Aberto o prazo para a sexta edición do Premio Auditorio
O certamen de Novos Artistas pretende ser unha plataforma para os creadores e acercar ao público as obras máis innovadoras ·· Haberá unha mostra cos finalistas
A concelleira de Cultura, Socorro García, e o director xerente do Auditorio, Paulo Rodríguez, presentaron onte o sexto Premio Auditorio para Novos Artistas, cuxo prazo estará aberto até o próximo 25 de setembro. Socorro García sinalou que se trata de "un evento consolidado que ten como obxectivo axudar economicamente a produción e investigación de artistas novos, achegar ao público da cidade as creacións galegas máis actuais e anovadoras e, ao tempo, permitir a estes artistas darse a coñecer perante a crítica de arte e a poboación en xeral".
O certamen, que se celebra cada dous anos, vai dirixido a artistas galegos ou residentes en Galiza menores de 40 anos, podendo presentar unha obra en calquera técnica ou soporte.
As creacións deberán presentarse np Auditorio xunto ás características da obra, datos do artista e a súa traxectoria. O xurado realizará unha primeira selección en decembro, da que sairá unha exposición.
Serán precisamente os membros do xurado os encargados de outorgar o Premio Auditorio, dotado con 6.500 euros, e os cuatro accesits, que recibirán 1.500 euros. Tras a exposición, entregarase o Premio do Público, dotado con 1.200 euros.
O xurado estará integrado por Díaz Pardo, Federico López Silvestre, Ignacio Barcia, Alicia Murría, Chus Martínez e Paulo Rodríguez, quen destacou a "gran proxección que ofrece o premio aos artistas finalistas", explicando que "creadores galardoados en pasadas edicións, están a desenvolver fecundas carreiras creativas desde a súa participación no certame".
Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí
Seja o primeiro a comentar
Enviar um comentário