sábado, 28 de novembro de 2009

Máis cortes de rúa en Vite, Raxoi e Pontepedriña

A instalación de varios guindastres afectará á circulación ·· Arranxo de beirarrúas na Avenida de Castelao

A reurbanización da rúa Raxoi obrigará a cortar o tráfico a partir do luns, no tramo que vai das escaleiras que conectan coa rúa Rodrigo de Padrón ata a praza do Obradoiro. Tamén se prohibirá o estacionamento nesta zona, unha restricción que se manterá ata o final das obras, segundo informaba onte o Concello de Santiago.

Tamén a partir do luns se iniciará a rehabilitación dun tramo da beirarrúa da Avenida de Castelao, desde a confluencia coa rúa Domingo de Andrade ata o cruce coa rúa Carlos Maside. A beirarrúa afectada será a da man dereita en sentido subida, e nesa zona prohibirase o estacionamento. Aínda que as obras non afectarán ao tráfico de vehículos si se prohibirá o paso dos peatóns, para os que se habilitará unha pasarela alternativa.

A instalación dun camión-formigón na rúa Vite de Arriba, á altura do número 19, obrigará a cortar o tráfico, tamén o luns, desde as nove da mañá ata a unha do mediodía.

No barrio de Pontepedriña, na rúa Ulla, a instalación dun guindastre afectará ao tráfico entre as oito da mañá e as sete da tarde. O carril que quedará libre terá circulación alternativa nos dous sentidos, regulado polo persoal da obra.

Estas restriccións sumaranse ás rúas cortadas polo túnel do Hórreo e as obras de Conxo e o Ensanche.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

O Concello cortará varias rúas o luns pola realización de obras de rehabilitación

Con motivo da realización das obras de reurbanización da rúa Raxoi, a partir do próximo luns quedará cortada ao tráfico esta rúa, desde as escaleiras que a comunican con Rodrigo de Padrón ata a praza do Obradoiro. Tamén quedará prohibido o estacionamento. As restricións manteranse ata que finalicen as obras.

A partir do luns tamén se levarán a cabo traballos de rehabilitación nun tramo da beirarrúa da avenida de Castelao, en concreto a que vai desde a confluencia desta avenida coa rúa Domingo Andrade ata a inserción con Carlos Maside. A beirarrúa afectada é a que se sitúa a man dereita en sentido de subida, onde non se poderá aparcar. As obras non afectan ao tráfico rodado, mentres que os peóns disporán dunha pasarela alternativa.

A rúa Vite de Arriba tamén se verá afectada por un corte de tráfico, neste caso á altura do número 19. A restrición terá lugar o luns, de 9.00 a 13.00 horas. De 8.00 a 19.00, ese mesmo día, cortarase un carril na rúa Ulla pola colocación dun guindastre.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

terça-feira, 24 de novembro de 2009

O novo Vite de Arriba motiva a primeira modificación do PXOM

Implica a construción e o peche dunha peza urbana «preciosa» aos pés do Monte de Deus.

A construción e acabado dunha peza urbana que pecha a cidade en Vista Alegre, aos pés do Monte de Deus, significou a primeira modificación que recibe luz verde do Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOM). Aínda que houbo un par de cambios de uso en Salgueiriños (para uso educativo) e A Choupana (para un aparcadoiro provisional), en realidade esas tramas xa figuraban no plan anterior e en puridadade a de Vite de Arriba é a primeira modificación urbanística do novo PXOM.

A muda do ordenamento ten por obxecto proporcionar uns accesos adecuados ao ámbito de actuación (sud-7) de Vite de Arriba, que posúe unha superficie total de 59.000 metros cadrados, e lograr unha mellor integración do sector no seu contorno. Así mesmo, increméntase a zona verde en preto de medio milleiro de metros cadrados. O cambio de planeamento será aprobado polo próximo pleno municipal.

O obxecto do plan (que inclúe unha área suxeita a expropiación) é completar os espazos baleiros nos bordos do chan urbano existente que permita o remate e a transición entre o polígono de Vite e os núcleos de Vite de Arriba e de Abaixo, anexionándoos á cidade. Esa continuidade urbana farase a través dun uso residencial de baixa intensidade (un máximo de 33 vivendas por hectárea) e unha edificabilidade máxima de 0,40 metros cadrados por metro cadrado.

