Marionetas para animar a usar a lingua galega
Fomentar o hábito da leitura nos máis pequenos e animar a utilizar o idioma galego no ámbito familiar son os dous obxectivos fundamentais da campaña Flis-fli-ris-flás, cóntallo en galego, inaugurada onte no Auditorio de Galicia cunha representación teatral, aplaudida por escolares e pais.
A campaña, posta en marcha pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e Editorial Galaxia, en colaboración coa Concellería de Educación, está dirixida a alumnos de Primaria, e combina teatro, literatura e novas tecnoloxías, a fin de implicar ás familias na transmisión da lingua galega.
As primeiras representacións correron a cargo da compañía Matapiollos, cuxo espectáculo incluíu marionetas e cancións, ademais da música orixinal composta para a obra, que se converteu nun dos elementos esenciais da trama, e foi moi aplaudida.
Ademais, e no marco da campaña, tamén se poñerá a disposición dos pais a primeira edición dun material didáctico que inclúe un conto no que se recolle a historia representada onte no Auditorio, ademais de consellos e técnicas que "axudarán aos pais para que poidan ler e contar contos aos seus fillos de xeito atractivo".
Tamén se propoñen xogos a realizar e a inventar relacionados cos protagonistas e a historia de Flis-fli-ris-flás, así como outros recursos para seguir gozando ao redor do conto.
- OUTRAS PROPOSTAS
Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aqui
Seja o primeiro a comentar
Enviar um comentário