sexta-feira, 28 de agosto de 2009

O Auditorio de Galicia acollerá o décimo Congreso Internacional de Libros de Texto e Medios Didácticos

Os próximos días 3, 4 e 5 de setembro terá lugar no Auditorio de Galicia a décima edición do Congreso Internacional de Libros de Texto e Medios Didácticos, promovido pola Asociación Internacional pola Investigación e o Desenvolvemento dos Libros de Texto e os Medios Didácticos. No transcurso deste encontro está prevista a participación de 150 profesionais de recoñecido prestixio procedentes de diferentes ámbitos e nacionalidades relacionados coa temática dos libros de texto e os materiais do ensino. Entre eles, destacan membros de coñecidas asociacións de ámbito internacional, editores, profesores, investigadores e representantes de ministerios de educación, entre outros.

Algúns temas que se abordarán no congreso serán: como afectan os cambios políticos, sociais e económicos nas decisións sobre os recursos educativos; como se reflicte cada unha destas realidades no curso educativo e que ocorre coa cultura e a realidade emigrante e inmigrante que se recolle nos materiais.

Ademais das charlas e conferencias, poderase visitar na sala de exposicións a mostra Libros de texto e outros recursos didácticos elaborados en Galicia. Trátase dunha mostra concibida a tenor do décimo Congreso Internacional de Libros de Texto no que se dá a coñecer unha colección ampla e variada de materiais didácticos, tanto formais como informais de todos os niveis educativos, producidos por diversas institucións e asociacións de Galicia.

Obxectivos

A Asociación Internacional o desenvolvemento dos libros de texto ten como obxectivos fundamentais favorecer a investigación e a análise dos libros de texto e as ferramentas didácticas, así como favorecer a formación do profesorado en temas relacionados cos materiais do ensino.

É a primeira vez que este congreso con periodicidade bianual e de carácter internacional, se realiza en España. Os anteriores encontros tiveron lugar en Finlandia, Dinamarca, Noruega, Estonia, Eslovaquia e o último en Tonsberg, en Noruega, en setembro de 2007.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

segunda-feira, 24 de agosto de 2009

O miradoiro de Monte de Deus completarase con outros 25.000 metros

A segunda fase do proxecto de acondicionamento do cumio de Vite financiarase co Urbana Norte

Tan só os veciños de Vite e a súa contorna máis próxima, seguramente non todos, e un puñado de composteláns máis coñecían da existencia dun miradoiro sobre a cidade no alto do monte de Vite, concretamente no Monte de Deus. O departamento de Medio Ambiente está pondo todos os medios para recuperar un espazo desde o que é posíbel ver unha imaxe completa e diferente de Santiago, onde pode contemplarse tanto o máis próximo, como o propio barrio de Vite e o centro histórico, como localidades máis afastadas como Milladoiro, Os Tilos e A Estrada. A estampa pouco ten que envexar á que pode verse desde o alto do Pedroso.

Ao miradoiro de Monte de Deus, en Vite, chégase desde a avenida Castelao tomando a rúa Ulpiano Villanueva até a altura do cruzamento coa avenida do Burgo para ir cara á rúa Vite de Arriba. Deberá seguirse pola rúa dos Cabalos até a segunda desviación á dereita. O autobús urbano ten unha parada preto da igrexa de Vista Alegre e a rúa Diego Peláez, que pasa xunto ao templo e leva directo a Vite de Arriba.

Toda a zona ten unha extensión de 31.000 metros cadrados, dos que seis mil están xa preparados para recibir visitas. A instalación dun panel, que reproduce a mesma imaxe que pode ser vista en directo, axuda ao visitante a situarse perfectamente ao incluír unha lenda coa identificación dos edificios máis emblemáticos da cidade. Esta primeira fase do parque, que se inaugurou o pasado 20 de xuño, foi financiada polos fondos Feder, que achegaron 126.000 euros dos 180.000 euros do custo do proxecto.

Os que non coñecesen antes o miradoiro poderían non apreciar suficientemente o resultado final dos traballos, xa que foi necesario realizar a roza da abundante vexetación e eliminar gran cantidade de maleza que dificultaba o acceso á zona. Entre os traballos realizados destaca a instalación de mobiliario, o acondicionamento dun área de usos polivalentes e a mellora da contorna da fonte e lavadoiro, así como a apertura dun carreiro e a recollida de augas pluviais e a plantación dalgúns exemplares novos.

