunto a un supermercado, que terá que pasar á praza de Ultreia durante e logo da execución das obras. Doutra banda, cando a rúa estea totalmente restaurada xa non será posible utilizar as beirarrúas da zona máis ancha de Espírito Santo como aparcadoiro. Xa que logo, o único espazo dispoñible terá pouco máis dunha ducia de espazos dispoñibles na praza de Ultreia, que ven incrementados ao utilizarse ata o último recuncho de beirarrúas e espazos axardinados. Iso si, durante a execución das obras, parte de Ultreia quedará ocupadas por material de obra e minguarase o aparcadoiro.

As obras de remodelación de Espírito Santo non afectarán á praza de Ultreia, que quedará exactamente igual a como está agora, xa que o proxecto do departamento de Rehabilitación do Centro histórico só atenderá ao ámbito da rúa.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

domingo, 17 de janeiro de 2010

Emotiva homenaxe a un dos grandes do Lobelle: Manu

O ex capitán pechou o encontro cun gol, antes de irse ao banco e recibir unha sentida ovación da afección ·· Regaláronlle unha placa, un cadro cos seus mellores momentos e unha camiseta de Lentini

O ex capitán do Lobelle recibiu onte unha sentida homenaxe en Santa Isabel, na que foi a súa despedida do Lobelle, club no que militou durante quince tempadas, e onde logrou, entre outros, o título de campión de Copa de España, en Zaragoza, e a Supercopa de Europa en Santiago.

Onte, o polideportivo compostelán reuniu aos antigos e novos compañeiros do xogador santiagués de Vite, que xa antes do partido fixéronlle o corredor ao ex capitán que saíu á cancha acompañado do seu fillo. Na bancada centos de afeccionados e a peña Manuboys deron unha calorosa benvida a un dos grandes do Lobelle, que xunto aos seus vellos compañeiros Betão, Saúl, Marimón, Pulpis ou Pitu, entre moitos outros, enfrontáronse ao primeiro persoal do conxunto compostelán.

Aínda que o resultado favoreceu ao Lobelle (4-2), iso foi o de menos, xa que o momento culmen da noite foi a sentida ovación que recibiu Manu tras marcar o segundo e definitivo gol dos seus, nas postrimerías do encontro, e sentar no banco con xesto de emocionado, ao cumprirse un dos seus desexos antes deste partido: que estivesen todos os que compartiron con el todas esta tempada na elite.

Pero non quedou aí a despedida. Os xogadores, o club e a súa peña obsequiárono cunha camiseta do Milan co número 8 e o nome de Lentini, un cadro cos seus mellores momentos en imaxes, e unha placa conmemorativa respectivamente.

E tras a foto de familia, Manu foi manteado no medio da pista na que creceu e fixo historia co Xacobeo Lobelle.

Amigos e compañeiros de Manu co ex-capitán e xunto á camiseta que lle regalaron co nome de ‘Lentini’

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

Manu brilla na súa homenaxe ante a afección santiaguesa

Manu brillou na súa homenaxe. Marcou un gol, pero a súa selección perdeu ante o Lobelle. Ao comezar o partido recibiu do club un cadro cunha foto dos seus mellores momentos. El entregoulle aos «Manu boys» un cadro en agradecemento polo incondicional apoio e os membros da peña regaláronlle unha placa e unha camiseta do Milán co nome de Lentini, que é o alcume co que se lle coñece.

No partido, os dous equipos tomárono moi en serio. Foi superior o Lobelle na primeira parte (0-2). O choque nivelouse no segundo tempo. Houbo máis oportunidades e o partido foi máis entretido. Houbo moita intensidade e defendeuse con seriedade.

A falta dun minuto para o final cambiaron a Manu e o público dedicoulle unha longa e sonora ovación de despedida.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

Santa Isabel despedirá ao ex capitán Manu tras quince anos de historia

A homenaxe consistirá nun partido entre o Xacobeo Lobelle e unha selección de amigos do compostelán ·· Volven Betão, Saúl, Pulpis...

Todo está listo para que hoxe, a partir do oito da tarde, o ex capitán do Xacobeo Lobelle, o santiagués Manu reciba a homenaxe que o club lle prometeu cando decidiu deixar o equipo, tras quince anos nas súas filas, para irse ao Noia.

No pavillón municipal de Santa Isabel o xogador de Vite despedirase sobre a cancha dunha afección que viu como vestía a camiseta do equipo santiagués durante 15 tempadas consecutivas, formando parte dun persoal histórico que conseguiu, entre outros, o seu primeiro título de Copa de España, ou o da Recopa de Europa.

