segunda-feira, 29 de setembro de 2008

Concheiros, Vista Alegre e Castelao convertiranse en grandes bulevares


O mércores abriranse as plicas para coñecer as propostas dos que concursan a facer as obras ·· Reurbanizaranse todos os accesos

O Concello de Santiago quere reformar as travesías de acceso á ciuade pola avenida de Castelao, Os Concheiros e Vista Alegre. Así, destina máis de catrocentos mil euros á redacción dos proxectos e á dirección destas obras.

E, segundo se pode ler na páxina web de Raxoi (www.santiagodecompostela.org) o próximo mércores 1 de outubro, na Sala de Xuntas do Servizo de Contratación do Concello (rúa Salvador Allente, números 6-8), farase "a apertura pública das propostas económicas dos distintos licitadores presentados".

Hai que recordar que o contrato para a redacción do proxecto correspondente á avenida de Castelao sae a concurso por 186.654 euros. A leitura das propostas que presentaron os licitadores farase o día 1 de outubro ás 14.10 horas. Así mesmo, o plano de reurbanización de Fonte dos Concheiros e rúa do Valiño ascende a 130.338 euros, e esta leitura realizarase ás 13.50 horas. Por último, o proxecto de reurbanización dos entornos urbanos de acceso á cidade por Vista Alegre desde a avenida de Castelao, Avío, Torreira e até Ponte do Romaño, están tasados en 83.147 euros. Neste caso, saberase se as propostas cumpren ou non cos requisitos esixidos será un pouco antes, ás 13.50 horas.

A xunta de goberno de Raxoi aprobou o inicio deste procedemento administrativo o pasado 7 de xullo. O fin é darlles unha fisonomía de bulevar a estes accesos e crear neles grandes beirarrúas e espazos similares aos que hoxe pódense contemplar en Mestre Mateo. A lectura do mércores será, xa que logo, a segunda criba, logo das condicións técnicas, que terán que superar os que pretendan adxudicarse estas obras.

Tamén en Santa Marta

Outras entradas a Santiago tamén serán reurbanizadas no futuro. De feito, o mércores 1 de outubro tamén se dará apertura pública ás propostas económicas presentadas para a redacción dos proxectos de Rosalía de Castro, Romeu Donallo, Santa Marta, A Choupana e Volta do Castro. E o mesmo ocorrerá co plan de obras de reurbanización da zona que se estende desde a rúa Galeras, Salvadas e Vista Alegre.

Para ler a nova no seu lugar de orixe preme aqui

terça-feira, 23 de setembro de 2008

Ferido leve o condutor dun turismo que se encaixou contra unha árbore na avenida de Castelao


A equipa de atestados da Policía Local trataba onte de aclarar as circunstancias nas que se produciu un accidente na confluencia entre a avenida de Castelao e a avenida do Burgo das Nacións. Como se aprecia na imaxe, o condutor dun dos dous turismos implicados no sinistro realizou unha brusca manobra e acabou encaixado nunha árbore. O home, duns trinta anos, recibiu asistencia sanitaria no lugar.

Sobre as 8.30 horas, outros catro turismos sufriron danos de diversa consideración ao chocar por alcance na zona da Choupana. Neste caso non houbo que lamentar feridos, como tampouco noutro alcance que se rexistrou na avenida do Cruceiro da Coruña sobre as 13.30 horas, tamén sen feridos.

Para ler a nova no seu lugar de orixe preme aqui

sexta-feira, 19 de setembro de 2008

Durmindo na rúa polo Inglés


Varios mozos pasaron toda a noite fronte á Escola Oficial de Idiomas para asegurarse un bo posto na cola de matriculación o mércores e onte.


Silvia Fernández e Alba Doo son as gañadoras. O seu premio, poder escoller curso, horario e lugar nos que matricularse para estudar Inglés este ano. A sua xesta, pasar unha noite á intemperie fronte á Escola Oficial de Idiomas para conseguir ser a primeira e a segunda da cola de matriculación.

Aproximadamente ás oito e media da tarde chegaba Silvia e un pouco máis tarde Alba, cunha longa noite por diante na que a previsión meteorolóxica non era moi alentadora. Xunto a elas os seus sufridos acompañantes, Juan, amigo dunha e Alberto, irmán da outra.

No caso de Silvia, toda a familia mobilizouse para conseguir ese tan ansiado primeiro posto á cola que permitise á nova estudar quinto de Inglés, Avanzado 1 na nova nomenclatura. A partir das 10 da noite Antonio Abeijón, tío da estudante, relevouna mentres ela descansaba unhas horas. Xunto a el, a súa muller e a nai da criatura que se aprovisionaban no bar veciño para afrontar a noite. A orgullosa nai de Silvia recoñecía que «facemos este sacrificio porque é unha boa estudante e meréceo». As quendas de vixía estaban perfectamente estipulados. A partir das 3 da madrugada Silvia e Juan ocuparon as mantas e o saco xunto á porta da EOI e logo das 6 cederon a substitución de novo ao seu tío Antonio, que vixiou que ninguén lles arrebatase o posto até unhas poucas horas despois, cando Silvia regresou, para entregar os seus papeis.

Mentres tanto, no aparcadoiro próximo á escola, Alba Doo e o seu irmán Alberto esperaban no interior do coche para non perder un posto privilexiado. Aínda no interior do auto, as baixas temperaturas non perdoaron e fixeron a noite un pouco máis dura do esperado.

