terça-feira, 29 de março de 2011

O Concello concedeu xa case 2.400 tarxetas de aparcamento de residentes

A concelleira de Circulación Viaria e Seguridade Cidadá, Marta Álvarez-Santullano, deu conta dos datos relativos á implantación das zonas de estacionamento de residentes. A seguinte en pórse en marcha será a da zona das rúas Ultreia, Espírito Santo e avenida de Salamanca.

Ata o momento, foron presentadas un total de 3.411 solicitudes de tarxetas de residentes, das que foron atendidas 2.375. Neste balance inclúense as zonas de Pontepedriña, Vite-Guadalupe, San Pedro e A Almáciga.

Estas dúas áreas están en trámite na actualidade. Así, no barrio de San Pedro presentáronse 1.166 solicitudes e concedéronse 937 tarxetas. 78 foron denegadas e o resto están pendentes da achega de documentación. Nesta zona, onde xa está listos dende hai un mes o pintado e a sinalización, comezarase a sancionar os vehículos incorrectamente estacionados a partir do 15 de abril. Aínda quedan uns 150 veciños que non pasaron a recoller a súa tarxeta de residentes.

Dende a mesma data poderán pasar a recoller as súas credenciais os veciños da Almáciga. Neste barrio foron solicitadas ata o momento 493 tarxetas, das que xa se concederon 122, aínda que continúa o análise das solicitudes desta zona.

A seguinte área da cidade na que se implantarán as zonas de estacionamento para residentes será Ultreia, Espírito Santo e avenida de Salamanca. Do 15 ao 30 de abril estará aberto o prazo para que os interesados soliciten a súa tarxeta e acheguen a documentación esixida. Logo tocaralle a vez a Sar.

Atendendo as necesidades
A concelleira insistiu tamén no esforzo que dende o seu Departamento se está a realizar para atender os problemas puntuais que poidan xurdir nestas áreas de residentes. Puxo como exemplo a rúa Carlos Maside, en Vite, onde se concentran un centro de saúde, un centro sociocultural e un pavillón deportivo. Inicialmente dotárase só de prazas libres esta rúa pero, a petición dos veciños, "que se sentían discriminados respecto aos outros veciños do barrio", combinouse o estacionamento libre co de residentes e co de residentes nocturnos. Neste punto, lembrou a ampla oferta de prazas libres que hai no barrio, especialmente na avenida de Castelao.

Tamén se solucionaron demandas puntuais en Pontepedriña. Así, Álvarez-Santullano recordou que, para permitir o servizo aos comercios da rúa Ulla, se habilitou unha zona de residentes para a noite, permanecendo libre durante o día.

Finalmente, a concelleira referiuse ao movemento no Padrón que xerou a posta en marcha das áreas de residentes. Así, en barrios como Vite e Pontepedriña, constatáronse uns 250 movementos, dos que 115 correspondéronse con altas no Padrón procedentes doutros concellos e outros 110 con cambios de domicilio dentro do propio municipio.

domingo, 27 de março de 2011

O censo crece en Pontepedriña e Vite polo cartón de residente

Unhas 250 persoas engrosaron o padrón, das que 140 eran doutros concellos


A zona de aparcadoiro reservado para residentes está a cumprir co obxectivo principal da medida, que era primar aos veciños daquelas zonas nas que os inmobles carecen de aparcadoiro privado e, ao mesmo, tempo está a conseguir que o censo de poboación de Santiago se mova en positivo. A concelleira de Seguridade Cidadá, Marta Álvarez-Santullano, indicou que, desde o inicio do proceso, rexistráronse altas vinculadas á petición do cartón. Por agora, púidose constatar esta circunstancia en Pontepedriña e Vite, onde 250 persoas pasaron a engrosar o padrón co fin de ter dereito ao cartón. Destas 250 altas, 140 corresponden a persoas que proceden doutros concellos limítrofes e o resto son cidadáns que tiñan a súa residencia fixada noutro barrio da cidade.

A concelleira apuntou que o censo será controlado para evitar que as persoas se dean de alta nun domicilio determinado só para conseguir o cartón de aparcadoiro. Vixiarase, xa que logo, unha práctica na que o Concello de Santiago ten experiencia ao ser unha fórmula utilizada hai algún tempo para conseguir praza escolar nun colexio da cidade. A intención é vixiar as posibles fraudes. Aínda así, o feito de que se produzan altas no censo foi recibido con satisfacción polas autoridades locais.

Reordenación de espazos

A edila apuntou que, coa posta en marcha das zonas para residentes, o Concello tamén está a aproveitar para reordenar o aparcadoiro nos barrios e modificalo segundo as necesidades do tráfico. Así, por exemplo, crearanse zonas novas onde poida haber espazos dispoñibles. Tamén se modificará o aparcadoiro en batería ou en liña segundo sexa máis ou menos beneficioso para o tráfico, e pintaranse liñas amarelas, co fin de evitar que vías de dobre circulación sexan ocupadas por coches en ambas as marxes impedindo a circulación.

