sexta-feira, 31 de julho de 2009

En Vite teñen que andar "a labazadas" cos bichos

Os veciños de Vite, especialmente os que residen na Avenida de Castelao, están fartos "de ver como as pólas das árbores entran polas fiestras de casa". E é que segundo algúns afectados "non podemos ventilar as vivendas. Temos que telo todo pechado porque entran bichos. Pasámonos a noite a labazadas con eles". Unha señora conta ademais que "son alérgica a estes animaliños e xa levo oito días a tratamento médico". Por todos estes motivos, os veciños piden ao Concello "que veñan a podar estas árbores". Engaden que "soltan un líquido apegañento".

Desde Raxoi, a edil de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, explica que "si se podaron, pero este ano os tilos creceron máis que nunca polas choivas". E polo auga que caeu "enfermaron. Teñen fumagina", explica. "Son fungos que traen cochinillas e pulgóns e que producen un líquido azucrado. Estámoslle dando un tratamento ás árbores, e están respondendo". De todos os xeitos, "se molesta algunha póla, que nos avisen", conclúe.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

quarta-feira, 29 de julho de 2009

'Lavaráselle a cara' ao Auditorio con nova cuberta e acesos

O teito plano de cobre está deteriorado polo efecto das gaivotas ·· Tamén se reformará o aparcamento, de acordo co Plan Director

A pesar de que fai só vinte anos que se levantou, o Auditorio de Galicia conta con algúns desperfectos provocados, entre outras razóns, pola presenza de gaivotas sobre as súas cubertas. As planchas de cobre que cobren a sala Ángel Brage están deterioradas e con risco de producir filtracións de auga, polo que a súa renovación é unha das actuacións prioritarias que contempla o Plan Director do edificio. A xunta de goberno municipal acordou onte sacar a concurso a obra de renovación da cuberta, cun orzamento de 121.593 euros e un prazo de execución de dous meses.

Outra das actuacións programadas para os próximos meses no Auditorio é a reforma do aparcamento subterráneo e os seus acesos, unha actuación que, cun orzamento de 258.620 euros, deberá estar completada en noventa días.

O goberno local tamén lle deu o visto bo onte ao proxecto e o inicio do expediente de contratación da reurbanización de Rosalía de Castro, desde a rotonda de enlace con Romeu Donallo até o periférico. O tipo de licitación neste caso ascende a 3,4 millóns de euros e súmase ás actuacións en Vista Alegre e a Avenida de Castelao, que se iniciarán nos próximos meses.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

sexta-feira, 24 de julho de 2009

O barrio de Vite recupera unha das nosas mellores vistas


Natureza • A rexeneración do Monte de Deus mellora as zonas verdes do barrio

SABÍAS QUE DESDE o máis alto do barrio de Vite podes desfrutar dunha das vistas panorámicas máis privilexiadas da nosa cidade, chegando a divisar até o concello de A Estrada? Se a resposta é que non, probabelmente é porque aínda non coñezas o Monte de Deus, un espazo natural recentemente recuperado, polo que esta mesma semana fixemos un pequeno percorrido.

Trátase dunha zona na que, como nos comenta o xefe do servizo de Parques e Xardíns do Concello, José Antonio Mosquera, “os veciños pedían desde hai anos que se recuperase, porque querían poder desfrutar dela e facer actos sociais ao aire libre".

Vistas privilexiadas
É por iso polo que se melloraron agora os acesos que permiten subir a pé comodamente e desfrutar moito mellor das vistas “porque cunha simple visual pódese ver toda a cidade e incluso outras zonas próximas, como Rois ou A Estrada”, explícanos Mosquera.

Puidemos comprobalo no alto do miradoiro, onde se colocou unha inmensa fotografía panorámica de tres metros de longo que indica os nomes de cada lugar que desde alí podemos divisar.

Vexetación autóctona
Para a recuperación do Monte de Deus tívose moi en conta tamén a vexetación da zona, xa que se repoboou con especies autóctonas, "plantando loureiros, acevos e bidueiros”, apunta o xefe do servizo de Parques e Xardíns.

Pero o cambio de ‘look’ do monte parece que non terminará aquí. E é que, como nos explican no departamento que dirixe a edil Elvira Cienfuegos, con todas estas actuacións acabouse a primeira fase da recuperación deste ámbito, que se completará actuando sobre a parte máis alta do monte, onde “faremos un tratamento un pouco distinto”, din.

