segunda-feira, 24 de agosto de 2009

O miradoiro de Monte de Deus completarase con outros 25.000 metros

A segunda fase do proxecto de acondicionamento do cumio de Vite financiarase co Urbana Norte

Tan só os veciños de Vite e a súa contorna máis próxima, seguramente non todos, e un puñado de composteláns máis coñecían da existencia dun miradoiro sobre a cidade no alto do monte de Vite, concretamente no Monte de Deus. O departamento de Medio Ambiente está pondo todos os medios para recuperar un espazo desde o que é posíbel ver unha imaxe completa e diferente de Santiago, onde pode contemplarse tanto o máis próximo, como o propio barrio de Vite e o centro histórico, como localidades máis afastadas como Milladoiro, Os Tilos e A Estrada. A estampa pouco ten que envexar á que pode verse desde o alto do Pedroso.

Ao miradoiro de Monte de Deus, en Vite, chégase desde a avenida Castelao tomando a rúa Ulpiano Villanueva até a altura do cruzamento coa avenida do Burgo para ir cara á rúa Vite de Arriba. Deberá seguirse pola rúa dos Cabalos até a segunda desviación á dereita. O autobús urbano ten unha parada preto da igrexa de Vista Alegre e a rúa Diego Peláez, que pasa xunto ao templo e leva directo a Vite de Arriba.

Toda a zona ten unha extensión de 31.000 metros cadrados, dos que seis mil están xa preparados para recibir visitas. A instalación dun panel, que reproduce a mesma imaxe que pode ser vista en directo, axuda ao visitante a situarse perfectamente ao incluír unha lenda coa identificación dos edificios máis emblemáticos da cidade. Esta primeira fase do parque, que se inaugurou o pasado 20 de xuño, foi financiada polos fondos Feder, que achegaron 126.000 euros dos 180.000 euros do custo do proxecto.

Os que non coñecesen antes o miradoiro poderían non apreciar suficientemente o resultado final dos traballos, xa que foi necesario realizar a roza da abundante vexetación e eliminar gran cantidade de maleza que dificultaba o acceso á zona. Entre os traballos realizados destaca a instalación de mobiliario, o acondicionamento dun área de usos polivalentes e a mellora da contorna da fonte e lavadoiro, así como a apertura dun carreiro e a recollida de augas pluviais e a plantación dalgúns exemplares novos.

Aos seis mil metros cadrados que se acondicionaron xa no monte de Vite haberá que sumar proximamente outros case 25.000 metros cadrados no cumio máis alto do monte, entre as cotas 340 e 375. Esta peza limita cun gran anaco de xardín, que conta cunha edificación unifamiliar, mentres que alén linda cun muro de pedra e montes privados de eucaliptos e vexetación arbustiva. No máis alto hai pasteiros. O espazo que se acondicionará nesta segunda fase alberga unha mina de auga, que abastece o depósito de auga situado na parte baixa da parcela e que foi adaptado para a súa integración no recinto. Atendendo a normativa en materia de prevención de incendios, que obriga a substituír especies de alto índice de piroficidade por outras autóctonas, en Monte de Deus incorporaranse algunhas especies máis propias do país. Na actualidade, na parcela hai fundamentalmente arbustos (breixos, toxos e silveiras), piñeiros do país adultos e varios eucaliptos.

As obras de acondicionamento desta segunda fase do Monte de Deus estarán terminadas a finais deste ano. A seguridade da data do fin de obra vén determinada polo feito de que o proxecto se financiarán con cargo ao orzamento deste ano do Urbana Norte, polo que os traballos deberán estar listos para poder recibir a axuda europea.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

Seja o primeiro a comentar

Asociación Veciñal "Polígono de Vite"

Asociación Veciñal Polígono de Vite

Proxecto "Urbana Santiago norte"

proxecto URBANA SANTIAGO NORTE

Centro socio-cultural "José Saramago"

Centro socio-cultural José Saramago

Estades controlados

Auditorio de Galicia

Auditorio de Galicia

Snap Shots

Get Free Shots from Snap.com

Novas Vitenses © 2008. Template by Dicas Blogger.

TOPO