Algúns amigos de Alba e Alberto alertábanlles o mércores da gran avalancha que houbo o día 17. No seu caso, chegaran ás 6 da tarde e conseguiron o cuarto posto. Para non ter que lamentar quedar sen praza no curso desexado, non dubidaron en cargarse de víveres, mantas e paciencia para lograr un bo lugar na cola. A partir das 6 da mañá outros moitos fóronse engadindo á espera. Esta cita co portelo de matriculación convértese nunha oportunidade ideal para socializarse e comezar a establecer amizades cos futuros compañeiros de pupitre, como dicía Alberto Doo. Ao pouco intre a cola xa daba a volta á esquina. Os funcionarios se apiadaron dos estudantes e pasadas as 8 da mañá abriron as portas e comezaron a repartir os billetes con números para que polo menos non houbese que lamentar unha epidemia de catarros. Cando se abriron as oficinas ás 9.30 da mañá, uns 200 estudantes xa esperaban co seu número o momento de entregar a solicitude, mentres que outros tantos non paraban de chegar para probar sorte. Pero, sen dúbida, ningún tan madrugador como Silvia e Alba, que 13 horas despois puideron matricularse ao fin.

quinta-feira, 18 de setembro de 2008

Algúns alumnos pasaron a noite na Escola de Idiomas para matricularse

A alta demanda do inglés levou ao centro a reservar tres días unicamente para a matrícula nesa lingua

A sede de Escola Oficial de Idiomas (EOI) en Vite viuse colapsada onte pola mañá por todos os alumnos que pretendían matricularse no terceiro curso de inglés, chamado Intermedio 1. A oficina abría as súas portas ás 9.30 da mañá, pero xa había xente esperando desde as sete da tarde do día anterior e que pasou a noite cos seus sacos de durmir, agardando ás portas da EOI.

O curso Intermedio I de inglés foi o culpábel de que se producisen estas aglomeracións. Para cursar este nivel ofértanse 20 grupos de 30 alumnos cada un. Os estudantes que o ano pasado superaron o segundo curso xa contaban co seu posto, así que as 600 prazas víronse reducidas. Os requisitos para acceder a este nivel eran superar a proba de acceso ou demostrar estudos de inglés en bacharel como primeira lingua.

Os habituais madrugóns doutros anos que aseguraban atopar praza no curso e o idioma desexado xa non son suficientes. Unha das alumnas chegou ás 8.30, unha hora antes de que abrisen as portas, e aínda así se atopou con que a fila xa rodeaba o aparcadoiro contiguo ao centro de idiomas.

Á hora indicada, os funcionarios abriron puntualmente as portas e comezaron a repartir billetes coas quendas. Só os que durmiron á intemperie ou os que se achegaron á escola cando aínda era de noite tiveron sorte. Os que chegaron a partir das 8.30 tiveron que conformarse co número 200 e posteriores.

No interior do centro, tres funcionarios atendían en portelo, mentres que outros tantos lles apoiaban nas oficinas. Até a directiva intentou alixeirar os trámites de matrícula, segundo dixo a xefa de estudos da EOI.

A oferta quedou escasa. Os alumnos que chegaron pola mañá, unha hora antes de que abrise a escola, tiveron que conformarse coas poucas prazas que quedaban, aínda que estas en algúns casos non fosen compatíbeis cos seus horarios ou se impartisen lonxe do centro, en Sar.

Pero a agónica xestión non finalizaba cando os estudantes chegaban á secretaría. Tras entregar a súa solicitude debían acudir ao banco para abonar as taxas e de novo, voltar á escola a esperar un pouco máis. Aqueles que chegaron ás 8.30 para facer cola, créndose previsores, non puideron finalizar a súa matrícula até as 13.00. Case cinco horas despois. Cada ano, esta estampa repítese, pero nunca con semellantes dimensións. Os cursos pasados houbo alumnos que se achegaron de madrugada para ser os primeiros da cola, pero non con 14 horas de adianto.

O inglés é o idioma máis demandado na EOI. No entanto, cuadriplicou o número de matriculados desde o curso 2001 -2002, cando o centro abriu as súas portas. Ante a avalancha de xente que se esperaba, a escola reservou tres días exclusivamente para a matrícula nesta lingua. Hoxe e mañá continuará o proceso de inscrición para os niveis Intermedio 2 e Avanzado 1 e 2, aínda que non se prevé que se repitan a mesmas escenas e as longas esperas que se produciron onte.

sábado, 13 de setembro de 2008

O Auditorio presenta o luns a súa programación para a nova tempada

A concelleira de Cultura, Socorro García Conde, presentará pasado mañán, o programa de abono da Real Filharmonía e o Auditorio de Galicia, nun acto ás doce do mediodía no que estará acompañada polo xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva; Paulo Rodríguez, o director xerente do Auditorio, e Oriol Roch.

quinta-feira, 11 de setembro de 2008

A procesión da Virxe de Belén cumpre 25 anos

O barrio de Vite celebrará o domingo a procesión da Nosa Señora de Belén, que sairá como todos os anos da igrexa parroquial de San Xoán Apóstolo ás doce do mediodía para percorrer as rúas do barrio. Será, porén, unha ocasión especial porque se celebran os vinte e cinco anos desta cita relixiosa, que alcanzou un grande arraigo no popular polígono compostelán.

Portará o estandarte Ángel Hermida Quintás, e as cintas os seus fillos Alejandro e David Hermida Fuentes.

Unha misa na igrexa de San Xoán Apóstolo porá fin á celebración relixiosa.

Asociación Veciñal "Polígono de Vite"

Asociación Veciñal Polígono de Vite

Proxecto "Urbana Santiago norte"

proxecto URBANA SANTIAGO NORTE

Centro socio-cultural "José Saramago"

Centro socio-cultural José Saramago

Estades controlados

Auditorio de Galicia

Auditorio de Galicia

Snap Shots

Get Free Shots from Snap.com

Novas Vitenses © 2008. Template by Dicas Blogger.

TOPO