segunda-feira, 28 de junho de 2010

Medio Ambiente desbloquea o vial que sacará o tráfico pesado de Vite

A variante entre o polígono e o acceso oeste de Santiago terá 1,3 quilómetros e custará 6 millóns

Licita o contrato para redactar o proxecto do trazado da conexión entre o Tambre e a estrada de Carballo

A solución que liberará Vite do tráfico de vehículos pesados, un dos grandes problemas que soporta o barrio, está un pouco máis cerca. A Consellería de Medio Ambiente acaba de licitar o contrato de servizo para a redacción do proxecto de trazado e impacto ambiental da variante de Aradas, o viario que comunicará o polígono do Tambre coa estrada de Carballo e que evitará a circulación por Vite dos camións que transitan entre o acceso oeste de Santiago e o que é o maior parque empresarial da cidade.

O enlace, que terá 1,3 quilómetros de lonxitude e custará 6 millóns de euros, converterase na variante noroeste de Compostela. Trátase unha estrada convencional cuxa execución está prevista dentro do plan Move, co que o Goberno de Feijoo se propón activar un investimento de 4.200 millóns de euros para completar a rede viaria de Galicia no horizonte do 2015. En concreto, a variante de Aradas enmárcase dentro do programa de actuacións para mellorar as comunicacións viarias nas principais cidades e as súas áreas de influencia.

O trazado do novo viario arrincará das estradas Santiago-Santa Comba (CP-0701) e Santiago-Trazo (CP-7804), cunha intersección no núcleo de Vilares e outra coa estrada de Sar de Abaixo e Marzo, para finalizar no polígono do Tambre. Como elemento técnico máis destacado, a variante precisará da construción dun viaduto para salvar o río Sarela.

Alivio nos accesos do norte

Esta actuación, que aínda carece de prazo definido, mitigará o impacto que ten sobre o tráfico de Compostela o feito de que a conexión da cidade coa estrada de Santa Comba sexa a única que non se incorporou á rede de circunvalacións. Este déficit obriga a canalizar ese tráfico polos viarios urbanos, incluídos os vehículos pesados e de longo percorrido, coas molestias que supón para os residentes e os condutores que ven afectados por problemas puntuais de conxestión circulatoria. O viario mellorará os accesos do norte de Santiago.

Unha media diaria de case 6.000 vehículos atravesan O Romaño

Aínda que non hai datos que ilustren a incidencia que terá a futura conexión do polígono do Tambre coa estrada de Carballo, a efectos de valorar o desconxestionamento de tráfico pesado que implicará para o barrio de Vite, a intensidade circulatoria dos viarios que conectan Santiago con Santa Comba (CP-0701) e con Trazo (CP-7804) permiten facerse unha idea. A suma destas dúas estradas achega unha media diaria de case 6.000 vehículos ao trazado que entra na cidade polo Romaño. A variante de Aradas contribuirá, en boa medida, a canalizar ese tráfico.

Ademais desta actuación, o plan Move contempla outras infraestruturas para complementar a rede viaria de Santiago, dentro do programa de actuacións en medios urbanos co que Medio Ambiente pretende abordar as obras necesarias para resolver os problemas nos accesos das sete principais cidades.

No caso de Compostela, os traballos propostos nesa parte do plan Move están orientados á mellora dos accesos radiais, con actuacións co desdobramento en autovía do corredor Brión-Noia; a completar a circunvalación da cidade; e á mellora da funcionalidade distribuidora do viario interior, onde están previstos os accesos á Cidade da Cultura.

Para ler a nva no seu lugar de orixe, preme aquí e aquí

Seja o primeiro a comentar

Asociación Veciñal "Polígono de Vite"

Asociación Veciñal Polígono de Vite

Proxecto "Urbana Santiago norte"

proxecto URBANA SANTIAGO NORTE

Centro socio-cultural "José Saramago"

Centro socio-cultural José Saramago

Estades controlados

Auditorio de Galicia

Auditorio de Galicia

Snap Shots

Get Free Shots from Snap.com

Novas Vitenses © 2008. Template by Dicas Blogger.

TOPO