En canto aos espazos reservados para os residentes, Marta Álvarez-Santullano dixo que non era un plan pechado, pola contra, do mesmo xeito que se fixo en Pontepedriña e en Vite pódense introducir cambios unha vez que comeza a funcionar a zona. No caso de Vite, a petición dos usuarios e traballadores do centro médico fixo que o Concello modificase a ordenación da rúa Carlos Maside e da avenida Castelao. No primeiro caso, habilitouse espazo libre para os usuarios do centro médico. O mesmo ocorreu en Pontepedriña, onde se habilitaron dúas rúas para aparcadoiro libre polo día, co fin de facilitar o aparcadoiro aos profesionais que acoden ao barrio a realizar algún tipo de traballo e tamén para deixar espazo para os familiares de residentes. A edila apuntou que noutros barrios se introducirán cambios se a práctica indica que son necesarios. Apuntou que as zonas verdes non só deberán garantir o aparcadoiro dos residentes, senón tamén incrementar o uso do transporte público.

328 prazas

San Pedro

Hai 29 rúas afectadas e outras 88 prazas son mixtas

460 prazas

Vite-Guadalupe

Hai trece rúas afectadas e déronse 700 cartóns.

307 prazas

Pontepedriña

A área afecta a 16 rúas e entregáronse 321 cartóns

VITE

"Deben primarse sempre aos que pagan impostos"

Alfredo Santomil, presidente da Asociación de Veciños de Vite, lamentou que o Concello non se puxera en contacto con eles para por en marcha a zona de residentes. O portavoz veciñal considera acertada a medida e só é crítico coa decisión de modificar o tipo de aparcamento en Carlos Maside. "Deben primarse sempre aos que pagan impostos. Non entendo porque hai que reservar prazas no centro médico de Vite. Cando se vai ao centro de Fontiñas ou do Ensanche tes buscarte a vida. Castelao está a cen metros; penso que é mellor que Maside sexa para residentes".

OS PROBLEMAS DO TRÁFICO


A posta en marcha das zonas verdes reservadas para o aparcadoiro dos residentes está a provocar unha forte presión sobre os barrios máis próximos. Coa entrada en vigor da zona verde en Pontepedriña, os condutores comezaron a refuxiarse no Restollal e nas rúas das novas urbanizacións do barrio. Actualmente, o volume de vehículos aparcados nesas novas rúas faría pensar que os edificios están totalmente ocupados. Con todo, non é así. Proba diso é que, pola tarde, o número baixa e os fins de semana o aparcadoiro é simbólico comparado co panorama de luns a venres.

O mesmo ocorreu en Vista Alegre cando a pintura verde limitou o aparcadoiro en Vite. Na avenida Castelao, onde boa parte do espazo dispón de aparcadoiro libre as 24 horas do día, os coches case non rotan. Algúns vehículos ocupan a praza o domingo pola noite e xa non o abandonan ata o venres. Esta situación podería obrigar ás autoridades locais a introducir algún cambio na rúa para fomentar a rotación das prazas.

A inmediata entrada en vigor da zona verde de San Pedro está a exercer unha forte presión sobre o barrio da Almáciga, no que tamén se notou a posta en marcha da zona de residentes de Vite. A pesar de que a zona de San Pedro aínda non está en vigor oficialmente, os condutores non residentes comezaron a abandonar as rúas do barrio ao mesmo tempo que a pintura verde aparecía na calzada. Así, por exemplo, o venres ás 9.30 horas había ata nove prazas libres na rúa Betanzos, algo case imposible antes de ser pintada a rúa. Pero tamén ao mediodía os residentes puideron aparcar e, ás 14.30 horas, aínda quedaban libres catro prazas de aparcadoiro. Mentres isto sucedía na rúa Betanzos (incluída na zona de San Pedro), na seguintes rúas do Pino, Touro e Teo as prazas non permanecen baleiras nin un segundo. A falta de espazo é máis grave ao mediodía, cando os residentes deixan os seus coches en dobre fila o tempo xusto para comer. Neste barrio, a maioría dos inmobles carecen de aparcadoiro e só hai dous aparcadoiros privados que alugan prazas por prezos que roldan, de media, os 60 euros. No barrio de San Pedro, a media rolda os 100 euros.

O presidente da Asociación Francisco Asorey, Santiago Martínez, comentou que os residentes están «desexando que poñan a zona de verde. Hai semanas que é imposible aparcar. Hai coches que levan non mesmo sitio dende hai moitos días. E non falo dun nin de dous». Neste barrio, inicialmente deixaranse espazos libres e, en caso de ser necesarias máis prazas de residentes, poderíase acondicionar un espazo que hai xunto ao parque, antes área infantil.

sexta-feira, 25 de março de 2011

Acusan a Raxoi de "actuar como o xerente dun aparcadoiro"

Conde Roa propón bonificar aos enfermos no parquin do Clínico//O goberno táchao de inviable e afirma que o PP "toca de oído"

[...]

