terça-feira, 31 de março de 2009

O folk intimista de Keren Ann pon o broche en Santiago

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

A súa primeira xira en España, que tiña Santiago como última parada, fíxolle percorrerse medio territorio en coche. E é que Keren Ann e a súa banda perderon todos os avións que conectaban Murcia, San Sebastián e Santiago, as tres cidades elexidas nesta xira. A culpa é da festa, din, e o cambio de hora, pero o seu primeiro contacto con España sentoulles ben. A cantante cóntao entre risas: "Era a nosa primeira visita, e quedei enganchada con Barcelona. Temos que volver".

A banda chegou o domingo máis unha hora tarde ao ensaio no Auditorio de Galicia. Pero non sa podían xogar. A cita era ante un auditorio inédito que a cantante practicamente encheu. Toda unha fazaña, enfrontarse a unha audiencia que a escoitaba por primeira vez. Só un dos seus seis discos, Keren Ann (EMI, 2007) pode encontrarse no noso país. Os seus seguidores coñécena, sobre todo, polas súas colaboracións con Antony and the Johnsons ou Benjamin Biolay. "Non podiamos facernos unha idea de cantos nos siguen, pero ao público español gústalle a música que crea atmosfera. Esta éo".

O esceario, envolto en fume, cambiaba con luces que imitaban un bosque de bambú e calquera cidade do mundo. Sobre el, un piano, dúas guitarras e unha trompeta. A compositora móvese dentro da Nouvelle Chanson, que defendeu cos seus mellores temas. Houbo tempo para pasar do inglés ao francés entre notas de folk intimista. O recital foi un paseo por letras "melancólicas, aindaque non tristes", como ela mesma recoñeceu.

Keren Ann, miúda e vestida con vestido negro e botíns de charol e tacón, saiu puntual cunha copa de viño na man, e regalou aos asistentes casi dúas horas de concerto detrás da súa guitarra. Os seus músicos mirábana con deleite. E ela conquistou á audiencia (á nova e á veterana) entre susurros: "Encántanme estas festas, con Rioja e blues". E é que cando un se encontra de fronte cunha estrela, aínda sen coñecela, recoñécea ao instante.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

quinta-feira, 26 de março de 2009

Aberto o prazo para a sexta edición do Premio Auditorio

O certamen de Novos Artistas pretende ser unha plataforma para os creadores e acercar ao público as obras máis innovadoras ·· Haberá unha mostra cos finalistas

A concelleira de Cultura, Socorro García, e o director xerente do Auditorio, Paulo Rodríguez, presentaron onte o sexto Premio Auditorio para Novos Artistas, cuxo prazo estará aberto até o próximo 25 de setembro. Socorro García sinalou que se trata de "un evento consolidado que ten como obxectivo axudar economicamente a produción e investigación de artistas novos, achegar ao público da cidade as creacións galegas máis actuais e anovadoras e, ao tempo, permitir a estes artistas darse a coñecer perante a crítica de arte e a poboación en xeral".

O certamen, que se celebra cada dous anos, vai dirixido a artistas galegos ou residentes en Galiza menores de 40 anos, podendo presentar unha obra en calquera técnica ou soporte.

As creacións deberán presentarse np Auditorio xunto ás características da obra, datos do artista e a súa traxectoria. O xurado realizará unha primeira selección en decembro, da que sairá unha exposición.

Serán precisamente os membros do xurado os encargados de outorgar o Premio Auditorio, dotado con 6.500 euros, e os cuatro accesits, que recibirán 1.500 euros. Tras a exposición, entregarase o Premio do Público, dotado con 1.200 euros.

O xurado estará integrado por Díaz Pardo, Federico López Silvestre, Ignacio Barcia, Alicia Murría, Chus Martínez e Paulo Rodríguez, quen destacou a "gran proxección que ofrece o premio aos artistas finalistas", explicando que "creadores galardoados en pasadas edicións, están a desenvolver fecundas carreiras creativas desde a súa participación no certame".