Manu estará rodeado dalgúns dos seus mellores amigos. Non puido estar todo o mundo xa que ao longo deste quince campañas, tal e como explicou o propio xogador o día da presentación da homenaxe, son moitísimos os compañeiros que compartiron os bos e malos momentos co club, e "traelos a todos era imposible".

Aínda así, e sen dúbida, todos os xogadores que estarán presentes hoxe sobre a pista de xogo de Santa Isabel son xa parte clave da historia do Xacobeo Lobelle.

A homenaxe consistirá nun partido entre os integrantes do primeiro persoal do club santiagués, e un combinado formado polos amigos do ex capitán, a cargo dos cales estarán outros dous vellos coñecidos do conxunto compostelán, o ex técnico Pulpis, e o ex xogador Pitu. A preparación física estará a cargo de Juanma Veigas, mentres que as tarefas de delegado desenvolveraas Jose Antonio, sendo o auxiliar Fox.

Todos os amigos de Manu que participarán na homenaxe xogarán cos dorsais que vestiron na súa época de xogadores do club santiagués, a lista definitiva é a seguinte: Marimón, David, Giustozzi, Saúl, César, Manu, Marquitos, Juancar, Betao, Toni, Miguel, Javi Santos e José Antonio.

O aplauso da afección

Durante o partido Manu recibirá, ademais do aplauso da súa afeicción, un recoñecemento do club santiagués a modo de recordo dos 15 anos que vestiu a camiseta dun Xacobeo Lobelle co que escribiu algunha das páxinas máis importantes da súa historia e da do club.

O capitán agarda que todos os que compartiron estes anos con el no Lobelle acudan a Santa Isabel. "Agardo que todo o mundo se acerque a Santa Isabel porque nolo vamos pasar moi bin. Vai ser un día moi especial para min e gustaríame que todo o mundo estivera na miña despedida", dixo Manu.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

Manu Barral recibe a homenaxe do Lobelle e da afección compostelá

O partido entre o primeiro equipo e un combinado de ex xogadores disputarase no pavillón de Santa Isabel

O Lobelle xa ten todo disposto para a homenaxe do gran capitán. O club e a afección premiarán a Manu Barral polos seus «quince anos de fidelidade» ás cores do club. A cita será a partir das 20.00 horas no pavillón municipal de Santa Isabel. O xogador de Vite despedirase sobre a cancha dunha afección que lle aplaudiu durante quince campañas consecutivas. Esta tarde, Manu estará rodeado de varios dos seus mellores amigos que vestiron a camiseta do Lobelle.

Aínda que non puido contar con todos, os deportistas que estarán presentes hoxe na pista de Santa Isabel son gran parte da historia do Lobelle. Todos os amigos de Manu que participarán na homenaxe xogarán cos dorsais que vestiron na súa época de futbolistas do club.

A lista definitiva está configurada polos xogadores Marimón (dorsal 1), David (2), Giostozzi (3), Saúl (4), César (7), Manu (8), Marquitos (10), Juancar (11), Betão (12), Toni (13), Miguel (14), Javi Santos (15) e José Antonio (16). No banco estarán Pulpis como adestrador, Pitu como segundo técnico, Juanma Vegas como preparador físico, José Antonio como delegado e Fox como auxiliar.

Durante o partido, Manu recibirá, ademais do aplauso da súa afección, un recoñecemento de club santiagués como recordo dos seus quince anos na entidade. Manu Barral foi un dos grandes protagonistas nos éxitos do club compostelán. Manu estivo en todos os momentos históricos e importantes do conxunto santiagués, desde os seus ascensos nas categorías autonómicas ata o salto á División de Honra da mellor liga do mundo.

O partido desta tarde será con entrada gratuíta e enfronte do combinado disposto polo gran capitán estará o actual equipo do Lobelle, que vén de participar en Vigo na Supercopa de España.

Manu Barral confía en que a resposta da afección sexa a de sempre, pois en todo momento foi un dos ídolos da parroquia lobellista.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

sábado, 16 de janeiro de 2010

"Con este partido homenaxe quítome un peso de enriba"

DESPOIS DE QUINCE ANOS no Autos Lobelle, o club decidiu prescindir del para esta tempada. Este sábado, o que fora o seu capitán durante tanto tempo poderá despedirse da súa afección como se merece: cun partido homenaxe entre os homes de Tomás de Dios e un combinado de amigos de Manu.

