terça-feira, 24 de novembro de 2009

O novo Vite de Arriba motiva a primeira modificación do PXOM

Implica a construción e o peche dunha peza urbana «preciosa» aos pés do Monte de Deus.

A construción e acabado dunha peza urbana que pecha a cidade en Vista Alegre, aos pés do Monte de Deus, significou a primeira modificación que recibe luz verde do Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOM). Aínda que houbo un par de cambios de uso en Salgueiriños (para uso educativo) e A Choupana (para un aparcadoiro provisional), en realidade esas tramas xa figuraban no plan anterior e en puridadade a de Vite de Arriba é a primeira modificación urbanística do novo PXOM.

A muda do ordenamento ten por obxecto proporcionar uns accesos adecuados ao ámbito de actuación (sud-7) de Vite de Arriba, que posúe unha superficie total de 59.000 metros cadrados, e lograr unha mellor integración do sector no seu contorno. Así mesmo, increméntase a zona verde en preto de medio milleiro de metros cadrados. O cambio de planeamento será aprobado polo próximo pleno municipal.

O obxecto do plan (que inclúe unha área suxeita a expropiación) é completar os espazos baleiros nos bordos do chan urbano existente que permita o remate e a transición entre o polígono de Vite e os núcleos de Vite de Arriba e de Abaixo, anexionándoos á cidade. Esa continuidade urbana farase a través dun uso residencial de baixa intensidade (un máximo de 33 vivendas por hectárea) e unha edificabilidade máxima de 0,40 metros cadrados por metro cadrado.

Ao redor dun centenar de vivendas terán cabida no sector. A vivenda familiar ocupará un 40%. Os usos comerciais e complementarios absorberán o 20% da edificabilidade na planta baixa. A altura dos edificios non superará as tres plantas. A construción desta peza de Vite está en mans de dous arquitectos de garantías como Xerardo Estévez e Ángel Alonso.

Unha das características desta ordenación (que se estrutura nun eixo lonxitudinal que comunica a estrada de Santa Comba e Vista Alegre con varios puntos do polígono de Vite) é que se desenvolve na ladeira do monte e ten que adaptarse a esa topografía. A vivenda colectiva situarase na parte baixa.

«É unha peza moi bonita, preciosa, debaixo do Monte de Deus», resalta a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón.
  • Relacionados da noticia
Unha zona pouco rechamante que pasa a ser un escenario atractivo

O Sud-7 achegará unha nova fisionomía urbana na que terán cabida, xunto aos usos edificativos, equipamentos e zonas verdes na parte inferior dunha atractiva paraxe natural. A parte alta foi obxecto recentemente dunha intervención transformadora que supuxo a construción dun miradoiro, así como a limpeza e tratamento da contorna.

Os traballos, a cargo do departamento municipal de Medio Ambiente, implicaron a instalación de mobiliario, o acondicionamento dunha área de usos polivalentes, a apertura dun carreiro e a mellora dos elementos arquitectónicos existentes nesa zona. A intervención completarase con outras actuacións, entre elas a incorporación de especies vexetais autóctonas. Esta segunda fase estará finalizada a finais deste ano e completará o desenvolvemento paisaxístico dunha área global de 30.000 metros cadrados, dos que se abordaron 6.000.

Coas actuacións reflectidas no teito e nos baixos de Vite, este escenario de barrio urbano, que ata o momento resultaba distante e pouco rechamante para os composteláns, pasará a ser un conxunto atractivo nesta parte da cidade.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

Seja o primeiro a comentar

Asociación Veciñal "Polígono de Vite"

Asociación Veciñal Polígono de Vite

Proxecto "Urbana Santiago norte"

proxecto URBANA SANTIAGO NORTE

Centro socio-cultural "José Saramago"

Centro socio-cultural José Saramago

Estades controlados

Auditorio de Galicia

Auditorio de Galicia

Snap Shots

Get Free Shots from Snap.com

Novas Vitenses © 2008. Template by Dicas Blogger.

TOPO