domingo, 23 de agosto de 2009

Os barrios quedan sen servizos

Abundan os locais baleiros en varias áreas da cidade e non existe un proxecto de incentivos para a creación de comercio fose do centro histórico ou da zona centro

O período de crecemento sostido experimentado pola economía galega e máis particularmente polo sector da construción nestes últimos anos favoreceu á expansión da cidade, orixinando novas zonas e áreas residenciais infestadas de baixos e locais comerciais baleiros. Isto provocou que a falta de servizos sexa un feito palpábel ao que se enfrontan os veciños e veciñas dos barrios da cidade de Santiago.

Zonas como a de Santa Marta, Conxo, Vite, San Lourenzo ou Vista Alegre están desprovistas de comercios ou negocios que proporcionen aos seus veciños os servizos de primeira necesidade, o que provoca que teñan que desprazarse a outras zonas como a zona vella, o Ensanche ou as grandes superficies comerciais para realizar as súas compras diarias. En moitos destes barrios a situación non é nova e os seus veciños máis veteranos considérana de absoluta normalidade. María de la Concepción e Mercedes, dúas veciñas e amas de casa do barrio de Vite, aseguran desprazarse varias veces á semana ao centro da cidade para realizar as compras. «Aquí nunca houbo moita actividade e vos poucos comercios que abrían, ao intre pechaban pola falta de clientela». E é que moitos composteláns asumiron como normal a situación de deterioración do pequeno comercio local, tendo que desprazarse á zona centro ou ás grandes superficies para realizar as súas compras de diario.

Luís Matos, presidente da asociación de veciños Doutor Maceira de Conxo, asegura que nos últimos meses tiveron que baixar a persiana ao redor de seis negocios do barrio. «A crise está a desanimar aos comerciantes a abrir novos comercios na zona». A avenida de Ferrol, situada no barrio de Conxo, preséntase como unha das rúas de nova creación con máis locais baleiros de toda a cidade. A xente identifica a crise como a causa principal, pero, e se non é a única causa?, e se é certo que os composteláns prefiren os centros comerciais para realizar as súas compras? Luís Matos apunta á pixota que se morde a cola. «Non existen comercios nos barrios e os veciños acoden ás grandes superficies. O problema está en que cando un valente decide abrir un negocio, moita xente está xa afeita ao outro e non é doado mudar de hábitos».

Para romper con esta situación, o representante dos veciños desta zona do sur de Santiago asegura que están intentando coordinar a creación dunha asociación de comerciantes «que contribúa á posta en valor do barrio».

Yolanda Mallo é veciña de Conxo e asegura que se despraza a outros barrios á hora de facer a compra. «Hai demasiados bares mentres que faltan comercios doutro tipo». Alberto Varela, veciño de Vista Alegre e encargado da ferraxería Ferrva-Herrajes non está de acordo e afirma que «os grandes negocios péchanse nos bares», aludindo ao dereito ao bar. Segundo el, un dos grandes problemas do comercio de barrio reside na escaseza de prazas de aparcadoiro. O mesmo opina o seu veciño do Mesón do Pulpo, que ademais asegura perder a clientela fixa do menú do día nos últimos tempos. Cerca, outro santiagués reflexiona: se pechan o comercios e non abren outros, os barrios quedarán sen servizos perderase o faladoiro de carnizaría «porque a El Corte Inglés non se vai a falar. Vaise a comprar e en coche».

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

Seja o primeiro a comentar

Asociación Veciñal "Polígono de Vite"

Asociación Veciñal Polígono de Vite

Proxecto "Urbana Santiago norte"

proxecto URBANA SANTIAGO NORTE

Centro socio-cultural "José Saramago"

Centro socio-cultural José Saramago

Estades controlados

Auditorio de Galicia

Auditorio de Galicia

Snap Shots

Get Free Shots from Snap.com

Novas Vitenses © 2008. Template by Dicas Blogger.

TOPO