Con esta homenaxe, quítaste unha espiña?
Unha espiña e un peso de encima porque con toda a repercusión que tivo a miña familia pasouno mal. Hai moita xente que fala, unha sabendo e outra sen saber, e a verdade é que estou cansado de tanta polémica. Estou contento porque me vou poder despedir da xente e tamén porque dalgunha maneira queda todo resolto e cada un pode proseguir o seu camiño.

Que esperas do partido?
O que máis me importa é que salga todo ben e que non haxa ningún problema organizativo. Non vai ser unha competición nin moito menos. Quero que sexa unha festa para o público, os xogadores do Autos Lobelle e todo o fútbol sala santiagués.

O resultado é o de menos...
Si, o que tentamos foi facer un equipo o máis competitivo posible, que non fose unha pachanga. Queriamos buscar a alguén que representase a cada época na que estiven no Lobelle. Esperamos que haxa moitos goles, xogadas bonitas, que o xente góceo, que non haxa ningún caño...

Agora que pasou un tempo desde a túa marcha, como te sentes?
Téñoo moito máis asimilado. Aínda que nestas datas teño os dentes longos porque vendo competir á equipa na Supercopa, ao nivel en que estaba, como estaba o pavillón... Iso é algo que a todo xogador gústalle.

Alemao dixo que che dedicaría o título se gañaban?
É un detalle pola súa banda que é de agradecer e que di moito de todo o que vivín con el. É unha pena que non gañasen. Eu estívenos vendo e sorprendeume moito o nivel do equipo. Tamén me acolloou un pouco porque como se poñan a correr así o sábado o partido dura dous minutos!

Velos con opcións para a Copa?

Vendo o nivel que teñen, creo que poden facer algo importante. Gañala é complicado. Despois dun mes con tanto nivel e con tanta esixencia física, imaxínome que terán que ter algún tipo de baixón.

Que é o que máis botas de menos de xogar no Lobelle?
O que máis, este tipo de competicións e o que menos, as viaxes!

Tras a túa marcha, a afección volcouse contigo. Esperábalo?
Sabía que a xente me tiña un certo aprecio pero quedei gratamente sorprendido. Paseino mal porque non me esperaba esa saída do club e o apoio de toda a xente axudoume moito. Sentínme moi arroupado.

Cando te fuches, rexeitaches a oportunidade de seguir no corpo técnico. Arrepínteste?
Non. Sei que deixei escapar unha boa oportunidade porque ía aprender moito do traballo diario, de como preparar adestramentos, partidos... Pero non me arrepinto porque agora mesmo non teño mentalidade de porme a adestrar. Eu síntome xogador.

Estás contento no Noia?
É outro mundo e un cambio moi grande, pero teño a sorte de que contamos cun grupo moi bo, teño moitos amigos e deportivamente vainos ben. A verdade é que estou moi contento.

Que plans tes para 2010?
Laboralmente espero poder canalizar a miña vida o mellor posible e deportivamente primeiro que me respecten as lesións, que xa se me nota un pouco a idade, e que co Noia podamos ascender, que sería un éxito moi grande para nós.

E a pesar de todo o que pasou mantés o agarimo polo Lobelle?
Si, son moitos anos. É media vida miña e toda a miña vida deportiva. Independentemente de todo, ao Lobelle lévoo no corazón. Deséxolle os mellores éxitos e que siga crecendo, do mesmo xeito que a todo o deporte santiagués.

XOGARÁN ESTE SÁBADO EN SANTA ISABEL
O partido de homenaxe a Manu entre o Xacobeo Lobelle e un combinado de amigos do xogador compostelán disputarase este sábado, 16 de xaneiro, ás 20:00 horas no pavillón de Santa Isabel. Os xogadores convocados para este encontro son Toni, Marimón e José Antonio, como porteiros; Giustozzi, César e Juancar, como peches; Javi Santos, Miguel, Saúl, David e Manu, como ás; e Betao, Marquitos e Cameselle, como pivotes. Pulpis exercerá como técnico e Pitu como segundo adestrador. Ademais, Juanma Veigas será o preparador físico e José Antonio Quintáns, o delegado. Podería haber ademais algunha incorporación de última hora. Todos eles lucirán unha camiseta co rostro do homenaxeado que foi creada para a ocasión. A entrada será libre.