Un lago con especies propias
E é que alí está previsto eliminar a maioría das coníferas e crear un pequeno lago con especies acuáticas, que, segundo as previsións, podería estar listo para todos os composteláns a primavera próxima. Polo momento, e unha vez acabada xa esta primeira fase, neste primeiro mes foron moitos os veciños que xa fixeron uso deste novo espazo natural, pero desde Parques e Xardíns animan a que sexan máis os que se acerquen, “e os Fogos do Apóstolo vense aquí como en ningún lado”, explican.
  • Até alí chega a liña 5 do urbano
Aínda que moitos composteláns o descoñezan chegar até o Monte de Deus é moi sinxelo. A liña 5 do autobús urbano ten unha parada próxima á ladeira do monte e tamén podes ir a pé ou en coche. No barrio de Vite, tras a Escola de Idiomas e subindo pola rúa Vite de Arriba encontrarás o Monte.
  • A denuncia desestimouse
Fai unhas semanas, Santiagosiete entrevistaba a unha traballadora do servizo de Parques e Xardíns que dicía sufrir acoso laboral. Finalmente, unha vez celebrado o xuízo a sentenza do Contencioso Administrativo desestimou a denuncia. A traballadora di que recurrirá.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

quinta-feira, 23 de julho de 2009

A intensa chuvia provoca incidentes sen relevancia en Compostela e comarcas próximas

A grande cantidade de chuvia rexistrada onte en Santiago e comarcas próximas, así como o vento, provocaron varios incidentes. En Santiago, os bombeiros dixeron que tiveron que retirar da calzada unhas tellas caídas na Avenida de Castelao. Ademais, na praza de España tívose que cortar a póla dunha árbore a punto de caer, e no polígono do Tambre e San Lázaro foi necesario levantar sumidoiros polo exceso de auga. En Teo, ademais, houbo que sanear algunhas vivendas, e en Padrón taláronse algunhas pólas que poderían caer á estrada.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

Perto de 40 empresas optan a reformar a avenida Castelao [...]

A obra, que comezará a partir de setembro, saiu a licitación por 3,2 millóns

Perto de corenta empresas optan a executar o proxecto de reforma da Avenida de Castelao, a primeira das catro actuacións do plano de travesías que saiu a licitación. Trátase dun número elevado de aspirantes, un factor no que máis que seguro que ten que ver a crise do sector, pero tamén o importe da actuación, orzamentada en 3,2 millóns de euros. De feito, o promedio en Galicia para a licitación de obra pública en proxectos que alcanzan ou superan os dous millóns acostuma concitar unha trintena de ofertas, segundo o concelleiro de Infraestruturas, Bernardino Rama.

O prazo de presentación de plicas concluiu o pasado sábado, e agora aínda hai que reunir á mesa de contratación para iniciar o proceso de apertura das ofertas para a súa posterior avaliación por parte dos técnicos municipais. A selección resolverase en agosto e as obras comezarían en setembro, ao tempo practicamente que a reforma de Galeras e a rúa Vista Alegre, desde o cruce do Pombal até a confluencia precisamente coa Avenida de Castelao.

A contratación dos traballos para a reforma deste último vial está tamén en proceso de licitación agora mesmo. Neste caso, a inversión alcanzará os cinco millóns de euros, salvo que as ofertas rebaixen esa cantidade. Será a actuación máis custosa do plano de travesías, que cofinanciarán a Xunta e o Concello con 14 millóns de euros. A Administración autonómica aportará dez, e o resto, a municipal.

Este paquete de reformas viarias alcanzará tamén ao vial de Santa Comba, desde o cruce da Avenida de Castelao até a ponte do Romaño, aínda que esa será unha actuación que non terá encaixe xa este ano, ao igual que a remodelación da saída cara Pontevedra, entre o cruce de Rosalía de Castro e a rotonda da Rocha. Neste caso optouse claramente por evitar calquera intervención no vial mentres non conclúa a construción do túnel da Galuresa, para non entorpecer uns metros máis arriba as comunicacións da saída e entrada sur da cidade.

O plano de travesías completarase cunha obra de moita menor entidade, e por tanto tamén en cuantía. Trátase da mellora da urbanización da avenida do Camiño Francés, que precisa neste caso menos atención que as outras.

[...]

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

quarta-feira, 15 de julho de 2009

'Mulleres en plural' pódese visitar no Auditorio de Galicia

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

Asociación Veciñal "Polígono de Vite"

Asociación Veciñal Polígono de Vite

Proxecto "Urbana Santiago norte"

proxecto URBANA SANTIAGO NORTE

Centro socio-cultural "José Saramago"

Centro socio-cultural José Saramago

Estades controlados

Auditorio de Galicia

Auditorio de Galicia

Snap Shots

Get Free Shots from Snap.com

Novas Vitenses © 2008. Template by Dicas Blogger.

TOPO