domingo, 27 de março de 2011

O censo crece en Pontepedriña e Vite polo cartón de residente

Unhas 250 persoas engrosaron o padrón, das que 140 eran doutros concellos


A zona de aparcadoiro reservado para residentes está a cumprir co obxectivo principal da medida, que era primar aos veciños daquelas zonas nas que os inmobles carecen de aparcadoiro privado e, ao mesmo, tempo está a conseguir que o censo de poboación de Santiago se mova en positivo. A concelleira de Seguridade Cidadá, Marta Álvarez-Santullano, indicou que, desde o inicio do proceso, rexistráronse altas vinculadas á petición do cartón. Por agora, púidose constatar esta circunstancia en Pontepedriña e Vite, onde 250 persoas pasaron a engrosar o padrón co fin de ter dereito ao cartón. Destas 250 altas, 140 corresponden a persoas que proceden doutros concellos limítrofes e o resto son cidadáns que tiñan a súa residencia fixada noutro barrio da cidade.

A concelleira apuntou que o censo será controlado para evitar que as persoas se dean de alta nun domicilio determinado só para conseguir o cartón de aparcadoiro. Vixiarase, xa que logo, unha práctica na que o Concello de Santiago ten experiencia ao ser unha fórmula utilizada hai algún tempo para conseguir praza escolar nun colexio da cidade. A intención é vixiar as posibles fraudes. Aínda así, o feito de que se produzan altas no censo foi recibido con satisfacción polas autoridades locais.

Reordenación de espazos

A edila apuntou que, coa posta en marcha das zonas para residentes, o Concello tamén está a aproveitar para reordenar o aparcadoiro nos barrios e modificalo segundo as necesidades do tráfico. Así, por exemplo, crearanse zonas novas onde poida haber espazos dispoñibles. Tamén se modificará o aparcadoiro en batería ou en liña segundo sexa máis ou menos beneficioso para o tráfico, e pintaranse liñas amarelas, co fin de evitar que vías de dobre circulación sexan ocupadas por coches en ambas as marxes impedindo a circulación.

En canto aos espazos reservados para os residentes, Marta Álvarez-Santullano dixo que non era un plan pechado, pola contra, do mesmo xeito que se fixo en Pontepedriña e en Vite pódense introducir cambios unha vez que comeza a funcionar a zona. No caso de Vite, a petición dos usuarios e traballadores do centro médico fixo que o Concello modificase a ordenación da rúa Carlos Maside e da avenida Castelao. No primeiro caso, habilitouse espazo libre para os usuarios do centro médico. O mesmo ocorreu en Pontepedriña, onde se habilitaron dúas rúas para aparcadoiro libre polo día, co fin de facilitar o aparcadoiro aos profesionais que acoden ao barrio a realizar algún tipo de traballo e tamén para deixar espazo para os familiares de residentes. A edila apuntou que noutros barrios se introducirán cambios se a práctica indica que son necesarios. Apuntou que as zonas verdes non só deberán garantir o aparcadoiro dos residentes, senón tamén incrementar o uso do transporte público.

328 prazas

San Pedro

Hai 29 rúas afectadas e outras 88 prazas son mixtas

460 prazas

Vite-Guadalupe

Hai trece rúas afectadas e déronse 700 cartóns.

307 prazas

Pontepedriña

A área afecta a 16 rúas e entregáronse 321 cartóns

VITE

"Deben primarse sempre aos que pagan impostos"

Alfredo Santomil, presidente da Asociación de Veciños de Vite, lamentou que o Concello non se puxera en contacto con eles para por en marcha a zona de residentes. O portavoz veciñal considera acertada a medida e só é crítico coa decisión de modificar o tipo de aparcamento en Carlos Maside. "Deben primarse sempre aos que pagan impostos. Non entendo porque hai que reservar prazas no centro médico de Vite. Cando se vai ao centro de Fontiñas ou do Ensanche tes buscarte a vida. Castelao está a cen metros; penso que é mellor que Maside sexa para residentes".

OS PROBLEMAS DO TRÁFICO


A posta en marcha das zonas verdes reservadas para o aparcadoiro dos residentes está a provocar unha forte presión sobre os barrios máis próximos. Coa entrada en vigor da zona verde en Pontepedriña, os condutores comezaron a refuxiarse no Restollal e nas rúas das novas urbanizacións do barrio. Actualmente, o volume de vehículos aparcados nesas novas rúas faría pensar que os edificios están totalmente ocupados. Con todo, non é así. Proba diso é que, pola tarde, o número baixa e os fins de semana o aparcadoiro é simbólico comparado co panorama de luns a venres.

O mesmo ocorreu en Vista Alegre cando a pintura verde limitou o aparcadoiro en Vite. Na avenida Castelao, onde boa parte do espazo dispón de aparcadoiro libre as 24 horas do día, os coches case non rotan. Algúns vehículos ocupan a praza o domingo pola noite e xa non o abandonan ata o venres. Esta situación podería obrigar ás autoridades locais a introducir algún cambio na rúa para fomentar a rotación das prazas.

A inmediata entrada en vigor da zona verde de San Pedro está a exercer unha forte presión sobre o barrio da Almáciga, no que tamén se notou a posta en marcha da zona de residentes de Vite. A pesar de que a zona de San Pedro aínda non está en vigor oficialmente, os condutores non residentes comezaron a abandonar as rúas do barrio ao mesmo tempo que a pintura verde aparecía na calzada. Así, por exemplo, o venres ás 9.30 horas había ata nove prazas libres na rúa Betanzos, algo case imposible antes de ser pintada a rúa. Pero tamén ao mediodía os residentes puideron aparcar e, ás 14.30 horas, aínda quedaban libres catro prazas de aparcadoiro. Mentres isto sucedía na rúa Betanzos (incluída na zona de San Pedro), na seguintes rúas do Pino, Touro e Teo as prazas non permanecen baleiras nin un segundo. A falta de espazo é máis grave ao mediodía, cando os residentes deixan os seus coches en dobre fila o tempo xusto para comer. Neste barrio, a maioría dos inmobles carecen de aparcadoiro e só hai dous aparcadoiros privados que alugan prazas por prezos que roldan, de media, os 60 euros. No barrio de San Pedro, a media rolda os 100 euros.

O presidente da Asociación Francisco Asorey, Santiago Martínez, comentou que os residentes están «desexando que poñan a zona de verde. Hai semanas que é imposible aparcar. Hai coches que levan non mesmo sitio dende hai moitos días. E non falo dun nin de dous». Neste barrio, inicialmente deixaranse espazos libres e, en caso de ser necesarias máis prazas de residentes, poderíase acondicionar un espazo que hai xunto ao parque, antes área infantil.

Seja o primeiro a comentar

Asociación Veciñal "Polígono de Vite"

Asociación Veciñal Polígono de Vite

Proxecto "Urbana Santiago norte"

proxecto URBANA SANTIAGO NORTE

Centro socio-cultural "José Saramago"

Centro socio-cultural José Saramago

Estades controlados

Auditorio de Galicia

Auditorio de Galicia

Snap Shots

Get Free Shots from Snap.com

Novas Vitenses © 2008. Template by Dicas Blogger.

TOPO