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

Presentadas as bases da sexta edición do Premio Auditorio de Galicia para novos artistas

A concelleira de Cultura, Socorro García, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez, presentaron onte as bases do sexto Premio Auditorio de Galicia para novos artistas cuxo prazo de presentación fica aberto até o 25 de setembro. A responsable de Cultura falou do certame como un evento consolidado que ten como uns dous seus obxectivos «axudar economicamente a produción e investigación de artistas novos e achegar ao público da cidade as creacións galegas máis actuais e anovadoras». A edición de 2009 vai dirixida a artistas galegos ou residentes en Galicia menores de 40 anos que presenten una soa obra, individual ou colectiva, de calquera caste de técnica ou soporte. As creacións a concurso débense presentar antes do 25 de setembro, ás 14 horas, no Auditorio, sendo necesario entregar, coas características da obra, os datos do artista así como a súa traxectoria. En decembro o xurado realizará unha selección, da que sairá unha exposición. O premio está dotado con 6.500 euros.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

terça-feira, 24 de março de 2009

Concerto da Banda Sinfónica da Federación de Bandas Galegas

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

domingo, 22 de março de 2009

Primavera con música

A Banda Sinfónica estreou as obras gañadoras do primeiro concurso de composición


Para estrear a primavera con bo pe, os melómanos non faltaron á cita no Auditorio de Galicia. A Banda Sinfónica da Federación Galega de Bandas de Música presentou onte á noite as obras gañadoras do primeiro Concurso Galego de Composición. O concerto repasou obras como A revolta irmandiña, Terra de Oestrimnios, O soño de Breogán ou Irmandiños.

Con este certamen preténdese pór en valor tanto aos compositores como á temática galega. En última instancia, búscase incorporar novas obras de raíces autóctonas ao repertorio das bandas con domicilio na comunidade.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

sábado, 21 de março de 2009

A Federación Galega de Bandas estará no Auditorio

A Banda Sinfónica da Federación Galega de Bandas de Música tocará hoxe sábado, ás nove da noite no Auditorio de Galicia, as obras gañadoras e finalistas do I Concurso Galego de Composición. As mesmas son A Revolta irmandiña, de Raúl Martínez, e Terra de Oestrimnios, de Andrés Álvarez. Asimesmo, Xosé Carlos Seráns dirixirá a interpretación de O soño de Breogán, de Juan Durán.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

terça-feira, 17 de março de 2009

Cortes de tráfico en Trinidade, Carvalho Calero e San Lázaro

Unha intervención arqueolóxica entre a praza de San Clemente e a rúa das Hortas impide o paso de coches nesa zona ·· A restricción durará dez días

A rúa de Trinidade, desde a praza de San Clemente até as Hortas, foi pechada onte ao tráfico a causa de estudos arqueolóxicos nesa zona, que permanecerá cortada durante dez días, segundo informou o Concello.

Co fin de facilitar a circulación, cambiouse de dirección a rúa de Carretas para permitir o acceso á zona das Hortas subindo por García-Sabell ou baixando poa costa de San Francisco.

O estudo arqueolóxico, que se acomete á altura da igrexa de San Fructuoso, consiste na apertura dunha zanxa de sondeo entre Raxoi e o citado templo. A obra durará dez días.

Outro dos cortes de tráfico se fará a partir de hoxe na rúa Ricardo Carvalho Calero, que permanecerá pechada en dirección Pelamios-Avenida de Castelao. A circulación será desviada pola rúa Vista Alegre.

Por último, o Concello informou onte que, con motivo das obras de tendido eléctrico que se están realizando en San Lázaro, na rúa Clemente Fernández Sarela, quedará cortado o carril de acceso ao campo de fútbol.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

Concerto especial da federación de bandas no Auditorio de Galicia

A Banda Sinfónica da Federación Galega de Bandas de Música Populares ofrecerá o sábado, ás 21.00 horas, no Auditorio de Galicia, un concerto especial ao ofrecer en primicia as obras gañadoras do I Concurso de Composición, dos autores laureados Juan Durán, Raúl Martín Niñerola, Juan Fernández Guzmán e Andrés Álvarez.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

domingo, 15 de março de 2009

Menos dun terzo das solicitudes da dependencia están resoltas

O perfil da cuidadora é unha muller de 61 anos, con problemas de artrose e con nula ou escasa axuda formal

O Concello de Santiago tramitou 669 peticións, das que teñen resolución pouco máis de duascentas

A Lei da Dependencia segue o seu camiño paso a paso, pese a que os usuarios quixesen que a velocidade fose significativamente superior. Desde o departamento de Vicepresidencia ofrecen datos globais das persoas que solicitaron os recursos desta lexislación estatal, das valoracións realizadas e as axudas concedidas, pero non se desagregan os datos por concellos, polo que é complicado aglutinar as cifras de compostelanos que tramitaron esta lei.