Aos seis mil metros cadrados que se acondicionaron xa no monte de Vite haberá que sumar proximamente outros case 25.000 metros cadrados no cumio máis alto do monte, entre as cotas 340 e 375. Esta peza limita cun gran anaco de xardín, que conta cunha edificación unifamiliar, mentres que alén linda cun muro de pedra e montes privados de eucaliptos e vexetación arbustiva. No máis alto hai pasteiros. O espazo que se acondicionará nesta segunda fase alberga unha mina de auga, que abastece o depósito de auga situado na parte baixa da parcela e que foi adaptado para a súa integración no recinto. Atendendo a normativa en materia de prevención de incendios, que obriga a substituír especies de alto índice de piroficidade por outras autóctonas, en Monte de Deus incorporaranse algunhas especies máis propias do país. Na actualidade, na parcela hai fundamentalmente arbustos (breixos, toxos e silveiras), piñeiros do país adultos e varios eucaliptos.

As obras de acondicionamento desta segunda fase do Monte de Deus estarán terminadas a finais deste ano. A seguridade da data do fin de obra vén determinada polo feito de que o proxecto se financiarán con cargo ao orzamento deste ano do Urbana Norte, polo que os traballos deberán estar listos para poder recibir a axuda europea.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

domingo, 23 de agosto de 2009

«A zona vella é emblemática, é coma se vivises noutra época»

Para el, Santiago estaba un pouco mellor antes, «cando a xente era máis cordial, respectuosa e os mozos sabiamos divertirnos doutra forma diferente»

Héctor Juanatey Compostelán desde o berce, José Manuel Martínez Ares, máis coñecido como o Txino, recoñece que «non hai ninguén que sexa máis de Santiago que eu». O Txino criouse nos barrios máis emblemáticos de Santiago, primeiro en Pontepedriña e logo en Vite, lugar «onde realmente crecín xa que pasei aí toda a miña adolescencia».

Falar co Txino é como falarlle a alguén a quen coñeces desde fai moito tempo. Cunha amabilidade e unha confianza infinita, conta que lle custou elixir un recuncho de Santiago, porque hai millóns. «Loxicamente en El Matadero é onde paso máis tempo, pero tamén hai outros lugares que teño na memoria». Recorda entón o campo de fútbol da residencia do Campus Sur. «Pasei moitísimo tempo alí» «Xa sabes, cando faltabas algún día a clase ías ao campo a botar un partido e pasar un bo intre cos colegas».

De criarse en zonas emblemáticas, o Txino acabou creando o seu propio lugar de visita obrigada nas noites santiaguesas: El Matadero. Recoñece que «o da hostalaría é vocacional». «Sempre tiven don de xentes e quería vivir do contacto directo coas persoas». Aínda que os seus primeiros traballos foron nos concertos que se organizaban en Santiago, pronto comezaría a traballar de camareiro en varios locais da cidade, ás veces en máis dun ao mesmo tempo. A idea de montar o seu propio recuncho xurdiu dun amigo seu do barrio de Vite, Luis. «Un día díxome: 'Txino, ti o que tes que facer é montar o teu propio bar». «O problema loxicamente era que naquel momento eu non tiña suficiente pasta para facelo, pero co tempo a idea foi adiante».

Cando falar dos primeiros pasos do Matadoiro, conta que o fixemos todo entre tres colegas: eu e dous dos meus mellores amigos, os dous Luíses». «Todo o que se ve foi levantado por seis mans soamente». O pub naceu oficialmente o 13 de setembro do 2002, ano no que se foi a vivir á zona vella. «Sempre quixen vivir aí, é emblemática, dá a sensación de vivir noutra época». A partir de aí, sucederon tantas anécdotas que lle custa recordalas todas. Unha delas é o bulo que aínda hoxe en día corre de lingua en lingua, e é que o pub pertence a Luis Tosar. Deste recoñece que é «o meu mellor amigo, é como o meu irmán». Como un amigo máis, pisaba moito El Matadero e a xente prefería pensar que el era o xefe. Cousas da fama. «Até a miña familia chegoume a preguntar», recorda entre risas.

