quarta-feira, 4 de junho de 2008

Lista de espera de cen familias nas garderías de Vite e a Alameda

Ás máis de 260 solicitudes sen praza en Fontiñas e Conxo súmanse as das galescolas ·· Nalgún curso había unha vacante para 68 aspirantes

As prazas que ofertan as escolas infantís públicas na capital galega quedan moi curtas. Ás máis de duascentas sesenta solicitudes que quedaron sen praza nas garderías municipais de Conxo e Fontiñas súmanse outras 208, que pasan á lista de espera das galescolas dependentes da Xunta.

Vicepresidencia do Benestar fixo pública a lista provisional de adxudicación de prazas nas garderías de Vite e Santa Susana, na Alameda, cunha lista de espera de 95 nenos no primeiro caso e 113 no segundo.

Aínda que, ao igual que ocorre nas escolas infantís de titularidade municipal, son moitos os pais que solicitaron os dous centros, co que se duplica a presenza dalgúns nenos, o certo é que o ratio de aspirantes por praza é, cando menos, desalentador para as familias. Despois de asignar as prazas correspondentes aos alumnos xa matriculados, en Vite ofertáronse vintedúas prazas, e 21 en Santa Susana. Por cada neno matriculado, catro quedarán fóra.

Nalgún curso extrémanse estas diferenzas e, por exemplo, na aula de 1 a 2 anos da gardería de Vite presentáronse sesenta e oito solicitudes para só unha praza vacante, entre elas seis peticións que non conteñen a documentación necesaria e que están pendentes de subsanar erros. É precisamente ese tramo de idade o que concentra a maior parte das solicitudes presentadas. Aos 61 nenos na lista de espera en Vite hai que sumar os 65 de Santa Susana, onde os admitidos para ese curso foron cinco e hai outras cinco instancias pendentes de completar documentación.

Nas garderías municipais tamén é o tramo de idade de un a dous anos o que concentra a maior parte das peticións que quedaron en espera. En Fontiñas hai sesenta e cinco familias con nenos desa idade que quedaron fóra, e en Conxo outras corenta e sete. Nas aulas de bebés, normalmente as que máis problemas plantexan pola escaseza de prazas -só se autorizan oito alumnos por aula e son moi poucos os centros públicos ou privados que dispoñen de máis dunha- hai unha lista de espera de trinta e nove aspirantes para os centros municipais, mentres nas galescolas quedaron fóra vintecinco das familias que as solicitaron.

APERTURA PENDENTE

Raxoi quere crear catro centros máis

As obras da futura galescola de San Roque están xa terminadas e o Concello compostelán ten a intención de transferir de inmediato o inmóbel a Vicepresidencia para que o centro poida comezar a funcionar a principios do próximo curso, no mes de setembro. Outro dos tres centros que se cederán á Xunta para a súa inclusión na rede de galescolas, o de Trasparlamento, podería estar terminado a principios do próximo ano, tal como indicou o alcalde na última visita ás obras, a meados do pasado mes. Para a do polígono do Tambre non hai aínda unha data prevista.

Raxoi non contempla ceder as escolas infantís municipais de Conxo e Fontiñas, de forma que a xestión das garderías na capital galega seguirá un sistema mixto, con tres centros cedidos á Xunta -que se engadirán aos de Vite e Santa Susana- e outros dous que manterán a xestión municipal.

De cara ao futuro Raxoi contempla a creación doutras catro garderías, das cales dúas ubicaríanse nos barrios de Castiñeiriño e A Choupana, para dar cobertura ao crecemento destas zonas, vinculado ao desenvolvemento de grandes promocións inmobiliarias.

O DATO

Unha por cada seis

Só un de cada seis nenos composteláns en idade de asistir a unha escola infantil ten praza nun centro público. Entre a Xunta e Raxoi ofértanse un total de 345, repartidas en catro centros.

Seja o primeiro a comentar

Asociación Veciñal "Polígono de Vite"

Asociación Veciñal Polígono de Vite

Proxecto "Urbana Santiago norte"

proxecto URBANA SANTIAGO NORTE

Centro socio-cultural "José Saramago"

Centro socio-cultural José Saramago

Estades controlados

Auditorio de Galicia

Auditorio de Galicia

Snap Shots

Get Free Shots from Snap.com

Novas Vitenses © 2008. Template by Dicas Blogger.

TOPO