domingo, 13 de junho de 2010

O plan comunitario de Vite queda sen recursos para o 2011

Un grupo de voluntarios puxo en marcha a iniciativa fai máis de vinte anos para loitar contra as drogas

O plan comunitario de Vite ten os seus días contados se as autoridades da Consellería de Sanidade non cambian a súa decisión de non manter o convenio de colaboración coa Asociación de Veciños de Vite para o próximo ano. O convenio do 2010, anunciado a pasada semana e que representa un custo de 69.350 euros, será o último logo de dezaoito anos de existencia. Rosa Álvarez, a psicóloga do programa, explicou que a consellería xa lles informou de que o próximo ano non haberá convenio e modificarase o sistema para deixalo en subvencións para as entidades que soliciten axudas destinadas a plans relacionados coa prevención das drogodependencias. «Pero non basta con pegar uns carteis de non consumas drogas; os resultados chegan cun traballo continuado e cando gañas a confianza da xente».

A cuestión é que o plan comunitario de Vite é algo máis que un programa de prevención, xa que ten implicada a toda a sociedade do barrio na loita contra as drogas e contra calquera situación que poida derivar en exclusión social. Ademais das tres persoas contratadas directamente para desenvolver o programa, o plan funciona coa colaboración doutras oitenta persoas entre persoal docente, médico, veciños e veciños vinculados a entidades de mulleres, de cultura e de deporte.

O plan comunitario tivo o seu embrión no 87-88, cando un grupo de voluntarios da Coordinadora de Vite puxéronse ao choio para acabar coa secuela das drogas. Naquel momento, o traballo era «moi duro, moitas familias foron penalizadas con varios fillos con problemas», comenta a psicóloga. Vinte anos despois, os casos de drogas son «excepcionalidades» e ata o fracaso escolar é «unha excepción, algo que se logrou polo traballo de todos: dous centros educativos, de saúde e de nós. É unha pena tirar este esforzo».

O plan comunitario foi cambiando ao longo dos anos, case ao mesmo ritmo que o propio barrio. «Pasouse de falar de polígono a falar de barrio. A xente agora síntese orgullosa de dicir que é de Vite e hai vinte anos non era así». O barrio actual ten unha media de idade maior, pero «segue a ter problemas que requiren atención: o instituto, por exemplo, ten atención case diaria, porque a prevención é fundamental e rendible a curto prazo. Os políticos queren resultados inmediatos, pero a prevención dá resultados a curto prazo cun traballo de anos detrás».

Un cambio continuado

O barrio cambiou en todos os anos de existencia do plan comunitario e con el modificáronse tamén os temas a tratar. Así, aínda que se manteñen atentos a cuestións vinculadas ás drogodependencias e séguense realizando campañas de prevención. O equipo tamén se ocupa doutras cuestións que tamén están relacionadas como a autoestima, os talleres de sexualidade, as relacións entre pais e fillos adolescentes e os conflitos entre profesores e alumnos. Este ano púxose en marcha no IES Xelmírez II un programa de «mediación escolar», que reduciu a conflitividade nas aulas. «Os profesores reciben con satisfacción os resultados. Agora as aulas son distintas, gáñase en calidade de vida e en calidade de ensinanza», di Rosa.

O plan comunitario é un éxito, segundo a técnica, porque se traballa coordinadamente en comisións, nas que interveñen diferentes persoas. «Hai oitenta persoas pendentes». Así, cando alguén detecta un mozo cun problema, chega rapidamente ao equipo do plan, que actúa case inmediatamente, atalla o problema e busca unha solución. Hai uns anos, no centro médico detectouse un incremento de embarazos non desexados e «púxose en marcha un plan preventivo; ao ano seguinte baixaron os datos. Cousas así demostran que o plan é necesario», apunta Álvarez.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

Seja o primeiro a comentar

Asociación Veciñal "Polígono de Vite"

Asociación Veciñal Polígono de Vite

Proxecto "Urbana Santiago norte"

proxecto URBANA SANTIAGO NORTE

Centro socio-cultural "José Saramago"

Centro socio-cultural José Saramago

Estades controlados

Auditorio de Galicia

Auditorio de Galicia

Snap Shots

Get Free Shots from Snap.com

Novas Vitenses © 2008. Template by Dicas Blogger.

TOPO