quinta-feira, 23 de outubro de 2008

Mil 'vips' abarrotan hoxe a gran festa dos "Gallegos del Año"


Emilio Pérez Touriño, Anxo Quintana e sete conselleiros presidirán, xunto a outras autoridades, unha gala que congregará ás máis altas representacións de todos os ámbitos sociais ·· Máis dun milleiro de persoas daranse cita, ás 19.30, no Auditorio de Galicia ·· Especial

Ás sete e media da tarde de hoxe e no compostelano Auditorio de Galicia, no Campus Norte, iniciarase coa recepción de autoridades, galardonados e invitados, a décimo novena gala dos Galegos do Ano, premios instituidos polo Grupo Correo Galego e que co transcorrer das súas edicións fóronse afianzando en estima e recoñecemento públicos, até o punto de constituír un dos eventos sociais de maior relevancia en Galicia.

O titular da Xunta, Emilio Pérez Touriño; o vicepresidente, Anxo Quintana, e sete conselleiros presidirán un acto que congregará a máis dun milleiro de persoas dos máis variados ámbitos sociais, políticos, económicos e culturais e na súa máxima representación, para aplaudir a José Manuel Otero Alonso, presidente do grupo Pontes, como Galego de 2008, e a outras personalidades e institucións que cada trinta días foron designados como Galegos do Mes polas redaccións dos medios que integran o grupo de comunicación da capital de Galicia.

De igual xeito, o Parlamento e as administracións central, xudicial e militar estarán representadas polos seus máximos dirixentes nesta comunidade, no que constitúe un rango protocolario sen precedentes.

A presentación, a través dun coidado despregue audiovisual, do perfil de quen foron distinguidos como Galegos do Mes abrirá o acto para, a continuación, procederse á entrega das estatuillas e diplomas acreditativos.

Seguidamente, procederase á lectura do acta do xurado outorgadora do Galego do Ano, e seguidamente o profesor da Universidade de Santiago Xosé Luís Barreiro Rivas lerá a laudatio do homenaxeado.

Trala entrega da medalla conmemorativa e o correspondente premio en metálico, será José Manuel Otero quen pronuncie unhas palabras.

O titular da Xunta, Emilio Pérez Touriño, será o encargado de poñer fin á entrega de premios cunha breve intervención glosando a significación dos recoñecementos e dos premiados. O grupo de música antiga Meendinho ofrecerá a continuación unha breve e coidada selección de cantigas de amigo para concluír cun cóctel para todos os asistentes.

Como se sinalaba, a gala concede especial protagonismo ás máis novedosas técnicas de son e imaxe na presentación dos galardoados e nos efectos de luz no esceario e será presentada polas xornalistas do Grupo Correo Olga Vilar e Susana López. Tanto Radio Obradoiro como Correo Televisión realizarán un amplo despregue de medios técnicos e humanos para ofrecer a retransmisión do acto en directo e para realizar reportaxes e entrevistas que encherán a parrilla de programación de ambos medios en días sucesivos.

Hai que sinalar, para rematar, que as inmediacións do Auditorio de Galicia, lugar do acto, estarán controladas por axentes da Policía Local de Santiago nun despregue especial que permita facilitar a circulación pola zona así como o acceso ao máis dun milleiro de persoas invitadas á celebración.

  • PRATA E OURO

Medalla conmemorativa

A medalla conmemorativa do Premio Galego do Ano reproduce no anverso a efixie do galardonado, José Manuel Otero, e no seu reverso o anagrama do Grupo Correo Galego e o título da distinción. Foi realizada en ouro e prata polo renomeado orfebre santiagués Antonio González, que rexenta a casa Orfebre R. González, no número 2 da compostelana praza Feixoo.

  • CANTIGAS DE AMIGO

Meendinho pechará a gala

Concluída a entrega de premios, o grupo de música antiga Meendinho poñerá o broche musical, coa interpretación de cinco breves cantigas de amigo da época medieval galega e da autoría de Pero de Veer, Pero Meogo, Martín de Ginzo e Pai Gomez Carinho. O grupo que pechará a gala está integrado pola cantante Paulina Ceremuzynska, que dirixe a formación, e os instrumentistas Fernando Reis -cítola e laúd medieval- e Carlos Castro, na percusión.

  • VALORACIÓN

Unanimidade ao eloxiar os premios

Tanto premiados como as autoridades que nos 18 anos precedentes presidiron a gala foron unánimes á hora de ensalzar a significación dos galardóns e do grupo de comunicación que os fixo posíbeis. Se para Manuel Fraga "a alma do CORREO está na cidadanía de Galicia", Touriño sinalou que os galardóns converten os méritos dos individuos "en valores para o conxunto da sociedade", Mariano Rajoy destacou que "priman á persoa por encima de todo" e Paco Vázquez apuntou que "todos os galegos podémonos ver reflectidos con orgullo no CORREO GALEGO". Finalmente, resumindo a esencia dos mesmos, Feliciano Barreira argumentou que os premios defenden "aos que buscan lugares de encontro fronte a quen apostan pola confrontación".

Para ler a nova no seu lugar de orixe preme aqui

Seja o primeiro a comentar

Asociación Veciñal "Polígono de Vite"

Asociación Veciñal Polígono de Vite

Proxecto "Urbana Santiago norte"

proxecto URBANA SANTIAGO NORTE

Centro socio-cultural "José Saramago"

Centro socio-cultural José Saramago

Estades controlados

Auditorio de Galicia

Auditorio de Galicia

Snap Shots

Get Free Shots from Snap.com

Novas Vitenses © 2008. Template by Dicas Blogger.

TOPO