O Concello é un das canles para facelo, e os servizos sociais municipais emitiron xa 669 peticións desde a súa entrada en vigor. Segundo os datos facilitados pola Concellería de Servizos Sociais, resolvéronse 206, menos dun terzo. Isto non significa que estas persoas dependentes xa estean cobrando a axuda ao cuidador, ou teñan unha praza nunha residencia, senón simplemente que está concedida.

Desde o Concello recordan que aínda que son moitos os que esperan pola resolución, os trámites estanse axilizando respecto ao primeiro ano de implantación da norma. A canle municipal non é o único, con todo, e as persoas dependentes ou cun familiar con algún grao de dependencia tamén poden xestionalo a través dos traballadores sociais do Servizo Galego de Saúde. Aínda que a Consellería de Sanidade non facilita datos, desde un dos catro centros de saúde de Santiago, o de Vite, sinalan que se valoraron xa outras 156 solicitudes, a maioría xa concedidas. En total, tendo en conta os datos do Concello e os dos centros sanitarios, a cifra superaría ampliamente o milleiro de tramitaciones.

Mulleres na sesentena

O centro de saúde de Vite levou a cabo un estudo no barrio sobre as persoas que se encargan de coidar aos dependentes. O perfil reflexa que se trata dunha muller de 61 anos que dedica as 24 horas ao día a coidar ao seu familiar dependente, normalmente o seu cónxuxe ou aos seus pais. En xeral, a maioría dos apoios que teñen son de carácter informal (familiares ou veciños) e en menor grao de carácter formal (axudas públicas ou servizos de residencia ou centros de día).

Ademais, no estudo fíxose fincapé en como se sentían, e moitas tiñan problemas de depresión, ansiedade, así como de enfermidades osteoarticulares -fundamentalmente artrose e artrite-, agravadas polos traballos de mobilidade que deben facer cos seus familiares.

ENTREVISTA | ISABEL REDONDO | Trab. social en Vite

«É unha boa lei, pero fai falta unha maior coordinación entre os recursos sociais e sanitarios»

Isabel Redondo Zambrano é a traballadora social do centro de saúde de Vite. Defende unha lei que deu un respiro a unha poboación como a compostelana, envellecida e en moitos casos con problemas de dependencia. De feito, recorda que os primeiros casos que empezou a tramitar en maio de 2007 xa estaban cobrando en marzo do 2008. Como é lóxico, todo é mellorable, e ela ten moi claro cais son as lagoas que hai que subsanar.

-¿Que é o que falta nesta lei?

-É unha boa lei, aínda que desde o meu punto de vista fan falta tres cousas: unha maior coordinación dos recursos sociais e sanitarios, para que o proceso sexa máis áxil e sobre todo non haxa duplicidade de traballos; a contratación de persoal formado, para que non se produza un pescozo de botella; e a potenciación dos recursos básicos. Un dos grandes problemas que ten Santiago, e supoño que Galicia, é a ausencia de recursos como residencias, centros de día, programas de respiro familiar.

-¿É tan lenta a dependencia como din?

-Calquera trámite administrativo é lento. Estase tardando en torno a un ano ou ano e medio desde a tramitación da solicitude. Nisto tamén inflúe o tipo de axuda que se conceda, porque é máis sinxelo conseguir a compensación económica ao cuidador cando é un familiar, ou ben vinculado a un cuidador externo (nestes casos trátase dunha achega económica), que os servizos, porque hai un déficit de base (non hai prazas en residencias nin centros de día).

