sábado, 14 de junho de 2008

Semáforos para frear a sangría de atropelos na Avenida de Castelao

Melloras na sinalización do cruce co Burgo


Raxoi adxudicou á empresa Telvent o subministro e instalación de semáforos no Barrio de Vite. Desde fai anos os veciños reivindican melloras na sinalización a fin de frear os incidentes que, con certa frecuencia, víñanse rexistrando na zona. Así, segundo o acordo adoptado onte pola xunta de goberno local, colocaranse semáforos no cruce das avenidas de Castelao-Burgo das Nacións e a rúa Ulpiano Villanueva. O importe ascende a 16.722 euros.

terça-feira, 10 de junho de 2008

Estamos na "XVII Olimpíada deportivo-cultural Vite'08"

A Olimpíada Deportivo-Cultural, enmárcase no contexto global do "Plan Socio-Comunitario de Vite", que, tutelado pola Asociación de Veciños "Polígono de Vite", vense desenvolvendo dende o ano 1987, a través da Coordenadora de Barrio. Este Plan debe entenderse como unha acción global contra os factores que tenden a desestruturar a comunidade, a consagrar un reparto desigual da participación e do benestar social, e a segregar aos sectores con menos capacidade e posibilidades para adaptarse ao ritmo social imperante. Neste senso, o seu obxectivo xeral é facilitar o desenvolvemento dun proceso de estruturación social do barrio, baseada na dinamización social, cultural e económica do mesmo e tendo como piar básico a participación e a implicación da poboación no proceso, de xeito que permita ir acadando unha mellor calidade de vida para o conxunto dos veciños/as, e que posibilite incidir na mellora das situacións de exclusión social existentes.

Un ano máis, e xa van dezasete, chegou a cita olímpica ao Barrio de Vite. Como en anos anteriores, a Olimpíada recolle dous grandes temas: A actividade cultural, que está recollida en “Planeta Choupiño” e a deportiva, con actividades individuais e colectivas.

As actividades da Olimpíada darán comezo o día 2 de Xuño cos programas: “Planeta Choupiño 2008” e “Polideportivo Aberto” dirixidos fundamentalmente aos máis pequenos. A partir do día 9 e até o día 21 serán as actividades deportivas no Polideportivo Municipal: Bádminton; Baloncesto; Fútbol-Tres; Futbiño; Voleibol...

Todas as actividades previstas van dirixidas fundamentalmente a toda a poboación do barrio de Vite, facendo especial fincapé na poboación infantil e xuvenil.

A Olimpíada rematará o domingo 22 de xuño, programando aínda cal será o acto do remate de Olimpíada.

segunda-feira, 9 de junho de 2008

Melloras na sinalización da avenida de Castelao

As queixas veciñais fixeron mella. A xunta de goberno local adxudicará hoxe mesmo o subministro e instalación de semáforos no cruce das avenidas de Castelao e Burgo das Nacións e a rúa Ulpiano Villanueva.

Nesta zona rexistráronse varios atropelos e o barrio de Vite reivindica desde hai tempo melloras na sinalización para evitar máis incidentes.

Asimesmo, a comisión dará luz verde ás obras de ampliación do carril de servizo da N-550.

sexta-feira, 6 de junho de 2008

O Concello investiga unha vertedura no río do Corvo, ao seu paso por Vite, denunciado polo Partido Popular

O Concello está investigando unha vertedura efectuada na noite de onte no río do Corvo que foi comunicado á policía local pola concelleira do PP Amelia González. Esta decatouse da baixada de augas escuras pola zona próxima ao Auditorio sobre as 22.30, tras saír dunha reunión sobre o Plan Estratéxico. As primeiras investigacións do departamento de Medio Ambiente detectaron restos de pedras e terra, o que levou aos técnicos a traballar sobre unha hipótese que a concelleira da área, a nacionalista Elvira Cienfuegos, resérvase de momento en espera dos resultados da investigación. A vertedura procedía de máis arriba da zona onde se detectou e pese á cor que adquiriu a canle, non provocou mortaldade, di a edila.

Amelia González sostén que o de onte é un «vello problema que se volve repetir unha vez máis» e pide ao Concello que aclare de onde proceden as verteduras e quen son os responsábeis.

quarta-feira, 4 de junho de 2008

Lista de espera de cen familias nas garderías de Vite e a Alameda

Ás máis de 260 solicitudes sen praza en Fontiñas e Conxo súmanse as das galescolas ·· Nalgún curso había unha vacante para 68 aspirantes

As prazas que ofertan as escolas infantís públicas na capital galega quedan moi curtas. Ás máis de duascentas sesenta solicitudes que quedaron sen praza nas garderías municipais de Conxo e Fontiñas súmanse outras 208, que pasan á lista de espera das galescolas dependentes da Xunta.

Vicepresidencia do Benestar fixo pública a lista provisional de adxudicación de prazas nas garderías de Vite e Santa Susana, na Alameda, cunha lista de espera de 95 nenos no primeiro caso e 113 no segundo.