Ao redor dun centenar de vivendas terán cabida no sector. A vivenda familiar ocupará un 40%. Os usos comerciais e complementarios absorberán o 20% da edificabilidade na planta baixa. A altura dos edificios non superará as tres plantas. A construción desta peza de Vite está en mans de dous arquitectos de garantías como Xerardo Estévez e Ángel Alonso.

Unha das características desta ordenación (que se estrutura nun eixo lonxitudinal que comunica a estrada de Santa Comba e Vista Alegre con varios puntos do polígono de Vite) é que se desenvolve na ladeira do monte e ten que adaptarse a esa topografía. A vivenda colectiva situarase na parte baixa.

«É unha peza moi bonita, preciosa, debaixo do Monte de Deus», resalta a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón.
  • Relacionados da noticia
Unha zona pouco rechamante que pasa a ser un escenario atractivo

O Sud-7 achegará unha nova fisionomía urbana na que terán cabida, xunto aos usos edificativos, equipamentos e zonas verdes na parte inferior dunha atractiva paraxe natural. A parte alta foi obxecto recentemente dunha intervención transformadora que supuxo a construción dun miradoiro, así como a limpeza e tratamento da contorna.

Os traballos, a cargo do departamento municipal de Medio Ambiente, implicaron a instalación de mobiliario, o acondicionamento dunha área de usos polivalentes, a apertura dun carreiro e a mellora dos elementos arquitectónicos existentes nesa zona. A intervención completarase con outras actuacións, entre elas a incorporación de especies vexetais autóctonas. Esta segunda fase estará finalizada a finais deste ano e completará o desenvolvemento paisaxístico dunha área global de 30.000 metros cadrados, dos que se abordaron 6.000.

Coas actuacións reflectidas no teito e nos baixos de Vite, este escenario de barrio urbano, que ata o momento resultaba distante e pouco rechamante para os composteláns, pasará a ser un conxunto atractivo nesta parte da cidade.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

quarta-feira, 18 de novembro de 2009

O Concello creará unha brigada de obras para o Urbana Norte que dará traballo a 45 persoas

O Concello creará un equipo de traballo para afrontar pequenas obras do plan Urbana Santiago Norte e farao a través dun programa de inserción laboral similar ao dun obradoiro de emprego, no que se combinarán a formación e a execución de obras, segundo a portavoz da Xunta de Goberno, a nacionalista Socorro García, quen onte deu conta do visto e prace dese órgano a esta iniciativa. O programa permitirá inserir laboralmente a 45 persoas durante un ano.

Os interesados en participar deste equipo poden presentar as súas solicitudes entre o 20 de novembro e o 10 de decembro. O programa enmárcase na actuación Iniciativa Urbana de Obras e Emprego e ten como obxectivos específicos a aplicación de políticas tendentes a diminuír o nivel de desemprego na zona do plan Urbana -terán preferencia esas solicitudes- e con especial atención aos colectivos con máis dificultades de acceso ao traballo.

O programa está destinado a persoas desempregadas que poidan acreditar formación ocupacional ou regulada para os diferentes postos ofertados, 42 oficiais de terceira e tres responsables de equipo, que estean en exclusión laboral e que residan en Vista Alegre, Romaño, Vite, Guadalupe, Salgueiriños, San Caetano, Basquiños, Ultreia, Espírito Santo, A Estila, A Almáciga, San Pedro, Concheiros, Belvís e Quiroga Palacios, o ámbito de actuación do Urbana Norte.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

sexta-feira, 6 de novembro de 2009

O Auditorio renova a súa cuberta cun investimento de 140.000 euros para eliminar filtracións

As obras están practicamente concluídas e xa se proxecta a mellora do aparcadoiro

O Auditorio estreará cuberta nova en breve. As obras, nas que se investiron 140.000 euros, están practicamente concluídas, segundo puido constatar onte a concelleira de Cultura, a nacionalista Socorro García Conde, na visita que cursou ao recinto para coñecer o alcance desta actuación en compañía do director xerente do mesmo, Paulo Rodríguez, a arquitecta responsable da reforma, Cristina Ouzande, e o director técnico do Consorcio, Ángel Panero. Iniciada fai tres semanas, a actuación consiste na renovación total do tellado para solucionar os problemas de filtracións pola deterioración das unións entre as láminas de cobre da cuberta orixinal, o que producía problemas de pingueiras.