-¿Como mellora a vida do dependente e o cuidador unha vez concedida a axuda?

-De súpeto o cuidador pode contratar a alguén unhas horas ao día e saír, cambiar de aires, porque tamén ten un nivel de estrés elevado. Aos que non traballan págaselles ademais o alta na Seguridade Social. É un respiro para a persoa que coida ao dependente.

Case 58.000 galegos solicitaron a axuda á Xunta

As cifras galegas que manexa o departamento de Vicepresidencia e que periodicamente envía ao Ministerio de Educación e Política Social -que é o que ten competencias na actualidade- reflicten que a finais de xaneiro deste ano solicitaran as axudas case 58.000 galegos de distintos graos de dependencia.

Os equipos de valoración están traballando con rapidez, e máis de 54.000 xa foron recoñecidos por estes equipos -en todo o proceso hai dúas valoracións, a que fai o traballador social que tramita a axuda, e despois a dous equipos de Vicepresidencia-. Algo máis de 36.000 tiñan dereito a algún tipo de axuda, e deles 22.559 xa recibiron un Plan Individualizado de Atención (PIA) recoñecido na lexislación estatal.

Para ler a primeira noticia no seu lugar de orixe preme aquí
Para ler a entrevista no seu lugar de orixe, preme aquí
Para ler a última noticia no seu lugar de orixe, preme aquí
Para ler o testemuño das familias, preme aquí, aquí e aquí

sexta-feira, 6 de março de 2009

Jorge Jáñez renuncia ao seu posto de director do hotel NH Obradoiro

Ocupaba o cargo desde a súa apertura en 2005 ·· Incorpórase ao proxecto de Carris Hoteles

Jorge Jáñez, director do Hotel NH Obradoiro desde a súa apertura en Setembro de 2005, abandonará nos próximos días este posto no emblemático establecemento situado fronte ao Auditorio de Galicia, para emprender unha nova andadura profesional.

Jáñez abandona este hotel de cinco estrelas para incorporarse como director de operacións ao proxecto de Carris Hoteles, compañía que, cun 100% de capital galego, aspira a converterse na primeira cadea do Eixo Atlántico.

Carris Hoteles ten a súa sede central na compostelá Plaza do Toural. O obxectivo inicial da compañía é estar presente nas sete grandes cidades galegas, O Porto e Lisboa. Os dous primeiros abriranse no 2010 en Santiago e O Porto.

Antes de chegar a Santiago, Jorge Jáñez foi durante cinco anos director do hotel NH Liberdade, en Lisboa.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

Cinco colexios de Santiago necesitan un investimento de 250.000 euros

A concelleira de Educación confía en que se manteña o compromiso de arranxar as deficiencias nos centros


A Delegación de Educación tiña un compromiso verbal coas autoridades locais de Educación de Santiago pendente de firma para investir 250.000 euros en cinco colexios da cidade. Trátase de executar unha serie de obras que exceden o que se considera puramente de mantemento, polo que forman parte das competencias da Xunta.

Os cinco colexios que ían recibir recursos da delegación son o Monte dos Postes, Fontiñas, Raíña Fabiola, Apóstolo Santiago e Vite. Nestes centros executaríanse ao longo do verán obras como substitución de fiestras e arranxo da vivenda do esbirro no caso do Monte dos Postes, gretas e pintura no Raíña Fabiola, arranxo das pingueiras do tellado acristalado do colexio de Fontiñas, reparacións no patio cuberto do Apóstolo Santiago e outras obras de estrutura no de Vite.

Outro dos compromisos, pendentes de confirmación, é a construción da nova Escola de Idiomas na Choupana. O terreo visitárono os técnicos de Educación e estaba pendente da cesión municipal.

A concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, confía en que todos os compromisos se manteñan, xa que os centros precisan dun investimento para mellorar o seu estado. Doutra banda, a edil apuntou que, en próximas datas comezarán as obras de remodelación no Quiroga Palacios, financiadas integramente pola Consellería de Educación. Neste caso, os responsables da empresa adxudicataria e a dirección do centro xa mantiveron contactos para compatibilizar a docencia coa execución dos traballos.