E é que detrás da barra tan só se atopa a figura do Txino. «é como a miña casa». Ninguén poderá negar que El Matadero ten un aura que, ao contrario que nos matadoiros, fai renacer as almas de todos os que dan cos seus pasos na entrada. O seu ambiente convértete en adicto a un local no que sempre que marchas, escoitarás un «grazas» de boca do Txino. Entón, xa non hai volta atrás. Sempre volverás.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

Os barrios quedan sen servizos

Abundan os locais baleiros en varias áreas da cidade e non existe un proxecto de incentivos para a creación de comercio fose do centro histórico ou da zona centro

O período de crecemento sostido experimentado pola economía galega e máis particularmente polo sector da construción nestes últimos anos favoreceu á expansión da cidade, orixinando novas zonas e áreas residenciais infestadas de baixos e locais comerciais baleiros. Isto provocou que a falta de servizos sexa un feito palpábel ao que se enfrontan os veciños e veciñas dos barrios da cidade de Santiago.

Zonas como a de Santa Marta, Conxo, Vite, San Lourenzo ou Vista Alegre están desprovistas de comercios ou negocios que proporcionen aos seus veciños os servizos de primeira necesidade, o que provoca que teñan que desprazarse a outras zonas como a zona vella, o Ensanche ou as grandes superficies comerciais para realizar as súas compras diarias. En moitos destes barrios a situación non é nova e os seus veciños máis veteranos considérana de absoluta normalidade. María de la Concepción e Mercedes, dúas veciñas e amas de casa do barrio de Vite, aseguran desprazarse varias veces á semana ao centro da cidade para realizar as compras. «Aquí nunca houbo moita actividade e vos poucos comercios que abrían, ao intre pechaban pola falta de clientela». E é que moitos composteláns asumiron como normal a situación de deterioración do pequeno comercio local, tendo que desprazarse á zona centro ou ás grandes superficies para realizar as súas compras de diario.

Luís Matos, presidente da asociación de veciños Doutor Maceira de Conxo, asegura que nos últimos meses tiveron que baixar a persiana ao redor de seis negocios do barrio. «A crise está a desanimar aos comerciantes a abrir novos comercios na zona». A avenida de Ferrol, situada no barrio de Conxo, preséntase como unha das rúas de nova creación con máis locais baleiros de toda a cidade. A xente identifica a crise como a causa principal, pero, e se non é a única causa?, e se é certo que os composteláns prefiren os centros comerciais para realizar as súas compras? Luís Matos apunta á pixota que se morde a cola. «Non existen comercios nos barrios e os veciños acoden ás grandes superficies. O problema está en que cando un valente decide abrir un negocio, moita xente está xa afeita ao outro e non é doado mudar de hábitos».

Para romper con esta situación, o representante dos veciños desta zona do sur de Santiago asegura que están intentando coordinar a creación dunha asociación de comerciantes «que contribúa á posta en valor do barrio».

Yolanda Mallo é veciña de Conxo e asegura que se despraza a outros barrios á hora de facer a compra. «Hai demasiados bares mentres que faltan comercios doutro tipo». Alberto Varela, veciño de Vista Alegre e encargado da ferraxería Ferrva-Herrajes non está de acordo e afirma que «os grandes negocios péchanse nos bares», aludindo ao dereito ao bar. Segundo el, un dos grandes problemas do comercio de barrio reside na escaseza de prazas de aparcadoiro. O mesmo opina o seu veciño do Mesón do Pulpo, que ademais asegura perder a clientela fixa do menú do día nos últimos tempos. Cerca, outro santiagués reflexiona: se pechan o comercios e non abren outros, os barrios quedarán sen servizos perderase o faladoiro de carnizaría «porque a El Corte Inglés non se vai a falar. Vaise a comprar e en coche».

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

Asociación Veciñal "Polígono de Vite"

Asociación Veciñal Polígono de Vite

Proxecto "Urbana Santiago norte"

proxecto URBANA SANTIAGO NORTE

Centro socio-cultural "José Saramago"

Centro socio-cultural José Saramago

Estades controlados

Auditorio de Galicia

Auditorio de Galicia

Snap Shots

Get Free Shots from Snap.com

Novas Vitenses © 2008. Template by Dicas Blogger.

TOPO