Cando se construíu o edificio, en 1989, as técnicas construtivas levaron a instalar láminas de cobre de non máis dun metro de ancho, ensambladas mediante múltiples soldaduras. Agora, esas placas substituíronse por outras de vinte metros de ancho, o que permite reducir de forma considerable o número de xuntas, e polo tanto incrementar as condicións de seguridade de impermeabilidade.

Pero a intervención non só consistiu na substitución do metal da cuberta, senón que tamén se acometeron labores de limpeza e reparación do soporte do tellado con morteiro, ademais de proceder á instalación dunha lámina de illamento de polietileno e outra de ventilación.

Segundo Socorro García, logo de vinte anos é preciso traballar para que o Auditorio «preste a súa función como contedor cultural nas mellores condicións», e nesa liña, e ao amparo do Plan Director deste equipamento, recentemente acometéronse tamén actuacións para favorecer a súa seguridade en materia de incendios e instalouse un sistema de vídeovixilancia. E agora mesmo están en proceso de contratación as obras de mellora dos accesos e do aparcadoiro subterráneo, aínda que se prevé tamén máis adiante a remodelación da explandada dianteira, para convertela nunha praza pública que permita varios usos.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

quarta-feira, 4 de novembro de 2009

A reforma da avenida Castelao comezará a mediados de mes

O tráfico manterase en ambos os sentidos, salvo en momentos puntuais en que deba darse paso alterno

A reforma da Avenida de Castelao comezará cara a mediados deste mes. De feito, o concelleiro de Infraestruturas, o socialista Bernardino Rama, confía en que poida ser antes de dez días, despois de que a Xunta de Goberno aprobase onte a adxudicación definitiva da súa reurbanización á empresa Jesús Martínez Álvarez S.A. por importe de dous millóns de euros, ademais do IVE, o que supuxo unha baixada do 25% sobre o prezo con que o proxecto saíu a licitación. A obra deberá executarse nun prazo de oito meses, co que debería estar dispoñible no verán próximo.

Quitando as melloras na avenida do Camiño Francés, unha intervención moito máis moderada tanto no seu alcance reformador como investidor, a da Avenida de Castelao será a primeira das grandes obras do plan de travesías que fai uns anos concertaron a Xunta e o Concello e o polo cal a primeira destas Administracións achegará 10 millóns de euros, e a segunda, catro. A actuación neste caso seguirá o modelo reurbanizador da avenida Mestre Mateo e a nivel técnico aproveitarase para mellorar os peraltes, que están mal.

O tráfico manterase nos dous sentidos de circulación, salvo en momentos puntuais que por actuación sobre a calzada sexa necesario regulalo para dar paso alternativo. Asúmese que cando se actúe sobre os peraltes será necesario proceder a esa regulación, aínda que non así mentres se realicen as obras de reurbanización de menor impacto. A actuación levará a subterraneización dos colectores de lixo e farase unha rotonda para regular o tráfico no cruzamento da avenida coa rúa Ulpiano Villanueva e a avenida do Burgo.

Antes de que conclúa este ano está previsto que comecen tamén as obras de reurbanización de Galeras, Salvadas e a rúa Vista Alegre, até a confluencia coa subida de Vite. O proxecto está en fase de licitación e posiblemente a actuación adxudíquese de forma inicial a próxima semana. En canto á travesía de Santa Marta, entre Romero Donallo e a rotonda da Rocha, estase coa apertura de plicas das ofertas presentadas. A primeira destas dúas obras superará os 4 millóns de euros, e a segunda, os 3.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

Asociación Veciñal "Polígono de Vite"

Asociación Veciñal Polígono de Vite

Proxecto "Urbana Santiago norte"

proxecto URBANA SANTIAGO NORTE

Centro socio-cultural "José Saramago"

Centro socio-cultural José Saramago

Estades controlados

Auditorio de Galicia

Auditorio de Galicia

Snap Shots

Get Free Shots from Snap.com

Novas Vitenses © 2008. Template by Dicas Blogger.

TOPO