Ademais deste investimento, a Consellería ten en marcha a construción do colexio de Pontepedriña, que substituirá aos centros Colexiata de Sar e Ramón Cabanillas.

Ademais, a titular municipal de Educación solicitará á Consellería que se aborde máis obras na rede de centros e, concretamente, espera que se afrontar a reforma integral do colexio Casas Novoa na Sionlla, que precisa unha reforma para optimizar o espazo e mellorar o seu aspecto.

Á parte da inxección de recursos económicos de Administración galega, a rede de centros educativos tamén recibirá un importante investimento do orzamento municipal. Concretamente, o departamento de Educación destinará 18.000 euros para afrontar unha serie de traballos urxentes en varios colexios, que se viron afectados polo temporal Klaus. Neste caso, trátase de reparacións en tellados e peches.

Ademais, outros 50.000 euros, tamén dos fondos locais, destinaranse a traballos de manteamiento e reparacións, entre as que están pinturas, fechaduras e tarefas de fontanería ou carpintería. Estas reparacións iranse acometido ao longo do curso.

Doutra banda, a concelleira apuntou que de cara ao verán, cando cesa a actividade nos colexios, o Concello ten preparada unha partida de ao redor de 130.000 euros, que supón un incremento do 103% dos recursos municipais para os centros educativos. Con cargo a estes fondos atenderanse proxectos de mantemento, entre as que se incluirá a reparación do peche da Sionlla e outros traballos que forman parte dunha lista de peticións dos cadros directivos.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

terça-feira, 3 de março de 2009

Concerto da caboverdiana Lura no Auditorio de Galicia

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

Pechan ao tráfico a rúa Carvalho Calero por obras de saneamento

O departamento de Mobilidade do Concello de Santiago informou onte de que debido á realización de obras de renovación do saneamento da rúa Ricardo Carvalho Calero, esta permanecerá pechada ao tráfico rodado en dirección Pelamios-Avenida de Castelao.

Desde Raxoi suliñaron que o citado peche ao tráfico comezará hoxe martes, a partir das 9.00 horas, até a finalización dos traballos de renovación.

A circulación para os coches que teñan que ir pola citada rúa compostelá en obras será desviada cara a rúa Vista Alegre.

Ante estas obras e o peche de circulación, o Concello compostelán pide aos cidadáns que desculpen as molestias que estas alteracións lles poidan ocasionar.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

Os populares arrasan en todas as mesas urbanas e rurais da cidade

Ningún dos bastións socialistas aguantaron nas eleccións do domingo. O PP impúxose en Fontiñas, Vite, Conxo e todas e cada unha das mesas dos barrios e parroquias compostelás. En Fontiñas, os socialistas lograron 1.997 votos fronte aos 2.300 do PP e 1.200 do BNG. Tampouco o Ensanche respondeu ao PSdG, que obtivo 1.200 votos fronte aos 2.700 dos populares e pouco máis de cincocentos, o BNG. Sar tamén foi do PP, que se impuxo por case 800 votos free aos 380 e 300 de socialistas e nacionalistas. Pontepedriña e Castiñeiriño tamén se inclinaron a favor dos populares, que lograron 480 e 720 votos respectivamente; mentres que os socialistas conseguiron case 400 votos en Pontepedriña e non chegaron aos setecentos en Castiñeiriño. O BNG suma entre os dous barrios pouco máis de 400 votos. Vite, habitualmente socialistas, tamén prefire ao PP, aínda que con pouca distancia. Os populares fixéronse con 300 votos nas dúas mesas máis claras do barrio; PSdG, 229 e 159, o BNG. No rural, onde se impón o PP normalmente, volveu facerse cunha vitoria máis.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

Asociación Veciñal "Polígono de Vite"

Asociación Veciñal Polígono de Vite

Proxecto "Urbana Santiago norte"

proxecto URBANA SANTIAGO NORTE

Centro socio-cultural "José Saramago"

Centro socio-cultural José Saramago

Estades controlados

Auditorio de Galicia

Auditorio de Galicia

Snap Shots

Get Free Shots from Snap.com

Novas Vitenses © 2008. Template by Dicas Blogger.

TOPO