quarta-feira, 2 de setembro de 2009

A falta de aulas lastra o futuro da Escola Oficial de Idiomas

A directora recorda que non hai datas para o desenvolvemento dun edificio propio, para o que Raxoi cedeu os terreos ·· As colas volveron a protagonizar o inicio de matrícula no vello colexio de Vite

A algo máis de 3.500 prazas ascende a oferta educativa da Escola Oficial de Idiomas en Santiago que, do mesmo xeito que o curso pasado, conta con varias aulas cedidas no instituto de Sar, onde só se imparte inglés -ademais de seccións en Noia, Ordes ou Ribeira- e que onte abriu o prazo de matrícula, nunha xornada que, como xa é habitual, estivo marcada polas colas.

Ampliar a oferta con novos idiomas é algo que "nos encantaría se tivésemos centro", apunta a directora, Esperanza Moreira. O vello colexio de Vite reformado constitúe a sé da Escola Oficial de Idiomas, pero só conta con "trece aulas" que están freando a súa expansión. Moreira recorda que o Concello de Santiago cedeu unha parcela en Conxo para a construción dunha sé propia, aínda que "o novo goberno da Xunta non deu sinal" de ir a acometer este proxecto. Consultada respecto diso, a Consellaría de Educación comprometeuse a ofrecer información hoxe sobre os seus plans para a EOI de Santiago.

Do mesmo xeito que o curso pasado, o centro oferta sete idiomas -en 2008 incorporáronse Italiano e Español para estranxeiros á lista na que xa figuraban Inglés, Francés, Alemán, Italiano, Galego e Portugués. A demanda concéntrase de forma significativa nos grupos de Inglés, que concentran "case o 50%" do alumnado. No centro de Vite ofértanse para o próximo curso 1.140 prazas, e outras 840 en Sar. Para estudantes de Francés hai 555 prazas na oferta, e outras 380 para os de Alemán.

As colas de onte, moderadas no que se respecta aos cursos habituais da EOI -xa que só debían formalizar a súa matrícula os aprobados do ano anterior-, viuse incrementada pola oferta dun monográfico de Galego Administrativo, con 25 prazas que se asignarán por orde de solicitude, e que espertou gran interese entre os funcionarios.
  • ARRANQUE DE CURSO CON POLÉMICA
Abertos a modificacións

Aínda que na páxina web da Escola Oficial de Idiomas de Santiago pódense consultar os horarios dos distintos grupos previstos en cada un dos idiomas que se ofertan, desde a dirección do centro advirten de que "é posíbel que teñamos que facer modificacións". Unha circular da Consellaría de Educación que "afecta á matrícula e aos cursos que pode impartir cada profesor" e que xerou polémica é a causa destes posíbeis cambios.

Polo que respecta ao cadro de profesorado, na EOI compostelana botan de menos un docente de Italiano, "que solicitamos e non nos deron", sinala a directora .
  • AS CLAVES
Os aspirantes chegarán o día 22

O calendario de matrícula para alumnos novos abrirase en datas distintas en función dos idiomas. O prazo para Inglés, o idioma que maior interese levanta entre os aspirantes a novos alumnos, abrirase o día 22 e prevense, de novo, longas colas no centro de Vite.

Probas de nivel para os novos

Os aspirantes a matricularse en idiomas dos que xa teñen coñecementos previos deberán realizar probas de cualificación para determinar o seu nivel. Estes exames levaranse a cabo antes do día 8 de setembro e franquearanlles o aceso ás prazas que queden vacantes.

Os monográficos como alternativa

Ademais da oferta educativa convencional, que só na capital galega supera as 3.500 prazas, a Escola Oficial de Idiomas porá en marcha este curso monográficos de Inglés, Inglés Audiovisual, Francés, Galego, Portugués e Alemán, de pouco máis de dous meses de duración.

Esperas tamén ao longo da tarde

Malia que só se matriculaban os aprobados de cursos anteriores e os aspirantes ao curso de galego especializado para a administración, onte as colas mantivéronse ante a secretaría do centro durante toda a xornada.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

Seja o primeiro a comentar

Asociación Veciñal "Polígono de Vite"

Asociación Veciñal Polígono de Vite

Proxecto "Urbana Santiago norte"

proxecto URBANA SANTIAGO NORTE

Centro socio-cultural "José Saramago"

Centro socio-cultural José Saramago

Estades controlados

Auditorio de Galicia

Auditorio de Galicia

Snap Shots

Get Free Shots from Snap.com

Novas Vitenses © 2008. Template by Dicas Blogger.

TOPO