Outra das propostas de Conde Roa refírese á modificación da ordenanza de aparcadoiro de residentes, para evitar casos como o que se produce fronte ao centro de saúde de Vite. Segundo denunciou, non existen prazas de aparcadoiro para os usuarios do centro, pero si para residentes, "pero están baleiras, e se a alguén se lle ocorre aparcar, múltano". Neste sentido, denunciou que mesmo pola noite os Policías Locais "van cunha lanterna a comprobar que o cartón de residente coincide coa matrícula do coche. Para iso usan aos axentes", denunciou.

Por iso, anunciou que se chega á alcaldía modificará a ordenanza. En primeiro lugar, nos horarios, para adaptalos ás necesidades dos veciños. Tamén vinculando o cartón non a un coche, senón a un domicilio, para que a usen os parentes dunha persoa maior, por exemplo".

Pola súa banda, a portavoz socialista, Marta Álvarez Santullano, acusou a Conde Roa de "tocar de oído". En primeiro lugar, porque non fai falta modificar a ordenanza, senón que xa se fixeron varios cambios, e faranse máis en relación co ambulatorio.

[...]
  • DATOS
2 Zonas O primeiro barrio que contou cunha zona reservada para residentes foi Pontepedriña, en decembro de 2010. Seguíronlle Vite e Guadalupe e agora está prevista rúa de San Pedro.

3 Rúas As previsións do Concello son crear 2.173 prazas de aparcadoiro en superficie reservadas para veciños censados en Santiago, que estarán repartidas en 115 rúas, todas dentro do centro urbano.

Gerardo Conde Roa

Portavoz e candidato do PP

[...]

"Se obtemos a alcaldía modificaremos a ordenanza de residentes para facela máis útil aos veciños"

quinta-feira, 24 de março de 2011

Luz verde á urbanización do polígono de Vite de Arriba

O anuncio da aprobación definitiva do plan parcial de ordenación do chan urbanizable de Vite de Arriba (SUD-7) saíu publicado onte no Diario Oficial de Galicia, o que permitirá o avance do proxecto urbanizador desa peza da cidade.

O documento do plan parcial foi elaborado por Urbanizadora Norte S.L., promotora da operación. O proxecto para a execución do polígono foi redactado polos arquitectos Xerardo Estévez e Ángel Alonso e o ámbito global do chan elévase a 60.000 metros cadrados.

A operación en marcha virá urbanizar a zona situada entre o polígono de Vite e os núcleos próximos de Vite de Arriba e Vite de Abaixo, e dará vía libre á construción de 174 vivendas de carácter libre. O espazo destinado a uso residencial posúe unha superficie de 24.000 metros cadrados.

As vivendas serán unifamiliares encostadas e pareadas na parte que se eleva do ámbito, mentres que na zona inferior construiranse pisos. A actuación urbanizadora haberá de adaptarse ás condicións topográficas do chan.

A aprobación definitiva do Plan Parcial, segundo recolle o texto publicado onte, debe cumprir unha serie de requisitos contemplados en senllos informes dos operadores de servizos básicos e garantir a desmontadura da liña de alta tensión existente na zona, a fin de que o proxecto de urbanización poida recibir luz verde.

quarta-feira, 16 de março de 2011

UPyD en contra recorte plazas aparcamento en Vite

José Canedo Santos, candidato á alcaldía de Santiago de Compostela por Unión Progreso e Democracia (UPyD) comparte o malestar dos cidadáns afectados polo recorte de prazas de aparcadoiro libre no polígono de Vite, Pontepedriña e outras zonas da cidade.

En palabras do candidato: "sen previo aviso, como adoita ser habitual no noso concello, os cidadáns que desexan facer uso dos servizos da zona (pavillón, centro socio-cultural, centro de saúde...) atopáronse sen sitio onde aparcar, xa que o uso das prazas de aparcadoiro prohibiuse a todos aqueles que non sexan residentes". Ademais, "moitos pais que desexan levar aos seus fillos a actividades deportivas, enfermos que visitan o centro de saúde ou cidadáns que queren achegarse aos centros veciñais atopáronse con esa prohibición da noite para a mañá, unilateralmente tomada polo goberno municipal, que segue co seu costume de non consultar aos cidadáns".

Insiste este candidato en que "non pode beneficiarse a uns veciños en detrimento de outros" e en que "se é necesario, tomar medidas de organización do tráfico han de escoitarse as demandas e necesidades de todos". José Canedo lembra ao goberno municipal, co alcalde á súa cabeza, que a súa función é "solucionar problemas, non crealos". Esiximos o mesmo trato en toda a cidade incluídas as zonas ORA, as cales terían que eliminarse paulatinamente, como propomos no noso programa para as eleccións do próximo mes de Maio. Esta ordenanza xa non serve para o que foi creada e, doutra banda, dubidamos da súa viabilidade económica.

Asociación Veciñal "Polígono de Vite"

Asociación Veciñal Polígono de Vite

Proxecto "Urbana Santiago norte"

proxecto URBANA SANTIAGO NORTE

Centro socio-cultural "José Saramago"

Centro socio-cultural José Saramago

Estades controlados

Auditorio de Galicia

Auditorio de Galicia

Snap Shots

Get Free Shots from Snap.com

Novas Vitenses © 2008. Template by Dicas Blogger.

TOPO