Aínda que, ao igual que ocorre nas escolas infantís de titularidade municipal, son moitos os pais que solicitaron os dous centros, co que se duplica a presenza dalgúns nenos, o certo é que o ratio de aspirantes por praza é, cando menos, desalentador para as familias. Despois de asignar as prazas correspondentes aos alumnos xa matriculados, en Vite ofertáronse vintedúas prazas, e 21 en Santa Susana. Por cada neno matriculado, catro quedarán fóra.

Nalgún curso extrémanse estas diferenzas e, por exemplo, na aula de 1 a 2 anos da gardería de Vite presentáronse sesenta e oito solicitudes para só unha praza vacante, entre elas seis peticións que non conteñen a documentación necesaria e que están pendentes de subsanar erros. É precisamente ese tramo de idade o que concentra a maior parte das solicitudes presentadas. Aos 61 nenos na lista de espera en Vite hai que sumar os 65 de Santa Susana, onde os admitidos para ese curso foron cinco e hai outras cinco instancias pendentes de completar documentación.

Nas garderías municipais tamén é o tramo de idade de un a dous anos o que concentra a maior parte das peticións que quedaron en espera. En Fontiñas hai sesenta e cinco familias con nenos desa idade que quedaron fóra, e en Conxo outras corenta e sete. Nas aulas de bebés, normalmente as que máis problemas plantexan pola escaseza de prazas -só se autorizan oito alumnos por aula e son moi poucos os centros públicos ou privados que dispoñen de máis dunha- hai unha lista de espera de trinta e nove aspirantes para os centros municipais, mentres nas galescolas quedaron fóra vintecinco das familias que as solicitaron.

APERTURA PENDENTE

Raxoi quere crear catro centros máis

As obras da futura galescola de San Roque están xa terminadas e o Concello compostelán ten a intención de transferir de inmediato o inmóbel a Vicepresidencia para que o centro poida comezar a funcionar a principios do próximo curso, no mes de setembro. Outro dos tres centros que se cederán á Xunta para a súa inclusión na rede de galescolas, o de Trasparlamento, podería estar terminado a principios do próximo ano, tal como indicou o alcalde na última visita ás obras, a meados do pasado mes. Para a do polígono do Tambre non hai aínda unha data prevista.

Raxoi non contempla ceder as escolas infantís municipais de Conxo e Fontiñas, de forma que a xestión das garderías na capital galega seguirá un sistema mixto, con tres centros cedidos á Xunta -que se engadirán aos de Vite e Santa Susana- e outros dous que manterán a xestión municipal.

De cara ao futuro Raxoi contempla a creación doutras catro garderías, das cales dúas ubicaríanse nos barrios de Castiñeiriño e A Choupana, para dar cobertura ao crecemento destas zonas, vinculado ao desenvolvemento de grandes promocións inmobiliarias.

O DATO

Unha por cada seis

Só un de cada seis nenos composteláns en idade de asistir a unha escola infantil ten praza nun centro público. Entre a Xunta e Raxoi ofértanse un total de 345, repartidas en catro centros.

terça-feira, 3 de junho de 2008

Comeza a reestruturación do ambulatorio condicionada pola suspensión cautelar do xulgado

A reestruturación do ambulatorio Concepción Arenal comezou onte, aínda que non de forma completa, ao resultar afectada pola suspensión cautelar do traslado dalgúns profesionais ditada polo Xulgado do Contencioso Administrativo. Un dos tres médicos do antigo modelo empezou a consultar no centro de saúde de Vite. Os outros dous, que debían trasladarse para Fontiñas, permaneceron no ambulatorio, aínda que careceron do persoal de enfermaría, polo que tiveron que asumir maiores tarefas burocráticas.

A xerente de atención primaria, Ana Castaño, explica que a reestruturación comezou porque estaba prevista e non facelo suporía un prexuízo para outros profesionais do Concepción Arenal , que estaban pendentes da mesma. As enfermeiras que antes atendían aos médicos do antigo modelo de atención primaria agora asumen novas tarefas nos equipos de atención primaria, que aceptaron. A xerente afirma que se acata a suspensión cautelar e espérase a resolución definitiva que poida adoptar a Xustiza.

O médico que comezou en Vite, Fernando Maio, afirma que aínda está en prazo de recorrer a decisión e onte pola tarde prevía dar o poder notarial para facelo. Maio criticou a falta de chaves e de diverso material en Vite, e que non puidese ter acceso ás mesmas prestacións que os seus colegas neste centro de saúde. Valorou moi positivamente a solidariedade e comprensión que os pacientes lle demostraron, afirma, e considera que a situación prexudica sobre todo aos usuarios: «Isto é un castigo por non integrarnos nos equipos de atención primaria, pero nos protexe a lei», explica.

A xerente asegura que se ordenou que este profesional acceda ás mesmas prestacións que os outros médicos de Vite.

Asociación Veciñal "Polígono de Vite"

Asociación Veciñal Polígono de Vite

Proxecto "Urbana Santiago norte"

proxecto URBANA SANTIAGO NORTE

Centro socio-cultural "José Saramago"

Centro socio-cultural José Saramago

Estades controlados

Auditorio de Galicia

Auditorio de Galicia

Snap Shots

Get Free Shots from Snap.com

Novas Vitenses © 2008. Template by Dicas Blogger.

TOPO