sexta-feira, 18 de dezembro de 2009

Raxoi exporta a Vite o modelo urbanístico da rúa de Berlín

A avenida de Castelao terá beirarrúas máis amplas, pero manterá a maioría das prazas de aparcadoiro ·· Haberá unha rotonda no cruzamento do Auditorio ·· Os veciños critican que non se lles consultase previamente

A avenida de Castelao, no barrio de Vite, era até agora unha travesía urbana, é dicir, un tramo de estrada que atravesaba á cidade. O obxectivo da reurbanización é convertela nunha vía plenamente urbana, con beirarrúas máis amplas, nova iluminación e mobiliario urbano. Ademais, haberá un paso de peóns cada cento cincuenta metros.

O modelo que se seguirá é similar ao empregado na recentemente reurbanizada rúa de Berlín, en Fontiñas, aínda que aquí a principal novidade é que se manterán practicamente as mesmas prazas de aparcadoiro, afirmou o alcalde, asegurando que só se suprimirán as necesarias para construír nove paradas de autobús.

En total, serán 145 prazas de aparcadoiro en batería e outras 48 en liña. Unha cantidade non suficiente, segundo os veciños, xa que ningunha das vivendas ten garaxe, e na zona deixan os seus coches tamén os que acoden á Xunta, ao campus norte e á Escola Oficial de Idiomas.

Outra das novidades é a apertura dun terceiro carril, no centro, que servirá para que os vehículos que soben poidan virar á esquerda sen perigo. Este carril tamén se manterá no entroncamento coa avenida de San Caetano. O último cambio refírese ao cruzamento coa avenida do Burgo das Nacións, onde se abrirá unha rotonda.

O alcalde compostelán, Sánchez Bugallo, e o concelleiro de Infraestruturas, Bernardino Rama, presentaron onte o proxecto no Concello e, previamente, o mércores explicáronllo aos veciños do barrio.

Entre os veciños causou un certo malestar o que esta presentación levase a cabo cando as obras xa están en marcha, "polo que só se poderán introducir algunhas modificacións moi concretas", explicaba o presidente veciñal, Alfredo Santomil, xa que moitos residentes quixesen facer as súas propostas antes de que o proxecto estivese totalmente pechado.

Tamén varios dos asistentes á reunión, que se celebrou no centro veciñal, quixeron aproveitar a ocasión para exporlles aos representantes municipais a necesidade de acometer tamén a reurbanización doutros viarios do barrio. Bugallo prometeu realizar unha reunión sobre estes temas máis adiante.

Santiago de Guayaquil

Tamén por obras, neste caso de limpeza de canalizacións e saneamento, pecharase hoxe pola mañá, entre as 10.00 e as 13.00 horas, a rúa Santiago de Guayaquil. O tráfico desviarase pola rúa de Gómez Ulla.

  • As claves

A medias entre a Xunta e o municipio

·· A reurbanización forma parte do plan de travesías financiado a medias entre o Concello e a Xunta. O investimento neste proxecto ascende a 2.254.419 euros, e o prazo de execución previsto é de doce meses.

En dúas fases sen cortar o tráfico

·· A reurbanización dos 1,2 quilómetros que mide a avenida levará a cabo en dúas fases, pero sen cortar o tráfico. É dicir, primeiro arranxarase un dos laterais, e cando estean concluídos os traballos, acometerase o contrario.

Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

Seja o primeiro a comentar

Asociación Veciñal "Polígono de Vite"

Asociación Veciñal Polígono de Vite

Proxecto "Urbana Santiago norte"

proxecto URBANA SANTIAGO NORTE

Centro socio-cultural "José Saramago"

Centro socio-cultural José Saramago

Estades controlados

Auditorio de Galicia

Auditorio de Galicia

Snap Shots

Get Free Shots from Snap.com

Novas Vitenses © 2008. Template by Dicas Blogger.

TOPO