quinta-feira, 18 de setembro de 2008

Algúns alumnos pasaron a noite na Escola de Idiomas para matricularse

A alta demanda do inglés levou ao centro a reservar tres días unicamente para a matrícula nesa lingua

A sede de Escola Oficial de Idiomas (EOI) en Vite viuse colapsada onte pola mañá por todos os alumnos que pretendían matricularse no terceiro curso de inglés, chamado Intermedio 1. A oficina abría as súas portas ás 9.30 da mañá, pero xa había xente esperando desde as sete da tarde do día anterior e que pasou a noite cos seus sacos de durmir, agardando ás portas da EOI.

O curso Intermedio I de inglés foi o culpábel de que se producisen estas aglomeracións. Para cursar este nivel ofértanse 20 grupos de 30 alumnos cada un. Os estudantes que o ano pasado superaron o segundo curso xa contaban co seu posto, así que as 600 prazas víronse reducidas. Os requisitos para acceder a este nivel eran superar a proba de acceso ou demostrar estudos de inglés en bacharel como primeira lingua.

Os habituais madrugóns doutros anos que aseguraban atopar praza no curso e o idioma desexado xa non son suficientes. Unha das alumnas chegou ás 8.30, unha hora antes de que abrisen as portas, e aínda así se atopou con que a fila xa rodeaba o aparcadoiro contiguo ao centro de idiomas.

Á hora indicada, os funcionarios abriron puntualmente as portas e comezaron a repartir billetes coas quendas. Só os que durmiron á intemperie ou os que se achegaron á escola cando aínda era de noite tiveron sorte. Os que chegaron a partir das 8.30 tiveron que conformarse co número 200 e posteriores.

No interior do centro, tres funcionarios atendían en portelo, mentres que outros tantos lles apoiaban nas oficinas. Até a directiva intentou alixeirar os trámites de matrícula, segundo dixo a xefa de estudos da EOI.

A oferta quedou escasa. Os alumnos que chegaron pola mañá, unha hora antes de que abrise a escola, tiveron que conformarse coas poucas prazas que quedaban, aínda que estas en algúns casos non fosen compatíbeis cos seus horarios ou se impartisen lonxe do centro, en Sar.

Pero a agónica xestión non finalizaba cando os estudantes chegaban á secretaría. Tras entregar a súa solicitude debían acudir ao banco para abonar as taxas e de novo, voltar á escola a esperar un pouco máis. Aqueles que chegaron ás 8.30 para facer cola, créndose previsores, non puideron finalizar a súa matrícula até as 13.00. Case cinco horas despois. Cada ano, esta estampa repítese, pero nunca con semellantes dimensións. Os cursos pasados houbo alumnos que se achegaron de madrugada para ser os primeiros da cola, pero non con 14 horas de adianto.

O inglés é o idioma máis demandado na EOI. No entanto, cuadriplicou o número de matriculados desde o curso 2001 -2002, cando o centro abriu as súas portas. Ante a avalancha de xente que se esperaba, a escola reservou tres días exclusivamente para a matrícula nesta lingua. Hoxe e mañá continuará o proceso de inscrición para os niveis Intermedio 2 e Avanzado 1 e 2, aínda que non se prevé que se repitan a mesmas escenas e as longas esperas que se produciron onte.

Seja o primeiro a comentar

Asociación Veciñal "Polígono de Vite"

Asociación Veciñal Polígono de Vite

Proxecto "Urbana Santiago norte"

proxecto URBANA SANTIAGO NORTE

Centro socio-cultural "José Saramago"

Centro socio-cultural José Saramago

Estades controlados

Auditorio de Galicia

Auditorio de Galicia

Snap Shots

Get Free Shots from Snap.com

Novas Vitenses © 2008. Template by Dicas Blogger.

TOPO