sexta-feira, 24 de julho de 2009

O barrio de Vite recupera unha das nosas mellores vistas


Natureza • A rexeneración do Monte de Deus mellora as zonas verdes do barrio

SABÍAS QUE DESDE o máis alto do barrio de Vite podes desfrutar dunha das vistas panorámicas máis privilexiadas da nosa cidade, chegando a divisar até o concello de A Estrada? Se a resposta é que non, probabelmente é porque aínda non coñezas o Monte de Deus, un espazo natural recentemente recuperado, polo que esta mesma semana fixemos un pequeno percorrido.

Trátase dunha zona na que, como nos comenta o xefe do servizo de Parques e Xardíns do Concello, José Antonio Mosquera, “os veciños pedían desde hai anos que se recuperase, porque querían poder desfrutar dela e facer actos sociais ao aire libre".

Vistas privilexiadas
É por iso polo que se melloraron agora os acesos que permiten subir a pé comodamente e desfrutar moito mellor das vistas “porque cunha simple visual pódese ver toda a cidade e incluso outras zonas próximas, como Rois ou A Estrada”, explícanos Mosquera.

Puidemos comprobalo no alto do miradoiro, onde se colocou unha inmensa fotografía panorámica de tres metros de longo que indica os nomes de cada lugar que desde alí podemos divisar.

Vexetación autóctona
Para a recuperación do Monte de Deus tívose moi en conta tamén a vexetación da zona, xa que se repoboou con especies autóctonas, "plantando loureiros, acevos e bidueiros”, apunta o xefe do servizo de Parques e Xardíns.

Pero o cambio de ‘look’ do monte parece que non terminará aquí. E é que, como nos explican no departamento que dirixe a edil Elvira Cienfuegos, con todas estas actuacións acabouse a primeira fase da recuperación deste ámbito, que se completará actuando sobre a parte máis alta do monte, onde “faremos un tratamento un pouco distinto”, din.

Un lago con especies propias
E é que alí está previsto eliminar a maioría das coníferas e crear un pequeno lago con especies acuáticas, que, segundo as previsións, podería estar listo para todos os composteláns a primavera próxima. Polo momento, e unha vez acabada xa esta primeira fase, neste primeiro mes foron moitos os veciños que xa fixeron uso deste novo espazo natural, pero desde Parques e Xardíns animan a que sexan máis os que se acerquen, “e os Fogos do Apóstolo vense aquí como en ningún lado”, explican.
  • Até alí chega a liña 5 do urbano
Aínda que moitos composteláns o descoñezan chegar até o Monte de Deus é moi sinxelo. A liña 5 do autobús urbano ten unha parada próxima á ladeira do monte e tamén podes ir a pé ou en coche. No barrio de Vite, tras a Escola de Idiomas e subindo pola rúa Vite de Arriba encontrarás o Monte.
  • A denuncia desestimouse
Fai unhas semanas, Santiagosiete entrevistaba a unha traballadora do servizo de Parques e Xardíns que dicía sufrir acoso laboral. Finalmente, unha vez celebrado o xuízo a sentenza do Contencioso Administrativo desestimou a denuncia. A traballadora di que recurrirá.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

Seja o primeiro a comentar

Asociación Veciñal "Polígono de Vite"

Asociación Veciñal Polígono de Vite

Proxecto "Urbana Santiago norte"

proxecto URBANA SANTIAGO NORTE

Centro socio-cultural "José Saramago"

Centro socio-cultural José Saramago

Estades controlados

Auditorio de Galicia

Auditorio de Galicia

Snap Shots

Get Free Shots from Snap.com

Novas Vitenses © 2008. Template by Dicas Blogger.

TOPO