Na rolda de prensa de presentación do partido, Manu afirmou que é de agradecer "o esforzo que fixo o club para organizar este partido". O actual xogador do Noia sinalou tamén que espera que todo o mundo achéguese a Santa Isabel "porque nolo imos a pasar moi ben. Vai ser un día moi especial para min e gustaríame que todo o mundo estivese na miña despedida"

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

sábado, 9 de janeiro de 2010

"Algúns non sabemos ben o que van facer con estas obras"

VECIÑOS • A avenida Castelao cambiará de cara e pasará a ser unha vía totalmente urbana • Os seus habitantes cren que o barrio mellorou ultimamente, pero reclaman unha reforma integral de toda a zona
A REURBANIZACIÓN DA avenida Castelao no compostelán barrio de Vite trouxo cola nas últimas semanas. E é que os veciños foron informados deste proxecto unha vez que as obras xa estaban iniciadas, o que motivou a súa protesta unha vez que recibiron a visita do alcalde e o concelleiro de Obras e Infraestruturas.

E que suporán estes traballos, que durarán preto dun ano, para os veciños de Vite? Andrés, que vive no barrio desde hai 27 anos, recoñece que algúns veciños “non sabemos moi ben o que van facer”, pero as obras contemplan unhas beirarrúas máis anchas, mellor iluminación, menos prazas de aparcamento e máis paradas de autobús. Ademais, habilitarase un carril central de subida para os coches que queiran xirar á esquerda na avenida.

Iso si, algúns reclaman algúns trocos no proxecto. É o caso de Alfredo Santomil, presidente da Asociación de Veciños Polígono de Vite, que explica que a futura ubicación dos pasos de peóns podería mellorarse, e que coa eliminación de entre trinta e corenta prazas de aparcamento se acentuará un problema anterior, posto que o seu número xa era escaso.

Sen ascensores nin garaxes
Respecto á situación actual do barrio, en xeral os veciños están satisfeitos. “É tranquilo, e hai bastantes zonas verdes”, di Daniel, que vive en Vite desde hai dous anos. Andrés engade que “hai menos gamberrismo que antes, estamos bastante ben”.

Iso si, tamén hai espazo para a crítica. Luis di que “o vecindario non é respetuoso, moitos aparcan enriba da rúa”. Daniel fai mención a un dos problemas importantes do polígono, e é que “os edificios xa están vellos”. Ademais, Andrés explica que “a penas hai locais de comercios, e non temos ascensores nin garaxes nos edificios”.

É necesario arranxar o barrio
Alfredo Santomil explica ademais que faría falla unha reforma integral de todo o barrio, especialmente en canto ás beirarrúas, os sumidoiros ou as instalacións de auga e luz. “Isto fíxose a comezos dos anos setenta e segue como estaba entón”, di Santomil. Por iso reclama que “habería que facer en todo o barrio unha obra parecida á da avenida Castelao”.

UN POLÍGONO DE VIVENDAS CONSTRUÍDO NOS ANOS 60
  • Poboación: Actualmente viven en Vite máis de 5.000 veciños, repartidos nunhas 1.100 vivendas sociais. Estas comezaron a construírse a finais dos anos sesenta, co obxectivo de dar cabida á crecente demanda de vivenda durante aqueles anos.
  • Festas: Vite encóntrase entre dúas parroquias: San Xoán e San Caetano. Celebran A Nosa Señora de Belén o segundo domingo de setembro e a Virxe de Guadalupe o 8 do mesmo mes, respectivamente.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

terça-feira, 5 de janeiro de 2010

Residentes de Vite lamentan a carencia do servizo de laceiro

A situación dun can pequinés mobilizou a unha serie de veciños do barrio de Vite, que lamentan que non funcione o servizo municipal encargado destes casos. O chucho (que non ten trazas de ser un animal rueiro) está pegado a unha parede, en malas condicións e non deixa achegarse á xente. Tampouco acepta a comida que se lle ofrece. Residentes da zona chamaron á policía local, quen lles explicou que Raxoi non podía facer nada, xa que o veterinario responsable atópase fóra de servizo ata o día 7. «É incrible que un Concello como o de Santiago non teña ben atendido un servizo como este», lamenta o representante da asociación de veciños, Manuel Freijo. Algúns veciños puxéronse en contacto con Medio Ambiente, sen resultado polo momento.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

Asociación Veciñal "Polígono de Vite"

Asociación Veciñal Polígono de Vite

Proxecto "Urbana Santiago norte"

proxecto URBANA SANTIAGO NORTE

Centro socio-cultural "José Saramago"

Centro socio-cultural José Saramago

Estades controlados

Auditorio de Galicia

Auditorio de Galicia

Snap Shots

Get Free Shots from Snap.com

Novas Vitenses © 2008. Template by Dicas Blogger.

TOPO